Enxurrada de parques eólicos sobre hábitats protexidos, paisaxes singulares e zonas arqueolóxicas Imprimir
Envia Enxurrada de parques eólicos sobre hábitats protexidos, paisaxes singulares e zonas arqueolóxicas a FaceBookEnvia Enxurrada de parques eólicos sobre hábitats protexidos, paisaxes singulares e zonas arqueolóxicas a Twitter
concursoeol26 de maio de 2011. O recente concurso eólico continúa alumeando monstros. Unha batería de parques eólicos pretenden coller sitio por todo o país (nos outeiros que aínda quedan libres). Tanto ten que sexa sobre espazos propostos para ampliar a cativa Rede Natura galega (Chans do Barbanza), sobre hábitats prioritarios (no Barbanza e Outes); humidais inventariados (en Barbanza e Mondoñedo); zonas importantes para as aves (n'A Limia); paisaxes costeiras de interese catalogadas no POL (esteiro do Anllóns en Ponteceso, e Valdoviño) e mesmo sobre áreas de especial riqueza arqueolóxica (Outes e o Boiro). Todo sexa por seguir producindo megavatios a costa de converter o territorio nun inmenso parque eólico para seguir engordando os escandalosos beneficios das eléctricas.

CONSIDERACIÓNS DE ADEGA AOS PROXECTOS

“PARQUE EÓLICO 'AIRAS' (ALFOZ-MONDOÑEDO); PARQUE EÓLICO 'O BARBANZA' (BOIRO); PARQUE EÓLICO 'OS PENIDOS' (VALDOVIÑO); PARQUE EÓLICO 'OUTES' (NEGREIRA E OUTES); PARQUE EÓLICO 'SALGUEIRAS' (PONTECESO); PARQUE EÓLICO 'XINZO NORTE' (SARREAUS)

ENCOL DAS AFECCIÓNS AOS ESPAZOS DE INTERESE NATURAL:

PE-O-BarbanzaAs instalacións do parque eólico “O Barbanza” sitúanse sobre unha área proposta pola Xunta de Galiza en 2008 para formar parte da Rede Natura 2000 e designada como “LIC Serra do Barbanza”, código ES1110019, cunha extensión de 4.711,15 hectáreas. Este novo LIC resposta á necesidade de aumentar a representatividade dos hábitats húmidos de turbeira e mato da rexión bioxeográfia atlántica, tal como recomenda a CE na Decisión da Comisión de 7 de decembro de 2004 (Diario Oficial da Unión Europea. 29.12.2004: L 387/1).

Pola súa banda, o parque eólico “Xinzo Norte” sitúase a escasos metros da IBA (Important Bird Area) da Limia próxima á ZEPA da Limia, nunha área na que se detecta a presenza de especies de aves incluidas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas (CGEA). Os posíbeis impactos destas instalacións na avifauna protexida, que nós consideramos críticos, non están convintemente avaliados nos EIAs (estudos de impacto/efectos ambientais) dos proxectos.

Os-Penidos-ValdovioOs parques eólicos “Os Penidos” en Valdoviño e “Salgueiras” en Ponteceso, sitúanse moi próximos ás ZEPAs “Ferrolterra-Valdoviño” e “Costa da Morte-Norte” respectivamente, e aos LICs “Costa Ártabra” e “Costa da Morte”. Nos EIAs destes parques non se avalían convintemente as posíbeis interferenzas e impactos sobre os valores estes espazos, particularmente sobre a avifauna, por canto as instalacións sitúanse a carón da fronte costeira en plena rota de invernada e campeo. A situación dos aeroxeradores constitúe unha verdadeira barreira artificial aos movementos da avifauna e dos quirópteros ao longo da costa e entre os diversos humidais litorais, cabendo esperar importantes afeccións por colisión, ruidos e outras interferenzas sobre as aves e morcegos que dende ADEGA consideramos críticas.

ENCOL DAS AFECCIÓN AOS HÁBITATS

Os parques eólicos “O Barbanza” e “Outes” sitúanse sobre áreas con presenza de hábitats prioritarios: breixais húmidos atlánticos, códs. 4020* e/ou 4040*; e *7110 Turbeiras altas activas e *7140 Turbeiras de transición e flotantes, para os que a Directiva 92/43 CE de Hábitats establece a necesidade de adoptar medidas especiais de protección. Portanto, e como sinala o  artigo 6.4 da devandita Directiva 92/43/CE, para calquera actuación sobre estes hábitats deberiase elevar consulta á Comisión Europea e xustificar que os proxectos respostan a “…consideracións relacionadas coa salúde humana e a seguridade pública, ou relativas a consecuencias positivas de primordial importancia para o medio ambiente, ou ben, previa consulta a la Comisión, outras razones imperiosas de interés público de primera orde”.

Os parques eólicos “O Barbanza” e “Airas” e as súas instalacións complementares (pistas, gabias, etc.) sitúanse ademáis sobre humidais incluidos no Inventario dos Humidais de Galiza, concretamente sobre as “Brañas da Serra do Barbanza” (código 1110118) no primeiro caso e “Penedo Grande”, código 1120340, no segundo caso. Trátase en ambos os dous casos de zonas de turbeiras e brañas asociadas a penicháns graníticas.

ENCOL DAS AFECCIÓNS ÁS ESPECIES:

PE-Xinzo-NorteO parque eólico “Xinzo Norte” sitúanse na veciñanza da ZEPA da Limia e da IBA do mesmo nome. Como se reflicte na cartografía das aves protexidas incluidas nos EIAs  tanto este parque “Xinzo Norte” como o parque eólico “O Barbanza” ocupan  teselas con  presenza de aves en perigo de extinción e vulnerábeis. Para primeiro caso (Xinzo Norte), as instalacións afectan até a 3 especies de aves consideradas vulnerábeis ou en perigo de extinción segundo o CGEA, entre as que se atopa o sisón (Tetrax tetrax); e para o segundo (O Barbanza), hai 1 especie afectada, concretamente a tartaraña cincenta (Circus pigargus).

ENCOL DAS AFECCIÓNS Á PAISAXE:

PE-Salgueiras-PontecesoOs parques eólicos de “Os Penidos” en Valdoviño e “Salgueiras” en Ponteceso ocupan espazos de interese paisaxística considerados como “de interese” no POL (Plano de Ordeamento do Litoral). Segundo este documento, os espazos con esta consideración teñen a vocación de formar parte dos instrumentos de protección da paisaxe, quer o catálogo de paisaxes de Galiza establecido na Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia.

A maiores, o parque eólico “Salgueiras” en Ponteceso (figura 5) sitúase a menos de 1 km do esteiro do Anlóns e da duna remontante do Monte Branco, un elemento de singular interese pausaxística e xeomorfolóxica que quedaría irreversiblemente afectado pola instalación de aeroxeradores de 120 m de altura nuns outeiros litorais que apenas superan os 200 m.

A calidade paisaxística da área de actuación, unha das máis representativas da paisaxe costeira galega e identificativa da Costa da Morte, veríase  irremediabelmente estragada, co conseguinte perxuízo económico ao incipiente sector turístico. Cómpre lembrar que a Lei 7/2008 da Protección da Paisaxe de Galiza traslada ao ordeamento galego as diretrices emanadas da Convención Europea da Paisaxe e establece a obriga de redactar un catálogo de paisaxes protexidas. Entendemos que mentres non se desenvolva este instrumento legal, cuxo xermolo figura no POL, sería recomendábel aplicar o principio de precaución e non autorizar actividades que, poideran condicionar negativamente e deteriorar os valores paisaxísticos destas contornas.

ENCOL DAS AFECCIÓNS AO PATRIMONIO:

PE-OUTESO parque eólico “Outes” nos concellos de Negreira e Outes amosa unha forte afección a un importante conxunto de xacementos arqueolóxicos por parte das pistas, gabias e obras complementares da instalación. Polo que atinxe ao parque eólico “O Barbanza” (figura 1), sitúase nunha área (as chans do Barbanza) cunha das maiores densidades de xacementpos arqueolóxicos do país, que abranguen dende o paleolítico (con moi poucas estación en Galiza), até a idade do ferro pasando por unha das máis importantes representacións do megalitismo peninsular (a Arca do Barbanza, a poucos centos de metros do novo parque, é o meirande monumento funerario galego desta idade). Todas as penicháns da serra do Barbanza, pola súa riqueza e potencialidade arqueolóxica, deberían ter sido declaradas “zona arqueolóxica”, consonte ao artigo 8.4.e da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galiza.

Por todo o anteriormente exposto, dende ADEGA SOLICITAMOS que se teñan en conta as presentes consideracións e que por parte das administracións competentes rexéitese autorizar os proxectos de parques eólicos  “Airas”, “O Barbanza”, “Os Penidos”, “Outes”, “Salgueiras” e “Xinzo Norte”.

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com