ADEGA pide cambios na política forestal da Xunta para evitar as pragas Imprimir
Envia ADEGA pide cambios na política forestal da Xunta para evitar as pragas a FaceBookEnvia ADEGA pide cambios na política forestal da Xunta para evitar as pragas a Twitter
Compostela, 20 de xaneiro de 2011. Diante da propagación da praga do nematodo que está a afectar ás masas forestais de piñeiros do sur do país e as medidas de erradicación anunciadas pola por Medio Rural, ADEGA insta á Xunta a tomar medidas de carácter preventivo que eviten a proliferación desta doenza tanto a curto como a longo prazo. Nos últimos anos vimos asistindo ao impacto de pragas novas en Galiza como este nematodo dos piñeiros ou o fungo dos ameneiros, alén das que xa evan con nós uns anos, como o gorgullo do eucalipto, ou xa endémicas (tinta do castiñeiro, pulguiña do carballo). Parece evidenciarse unha relación entre a extensión destes andazos e a globalización do mercado forestal, e entre a virulencia crecente dos episodios e o cambio climático. Diante destes desafíos, a Xunta non está a dar a talla, propoñendo cortas e fumigacións masivas mentres segue cunha política forestal miope, curtopracista, e orientada ao monocultivo de pirófitas, agora para usos enerxéticos.

A día de hoxe non existen medidas que consigan controlar o nematodo do piñeiro (Bursaphelenchus xylophilus), unha vez detectado nas árbores, e ao tratarse dunha doenza de corentena, en cumprimento da normativa, está establecido a corta das árbores afectadas e o seu radio de acción. ADEGA é consciente dos danos que esta praga supón para as masas forestais de piñeiros e para os propietarios destas desde que chegou a Galiza através de Portugal (onde chegou en 1999 procedente de Norteamérica), e cuxo seguimento foi feito pola Estación Fitopatolóxica do Areeiro (Pontevedra).

Porén, ADEGA considera que desde a Consellaría de Medio Rural, non se están a desenvolver todas as medidas e accións necesarias para frear a súa proliferación no presente e no futuro. Fronte a esta doenza, ADEGA propón tomar medidas preventivas de carácter integral para o noso monte, diversificando os seus produtos e servizos, apostando por medias ecosistémicas e polas especies frondosas autóctonas. O monocultivo de especies no que se basea a actual política forestal da Xunta, favorece a chegada de pragas e enfermidades, reduce a biodiversidade natural e hipoteca o futuro económico do noso rural. Dado que o noso monte ten que ser pensado en clave de futuro para as xeracións futuras, estas son medidas a medio e longo prazo, que deberían de estar xa postas en marcha.

ADEGA reclama ademais ao goberno galego que realice un importante esforzo parae sensibilizar, informar e formar aos propietarios afectados e a toda a sociedade sobre estas pragas e enfermidades, facilitando así o establecemento e a aplicación de medidas preventivas que eviten a expansión da doenza e o declive progresivo do noso monte.

Máis información:

Xabier Bruña, vogal de Medio Rural de ADEGA (617081373)
Fins Eirexas, secretario executivo (661993406)
Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com