ADEGA apoia a Folga Xeral deste 29 de marzo Imprimir
Envia ADEGA apoia a Folga Xeral deste 29 de marzo a FaceBookEnvia ADEGA apoia a Folga Xeral deste 29 de marzo a Twitter

Folga29M2012

O ECOLOXISMO SECUNDA A FOLGA XERAL DESTE 29 DE MARZO. Perante a convocatoria dunha Folga Xeral en Galiza e Euskal Herria e tamén a nível estatal o día 29 de marzo, as organizacións do movemento ecoloxista e da defensa do ambiente, consideramos que estas mobilizacións converten ese día nunha xornada chave na que estarán en xogo elementos básicos do noso modelo social. Desde o inicio da crise, a Unión Europea, o Fondo Monetario Internacional, Alemaña, Franza, os principais fondos de investimento e as axencias de cualificación, fundamentalmente, están a impoñer, coa complicidade e a aquiescencia dos distintos gobernos españois, un recuo social e ambiental brutal sobre a base de recortes de dereitos sociais e de orzamentos para a protección ambiental e social.

Se ben os recortes sociais, a supresión de dereitos laborais e, en definitiva, o retroceso cara a graos maiores de desigualdade son motivos máis que suficientes para convocar unha folga xeral, os temas ambientais non son en absoluto alleos a esta xornada decisiva.

A Humanidade está a atravesar unha crise ambiental que resulta ser moito máis grave que a económica e financeira. Estamos a superar os límites do planeta no que vivimos, saturamos aire, auga e solo de contaminantes, e malgastamos os recursos básicos enerxéticos e materiais. A mudanza climática e a perda acelerada de biodiversidade son signos evidentes do esgotamento da Terra.

A crise ambiental ten moito que ver coa nosa vida, porque a natureza nos garante o alimento, a auga limpa, o aire, os lugares de esparexemento, os materiais para as nosas vivendas, gran parte dos medicamentos, etc.

A esta crise ambiental sen precedentes levounos o sistema económico vixente. Este sistema, que cada vez esixe unha maior liberalización dos mercados e novos recortes sociais, está a ter consecuencias nefastas para o noso medio ambiente: o "tsunami" urbanizador, ser o territorio europeo con máis superficie de cultivos transxénicos e quilómetros de autovías, un parque automobilístico en expansión continua ou un consumo enerxético intensivo que só detén o seu crecemento en momentos de crise. Todo iso implica o incumprimento do Protocolo de Quioto, a deterioración irremisíbel de bens escasos, como o solo fértil, e problemas como que tres cuartas partes da poboación respire aire contaminado, a sobreexplotación de recursos hídricos, ou que a anchoa, o atún vermello, a pita do monte ou o oso pardo estean en situación crítica.

Esiximos políticas cara á sustentabilidade, onde o ambiental e o social non estean supeditados face ao crecemento económico. Non nos abondan xa os discursos baleiros.

Necesitamos reducir o noso consumo de materia e enerxía para os adaptarmos, con criterios de xustiza social, aos recursos existentes. Temos que avanzar rapidamente cara a unha mudanza do mix enerxético baseada en enerxías renovábeis. Cómpre fomentar un modelo agroalimentar centrado en circuítos curtos de distribución e cultivo ecolóxico. Tamén diminuír a mobilidade motorizada e o número de vehículos. E moitas outras medidas para satisfacermos as nosas necesidades con baixas ou nulas emisións de carbono, sen pormos en perigo o resto de seres vivos cos que convivimos e que son básicos para a nosa subsistencia.

Estes cambios débense facer con políticas públicas que protexan os traballadores e as traballadoras dos sectores a reestruturar e que impulsen novos depósitos de emprego sustentábel, de acordo co principio de "transición xusta" partillado polo sindicalismo e o ecoloxismo internacional.

Por todas estas razóns manifestamos a nosa convicción de que non vale calquera forma de saír da crise. Non valen políticas laborais que nos devolvan ao século XIX. Non valen políticas económicas que menosprecen a nosa crítica situación ambiental para dar prioridade a un modelo económico que atende aos intereses dunha minoría e aboca a Humanidade a unha situación sen saída ambiental.

O movemento ecoloxista non pode ficar á marxe desta problemática e da necesidade de se mobilizar en defensa doutro modelo económico e outras políticas, reclamando como facemos sempre máis xustiza social e ambiental. Por iso manifestamos o noso apoio á convocatoria de folga xeral do 29 de marzo.

 

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com