Adega
INICIO Últimas novas Fronte á inoperancia da Xunta, mobilízate a prol do Monte Pindo
Fronte á inoperancia da Xunta, mobilízate a prol do Monte Pindo PDF Imprimir Correo-e
Envia Fronte á inoperancia da Xunta, mobilízate a prol do Monte Pindo a FaceBookEnvia Fronte á inoperancia da Xunta, mobilízate a prol do Monte Pindo a Twitter
4 de febreiro de 2012. A Comisión 7ª do Parlamento Galego vén de rexeitar unha proposición non de lei apoiada polos grupos da oposición para instar á Xunta a declarar o Monte Pindo Parque Natural. Desatendendo unha vez máis o criterio de numerosos científicos, profesores universitarios, veciños e ducias de colectivos sociais e sectoriais, o PP volve a impedir que este singular espazo teña a protección que merece, e que esta protección acompáñese de medidas para beneficiar a veciñanza e dinamizar a Costa da Morte. Resulta irónico que o mesmo día que o PP rexeita esta proposta, a Xunta aprobe a "Estratexia Galega da Acuicultura" para permitir a Pescanova arramplar con Touriñán e dea o visto bó definitivo a 3 minicentrais de Villar Mir no Xallas. Eis o "desenvolvemento sustentábel" de Feijóo: frear as iniciativas respectuosas para entregar logo o noso patrimonio natural aos amigos. MANIFESTACIÓN NACIONAL O 14 DE ABRIL POLO PINDO

ADEGA e a Asociación Monte Pindo Parque Natural lamentan o discurso da única forza do arco parlamentar, o PP, que segue rexeitando a iniciativa en solitario, dado que nin sequera coinciden os motivos que alegan publicamente cos que esgrimen en privado. Ademais lamentaron que os populares non accederan a consensuar un texto conxunto no que puideran verse representadas as tres forzas, malia a insistencia da parlamentaria presentante, Isabel Sánchez. Todo indica que en realidade a oposición do PP xa estaba máis que predeterminada e que responde a criterios exclusivamente económicos, dado que saben perfectamente que a declaración de Parque Natural implica asumir por lei compromisos firmes mediante o establecemento de prazos e dunha partida económica específica que garantan que esta protección sexa útil e efectiva.

Xilberto Caamaño, presidente da As. Monte Pindo Parque Nartural argumentou non existe un só motivo que desaconselle declarar o macizo carnotán como parque natural, tal e como pediron moitos e prestixiosos especialistas de todas as disciplinas, e a Xunta sábeo; por iso vese forzada a xustificar o inxustificable con excusas de mal pagador, desprezando a quen defende a iniciativa ou incluso divulgando interesadamente datos erróneos e mesmo falsos con tal de despachar a reivindicación veciñal sen que iso lle supoña adquirir compromisos firmes de traballo. Isto evidenciouse no texto alternativo proposto polo PP, que desvirtuaba a intención do orixinal anulando todo aquelo que implicaba comprometer prazos e investimentos para o Monte Pindo, e pretendendo converter o debate nun simple xesto cara a galería para aplacar a demanda social pero que non implicaba para as administracións adoptar ningún tipo de iniciativa a curto ou medio prazo.

O alcalde de Carnota Ramón Noceda amosou a súa preocupación porque a Xunta asegure que o Monte Pindo está suficientemente protexido na actualidade mediante a Rede Natura e os LIC, dúas figuras que non serviron polo momento para protexelo nin tampouco para axudar a desenvolver o seu entorno; de feito considera que a experciencia demostra que só se derivaron en trabas para o concello, os colectivos e os veciños que traballan para recuperar e aproveitar o seu medio tradicional, mentras que os grandes proxectos industriais plantexados para estes espazos protexidos reciben luz verde sen ningún obstáculo. O rexedor carnotán está convencido de que o Parque Natural xeraría novas posibilidades de desenvolvemento na localidade, partindo do respecto e o coidado do noso privilexiado entorno natural.

Por último, Fins Eirexas, secretario executivo de ADEGA denunciou que unha comisión do Parlamento creada para defender o medio natural autorice no entorno do Monte Pindo proxectos tan controvertidos como 3 minicentrais, a ampliación das centrais eólicas e mesmo unha piscifactoría, na mesma sesión que rexeita protexer o Monte Pindo.

Convocada manifestación en Carnota de apoio ao Parque Natural

Por todo isto, e en vista da negativa da Xunta a dialogar e alcanzar acordos sobre a protección do macizo carnotán, a única alternativa é que o conxunto da sociedade tome a iniciativa, polo que a Asociación Monte Pindo convoca unha manifestación nacional a prol do Parque Natural do Monte Pindo, que terá lugar o sábado 14 de abril no Pindo (concello de Carnota) e que servirá para demostrarlle á Xunta o multitudinario respaldo con que a iniciativa conta entre a sociedade, os expertos e os axentes sociais.
Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 

Redes sociais

adegafacebook

twittergal



ADEGA