Xunta e patronal pasteira poderían fumigar espazos protexidos cun pesticida recentemente prohibido Imprimir
Envia Xunta e patronal pasteira poderían fumigar espazos protexidos cun pesticida recentemente prohibido a FaceBookEnvia Xunta e patronal pasteira poderían fumigar espazos protexidos cun pesticida recentemente prohibido a Twitter
10 de abril de 2012. Hai poucos días sindicatos agrarios e apicultores/as denunciaron a intención da Xunta e de ASPAPEL (Asociación Española de Fabricantes de Pasta, Papel e Cartón) de fumigar as plantacións de eucalipto galegas contra o gorgullo cun pesticida nocivo para as abellas. Dase a circunstancia de que o principio activo deste biocida, o flufenoxuron, acaba de ser excluído da lista de produtos fitosanitarios autorizados pola Comisión Europea (decisión da Comisión de 9 de febreiro de 2012) tras a avaliación dos seus riscos. O flufenoxuron é persistente, bioacu­mulativo e tóxico, e deixará de comercializarse a partires do 1 de agosto de 2012. No entanto, a Xunta e a patronal pasteira pretenden dar saída aos "stocks" deste veleno con fumigacións masivas nos eucaliptais galegos denantes de que se faga efectiva a prohibición.

Un dos primeiros ensaios pretende facerse este mes no concello de Melide. Para iso, o concello fixo público un bando para que os propietarios interesados se apunten ao tratamento que se realizará "de xeito totalmente gratuíto". Dende ADEGA preguntámonos: quen vai pagar entón os custos do tratamento de fumigación das fincas privadas se non son os seus propietarios?

E engadimos: Melide e os concellos limítrofes teñen unha importante superficie incluida na Rede Natura 2000 (LIC do Careón), na que están presentes especies protexidas de insectos como a bolboreta  Euphydryas aurinia e o escarabello Lucanus cervus (vacaloura). Estas especies están consideradas de interese comunitario e incluidas no Anexo II da Directiva de Hábitats (92/43 CEE), para cuxa conservación os estados membros deben designar zonas de especial conservación. A maiores, poboacións da bolboreta Zerynthia rumina, considerada en perigo de extinción e do coleóptero Cerambyx cerdo (capricornio das aciñeiras), vulnerábel, poderían verse afectadas polas fumigacións.

Tivo en conta a Xunta a presenza destas especies protexidas, ameazadas e en perigo de extinción nas parcelas fumigadas, incluidas ou próximas aos espazos protexidos? A fumigación indiscriminada do flufenoxuron en áreas con presenza destas especies pode supoñer un grave incumprimento da normativa europea por parte da Xunta, e constituir un delicto contra o medio ambiente e a biodiversidade, xa que ademais de afectar ás poboacións de insectos protexidos, afectaría de xeito indirecto ás aves insectívoras e morcegos. Por iso, poñeremos en coñecento da Fiscalía Ambiental e da Comisión Europea estes feitos para depurar as responsabilidades da Xunta nestas vergoñentas prácticas.

Dende ADEGA rexeitamos a utilización masiva e sistemática de produtos químicos para combater as pragas pola súa inefectividade demostrada e perniciosos efectos colaterais sobre outros organismos (incluidas as persoas) e o ambiente. O control das pragas debería basearse na prevención, con actuacións localizadas e facendo uso de tratamentos baseados no control biolóxico, que xeralmente son específicos da praga a tratar e non afectan ao resto das especies do ecosistema

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com