Adega
INICIO Últimas novas ADEGA pide apoio para os medios de comunicación en galego
ADEGA pide apoio para os medios de comunicación en galego PDF Imprimir Correo-e
Envia ADEGA pide apoio para os medios de comunicación en galego a FaceBookEnvia ADEGA pide apoio para os medios de comunicación en galego a Twitter

medios_galiciahoxe28 de xuño de 2011.- Ante o anuncio de que o diario galego Galicia Hoxe publica hoxe o seu último número, ADEGA quere amosar a súa indignación pola desaparición progresiva que están a sufrir no país os medios de comunicación impresos e dixitais que se expresan na nosa lingua. Primeiro foi o peche de Vieiros, logo A Peneira, GZNación e a edición impresa de A Nosa Terra, e agora o de Galicia Hoxe. ADEGA considera que esta eliminación de medios en galego non responde só a unha cuestión de inviabilidade económica, senón á discriminación e ao recorte de axudas que están a padecer por parte das Administracións públicas, nomeadamente da Xunta, fronte aos medios que usan a lingua española.

Desde ADEGA queremos expresar a nosa máis fonda tristeza pola desaparición deste xornal que, malia non ser dos que contaban con máis recursos en Galiza, sempre foi receptivo e respondeu moi positivamente ás nosas convocatorias e notas de prensa e á información ambientalista en xeral. Queremos solidarizarnos cos xornalistas que quedan sen emprego e, especialmente, agradecer e recoñecer aos profesionais do Galicia Hoxe o seu compromiso coa defensa da información ambiental e a sensibilidade e empeño postos en dar voz ao ecoloxismo, aos movementos alternativos, ao sector asociativo e ás plataformas de afectados polos problemas ambientais e o impacto brutal exercido nos últimos anos sobre o territorio galego.

O ecoloxismo galego e a defensa do medio natural precisan de profesionais do xornalismo e de medios de comunicación coma estes que, ademais de defenderen a lingua e a cultura do país, atenden a cuestións de especial relevancia social e ambiental omitidas por outros medios máis pendentes de contentar ao goberno ou aos intereses do capital. Alén diso, criticamos que a Xunta estea a destinar a meirande parte dos fondos públicos para o fomento do galego en medios que, a pesar de seren producidos en Galiza, minimizan, omiten ou desvirtúan toda información que teña que ver coa defensa da nosa lingua e do noso medio natural, como é o caso de La Voz de Galicia. Mentres as axudas se canalizan para os medios en español, vía publicidade ou innovación, os responsables da política lingüística do actual goberno, co actual secretaría Anxo Lorenzo á cabeza declaran “boa a situación do galego” e deixan esmorecer con total premeditación o único xornal impreso e diario que ficaba no país publicado integramente en galego.

A situación pola que están a pasar os medios de comunicación en galego é nefasta. Nin as administracións públicas nin a sociedade galega en xeral pode seguir tolerando o desmantelamento dos medios que utilizan a nosa lingua propia. Por iso demandamos da Xunta que cumpra dunha vez por todas coas súas responsabilidades no terreo da política de normalización lingüística, que non discrimine e recorte as axudas para os medios escritos en galego, e que favoreza e facilite, como así está obrigada, o acceso á información en galego nos medios de difusión xeral (ademais dos medios públicos), e nos que comunican integramente na nosa lingua atendendo a cuestións de interese público como é o ecoloxismo. ADEGA fai un chamamento ao conxunto da sociedade galega para que reaccione ante estes ataques encubertos aos medios que verdadeiramente defenden a liberdade de expresión e de información no noso país e para que demande unha maior presenza do idioma galego en todos os medios de comunicación asinando en: https://pontenomedio.wordpress.com/asina-2/

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 

Redes sociais

adegafacebook

twittergal



ADEGA