Adega
INICIO Últimas novas Caso BRENNTAG: Que hai da responsabilidade das administracións?
Caso BRENNTAG: Que hai da responsabilidade das administracións? PDF Imprimir Correo-e
Envia Caso BRENNTAG: Que hai da responsabilidade das administracións? a FaceBookEnvia Caso BRENNTAG: Que hai da responsabilidade das administracións? a Twitter

20 de marzo de 2012. En 2006, o incendio na petroquímica Brenntag en Caldas de Reis provocou o vertido de substancias altamente tóxicas (ácidos, metais pesados, hidrocarburos aromáticos, organoclorados...) ao río Umia eliminando a vida acuática nun treito de 7 Km. Con independencia dos resultados do xuizo para determinar as responsabilidades do accidente e posterior catástrofe ecolóxica, ADEGA quere promover a reflexión sobre como se puido autorizar a construción dunha fatoría de alto risco para a saúde e o ambiente á beira dun ecosistema tan sensíbel. A ubicación da empresa na zona inundábel do Umia multiplicou os impactos do vertido. Que acontecería no caso dun accidente cos depósitos do Ferrazo, na ría de Arousa ou cos de REGANOSA na ría de Ferrol?

Aliás dos importantísimos danos ecolóxicos ao maltreito Umia, cómpre lembrar que a catástrofe puido ser aínda maior, xa que desemboca na ría de Arousa, un ecosistema de enorme valor ecolóxico do que dependen importantes sectores económicos. Por iso, para ADEGA o accidente da Brenntag constituíu sobre todo unha clara advertencia ás administracións sobre a lixeireza con que se acepta calquera ubicación para instalar industrias de alto risco para a seguridade, a saúde pública e o medio ambiente.

Ningún trámite de avaliación ambiental ou protocolo de seguridade minimamente rigoroso podería permitir a instalación dunha fatoría destas características á beira dun río ou ría e próxima a zonas povoadas. Catástrofes ecolóxicas como a do Umia en 2006 deberían servir para que as administracións e a cidadanía sexamos conscientes dos riscos que repesentan, por exemplo, os depósitos do Ferrazo no porto de Vilagarcia, na ría de Arousa, ou a planta de gas de REGANOSA en Mugardos, no interior da Ria de Ferrol.

Os poderes públicos, incluída a xustiza, deberían ter tomado nota deste accidente e comprender que aínda estamos a tempo de evitar outros de igual ou maior gravidade. As leis e normas ambientais deberían cumprirse estritamente, xa que son a garantía de que a saúde das persoas e do ambiente está por riba dos beneficios empresariais ou dos interses políticos. Mais lonxe de facelas respectar, as administracións tenden a flexibilizar a súa interpretación cando non as recurtan ou desmontan directamente (Xunta: Lei de AcompañamentoLei do Solo, POL, DOT, Plano Director da Rede Natura, Plano Director de Acuicultura, Lei de Industria, Lei de Montes...; Estado: Lei de Costas). Por iso e coma noutras tantas ocasións, no banquiño dos acusados non están todos os responsábeis desta desfeita.

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 

Redes sociais

adegafacebook

twittergal



ADEGA