Boas noticias para os nosos ríos: volve a fervenza do Xallas e primeiras condeas por entullar un río Imprimir
Envia Boas noticias para os nosos ríos: volve a fervenza do Xallas e primeiras condeas por entullar un río a FaceBookEnvia Boas noticias para os nosos ríos: volve a fervenza do Xallas e primeiras condeas por entullar un río a Twitter
13 de abril de 2011. Comeza a facerse xustiza cos nosos ríos. Fronte ao desleixo, cando non complicidade da Xunta coas desfeitas nos nosos ríos, o movemento ecoloxista vai conquerindo que a xustiza faga valer as leis que os defenden. Foi pola denuncia penal dos compañeiros de AEMS-Ríos con Vida, apoiada por ADEGA, que a Xunta non tivo máis remedio que obrigar a Ferroatlántica a devolver o caudal ecolóxico ao Xallas, incumprido sistematicamente durante 25 anos. Recuperamos deste xeito un pequeno caudal para a Fervenza do Ézaro mais durante os 365 días do ano e non só en vacacións. Tamén a denuncia de ADEGA, a Audiencia de Lugo ven de condear a penas de cárcere, multa e e inhabilitación profesional, aos donos dunha canteira en Riotorto por entullar a canle do río Turia. É unha mágoa que os nosos ríos teñan como única defensa a ecoloxistas e veciños mentras a administración é cómplice das desfeitas.

Tivo que ser por imperativo legal, e logo de anos de loita dos ecoloxistas, que a administración vírase obrigada a reclamar de Ferroatlántica a restitución do caluad ecolóxico do Xallas (10% do caudal medio anual) secuestrado pola empresa dende hai 25 anos. Nestes anos, a Xunta non só amosou unha escandalosa condescendencia coa empresa, dona de facto do Xallas, senón que mesmo chegoulle a autorizar novos aproveitamentos hidroeléctricos que convertiron a este río no máis asoballado polos encoros de todo o estado. Como cuantificar o lucro cesante que para a Costa da Morte e para Galiza tivo a enaxenación dun río e o secuestro dunha marabilla natural, a fervenza do Ézaro, durante 25 anos?

En 1986-89 a construción do encoro de Santa Uxía por "Cubiertas y MZOV" na desembocadura do Xallas supuxo un dos primeiros traballos para un enxeñeiro recén chegado a Galiza, Agustín Hernández-Fernández de Rojas. Foi esta unha das agresións máis salvaxes ao noso patrimonio natural e que, para vergoña nosa, fixo de Galiza o único país do mundo cun accidente xeográfico a tempo parcial. Hoxe, dende a súa responsabilidade institucional como Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, o Sr. Hernández ten aínda a oportunidade de non acrescentar esta afrenta e restituir algunha dignidade ao Xallas, declarando a caducidade das concesións hidroeléctricas antes de que o faga o xulgado. Queremos ao Xallas totalmente libre das gadoupas de Ferroatlántica e ímolo conseguir pese a quen lle pese e coa lei na man.

E coas leis na man (Lei de Augas e Lei do Solo), conquerimos tamén que o entullamento do río Turia en Riotorto baixo centos de toneladas de áridos de canteira non quedara impune. A Audiencia de Lugo vén de condear aos responsábeis da canteira "Cruz de Cancela" a penas de cárcere, inhabilitación e multa como responsábeis dun delicto ecolóxico. Por desgraza, este caso so é unha pingueira no mar: cantas falcatruadas cos ríos, as rías e a paisaxe seguen impunes? Cantas delas gozaron no seu momento do beneplácito da administración que en non poucas ocasións actuou ademais como promotora?

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com