Xurés, Limia, Courel, Macizo Central... e agora, as Fragas do Eume en chamas Imprimir
Envia Xurés, Limia, Courel, Macizo Central... e agora, as Fragas do Eume en chamas a FaceBookEnvia Xurés, Limia, Courel, Macizo Central... e agora, as Fragas do Eume en chamas a Twitter
LumeEumesat31 de marzo de 2012. O lume que o serán deste día comezou a queimar o corazón do Parque Natural das Fragas do Eume, o mellor e máis extenso reduto de bosque atlántico que temos no País, evidencia a un tempo as miserias da política de conservación e os erros das estratexias forestais da Xunta. Esta nova catástrofe ecolóxica non é pois casual: é consecuencia do desleixo e da falla de investimentos na conservación dos espazos naturais protexidos; é consecuencia da irracionalidade do actual modelo forestal que esquece os servizos ambientais e sociais do monte e da biodiversidade, que fomenta os monocultivos e que permitíu proliferación de eucaliptos dentro do parque; e é consecuencia da miopía dun sistema de loita contra o lume que segue primando a extinción e o desbaldimento de recursos en lugar de investir en prevención.

lumefragasDV

No caso especial dos lumes en espazos protexidos, que se teña producido unha máis que notábel redución de recursos destinados á prevención do lume sen sequera tomar en consideración a especial protección que requiren os seus valores naturais, cando é responsabilidade da Xunta protexelos, só pode cualificarse de delictivo.

Que no que levamos de ano teñan ardido máis de 6.000 ha de monte, cunha especial afección aos espazos protexidos da Limia-Xurés, O Courel, Macizo Central e agora, as Fragas do Eume, logo de virmos dun outono no que ficaron arrasadas 11.000 ha só en 4 espazos da Rede Natura 2000 de Galiza, supón unha catástrofe ambiental de consecuencias talvez ireversíbeis para a biodiversidade destas áreas. Hábitats e especies únicas e moi fráxiles sufriron un impacto difícil de cuantificar, porque precisamente dende os lumes de outono, a administración non ten cuantificado nen executado nada.

Onde están os orzamentos precisos para os planos de restauración hidrolóxico-forestal e de recuperación ambiental? Ulas medidas para protexer da erosión as zonas queimadas, acondicionando faixas de protección contra a escorrentía? Que foi das medidas proactivas para recuperar os elementos da nosa biodiversidade máis sensíbel e ameazada?

Que ardan agora as Fragas do Eume, o noso bosque máis sobranceiro é pois, unha cruel ironía. ADEGA esixe que a administración empece por adicar todos os medios técnicos, materiais e humanos para extinguir as chamas e protexer do lume as zonas máis sensíbeis do Parque Natural, ao que deberá seguir unha investigación exhaustiva sobre as orixes, as causas e as intencións desta catástrofe. Que relación ten este lume coa prevista explotación mineira de andalucita no Pico Vello (Goente), a parroquia na que comezou o lume? A seguir, é urxente a elaboración e posta en marcha, a cargo de especialistas en biodiversidade, dun plano de restauración destinado á recuperación da biodiversidade afectada e a impedir o rebrote dos eucaliptais afectados polo lume.

E para unha acaída reflexión sobre as causas e consecuencias dos lumes nos espazos protexidos, e o deseño e planificación de instrumentos específicos para estas áreas, esiximos a convocatoria urxente do Consello Forestal e do Consello Galego de Medio Ambiente. Unha administración ten que estar para algo máis que para coller unha pá e facer unha foto o día da árbore, mentres os nosos bosques arden!

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com