Adega
INICIO Últimas novas A hibridación, unha nova ameaza para a supervivencia do lobo galego
A hibridación, unha nova ameaza para a supervivencia do lobo galego PDF Imprimir Correo-e
Envia A hibridación, unha nova ameaza para a supervivencia do lobo galego a FaceBookEnvia A hibridación, unha nova ameaza para a supervivencia do lobo galego a Twitter
30 de novembro de 2011. Á caza (permitida en Galiza), ao furtivismo, envelenamentos, atropelos... hai que engadir agora un novo risco para a supervivencia do Canis lupus signatus no noso país: a hibridación cos cans. Ao parecer, detectáronse recentemente exemplares híbridos na zona do Barbanza. Estudos noutras áreas da península apotan a que os híbridos poderían representar até un 4% da poboación total lobeira. Isto supón un grave risco para a continuidade xenética da especie, e as administracións responsábeis da "xestión" do lobo deberían actuar de contado. Para ADEGA esta é unha razón máis para elevar o estatus do lobo a especie protexida: non está o lobo xa suficientemente ameazado? Coñece ao noso lobo (591 Kb)

Na Península Ibérica o número de lobos reprodutores sitúase, segundo diversas estimacións, entre 450 e 600 exemplares, sobre un total duns 2000 individuos. O mesmo estatus ecolóxico do lobo, o de super-predador, teno a aguia imperial ibérica (Aquila adalberti) con arredor de 350 parellas reprodutoras. Porén, a aguia imperial está considerada en perigo crítico de extinción e está estritamente protexida, mentres que o lobo pode matarse legalmente todo ao N do río Douro, cazándose regularmente en Castela e León e Galiza.

Ao contrario do que ocorre noutras partes de Europa e América do N, as poboacións ibericas de lobo están moi fragmentadas, o que supón unha dificultade engadida para a pervivencia da especie. O intercambio xenético entre poboacións lobeiras de Lugo e Asturias por exemplo, é menor que entre lobos canadianos de mandas separadas 1000 Km.

Con todo, a hibridación é un fenómeno pouco frecuente e adoita producirse en zonas marxinais dos núcleos lobeiros nas que os lobos son escasos e os cans asilvestrados numerosos. É precisamente nestas áreas, coma O Barbanza, onde ademáis prodúcense maior número de ataques ao gando. Gran parte destes ataques son responsabilidade dos cans asilvestrados e non dos lobos, como apontan estudos recentes da estación biolóxica de Doñana.

Ademais, os exemplares híbridos parecen ter un comportamento diferente dos puros, sendo máis atrevidos e non tendo tanto medo do home coma o lobo. De liderar unha manda, os danos que este comportamento "adaptado" podería provocar xunto coa ameaza xenética para a especie, faría necesario tomar medidas drásticas (erradicación ou esterilización). Con todo preguntámonos: de quen é a responsabilidade da presenza de cans asilvestrados nos nosos montes? Son todos os ataques ao gando atribuíbeis aos lobos? No Reino Unido, 40.000 ovellas morren todos os anos por ataques de cánidos... e non hai nin un só lobo nas illas!

Porén, para ADEGA a solución non pasa por incrementar as batidas: é probábel que por cada híbrido que se cace morran moitos máis lobos puros. De ser necesario facer extraccións, debería actuarse sempre sobre exemplares concretos e exclusivamente a cargo da gardería e persoal especializado, nunca dos cazadores. Sabemos que nas batidas autorizadas este verán no Barbanza, o rigor foi mínimo e matáronse máis lobos dos declarados. É isto facer unha correcta "xestión" da especie?

Por iso, fronte á ameaza da hibridación que compromete aínda máis o futuro desta especie emblemática, dende ADEGA vemos máis xustificado que nunca tomar medidas para garantir a pervivencia da especie, comezando por excluir ao lobo da lista de especies cinexéticas. É preciso tamén e realizar un seguemento estricto das poboacións lobeiras galegas por parte de persoal especializado, con métodos e criterios científicos (fototrampeo, probas xenéticas) para detectar máis casos de hibridación. E sobre todo, descartar as batidas "xeralistas" realizadas polas sociedades de caza como método de control da poboación. Na maior parte dos casos, acabarán pagando xustos por pecadores: non está o lobo xa suficientemente ameazado?
Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 

Redes sociais

adegafacebook

twittergal



ADEGA