A Xunta aproba un Plano de Residuos caduco, antiecolóxico e insustentábel Imprimir
Envia A Xunta aproba un Plano de Residuos caduco, antiecolóxico e insustentábel a FaceBookEnvia A Xunta aproba un Plano de Residuos caduco, antiecolóxico e insustentábel a Twitter
vertedoiro13 de xaneiro de 2011. A Xunta vén de aprobar o Plano de Xestión dos Residuos Sólidos Urbanos 2010-2020 confirmando a aposta do goberno Feijóo pola incineración. Fronte á realidade das cifras que amosan o rotundo fracaso de SOGAMA, o novo plano aposta novamente pola incineración (que chucha o 60% do investimento en infraestruturas e o 48% do orzamento total) cunha nova incineradora no Sur sine loci, e a ampliación da de Cerceda. Asemade, os obxetivos de redución son ridículos (a crise económica ten feito máis nestes 2 anos pola redución que a Xunta); e para a compostaxe, a Xunta pretende acadar en 2020 a metade da taxa de compostaxe que hoxe teñen as plantas de Nostián e Lousame. Velaí o "grande esforzo" de Feijóo e Hernández: cartos para queimar o lixo -a cambio de prebendas eólicas- agrandando o monstro de SOGAMA, en troques de previr e compostar.
Descarrega as ALEGACIÓNS e VALORACIÓNS de ADEGA ao PXRUG 2010-2020 (57 Kb)
A parte do rato, un 12,5% dos cartos, investiranse en 7 novas plantas de compostaxe e un número indeterminado de "miniplantas" locais, para deste xeito cumprir sobre o papel coa Directiva Marco de Residuos (2008/98). Malia á escandalosa manipulación dalgúns datos no PXRUG (semella, por exemplo que Nostián e Barbanza non reciclan envases!!?, cando en 2008 triplicaban en porcentaxe a SOGAMA), a Xunta non pode ocultar que os sistemas alternativos xa cumpren a día de hoxe os obxectivos de reciclaxe do PXRSUG para 2020. O problema é pois SOGAMA e seu modelo, defendido contra toda lóxica polo PP, que afunde os índices de reciclaxe galegos a níveis de "Cuen-ta-mé"...
A redución, primeira prioridade e base de calquera sistema de xestión dos RSUs, ten tamén neste PXRSUG uns obxectivos ben cativos: o 10% no 2020 con respeito aos valores de 2009. Se só a crise económica foi quen de rebaixar a xeración de residuos case nun 1% anual, sen as institucións teren feito nada nen investido un só euro en redución, fixar o obxectivo do 10% para o 2020 gastando 56,1 millóns de € en políticas de prevención, reflicte ben ás claras a ineptitude/ineficacia/desleixo da Xunta por diminuir seriamente a produción de lixo.
Este PXRSUG 2010-2020 ten uns obxectivos para a compostaxe da materia orgánica en 2020 do 25%. A día de hoxe, Nostián e sobor de todo Barbanza superan de longo estes obxectivos (43,2% e 44,9% -netos- respeitivamente) mentres que SOGAMA e o modelo vertedoiro empatan cun 0%. O mesmo acontece coa recollida selectiva das outras fraccións, p. ex. o vidro: Nostián e Barbanza xa están nos obxectivos de 2020 gañando por goleada a SOGAMA ao igual que no resto das fraccións, malia á "incineración" interesada dos datos sobre recollida de envases de Lousame e Nostián que para a Xunta do PP é prácticamente cero en 2009 cando en 2005 (datos do PXRSUG do bipartito) chegaba ao 41%, fronte ao ridículo 10% de SOGAMA. Isto revela que SOGAMA e o seu modelo incineratorio afunde os índices de recollida selectiva e reciclaxe galegos a níveis terceiromundistas, mentres que os dos sistemas alternativos sitúanse en liña ou por riba das previsións máis avanzadas de Europa.
A incineradora de SOGAMA está consumindo actualmente máis enerxía da que produce. Segundo a memoria de actividade da compañía en 2008 a incineradora xerou 459.867 Mw e consumiu 507.914 Mw de gas natural para secar a auga dos residuos. Este ruinoso negocio levou a que a nova propietaria de SOGAMA, Gas Natural-U. Fenosa pensara en vender o 49% que ten en SOGAMA. Con tais precedentes, a Xunta pretende que o capital privado financie o 82% do orzamento do PXRSUG, en particular outra custosísima incineradora (230 millóns de €, a metade do orzamento total). E todo isto, a cambio de que? Pois está claro: a cambio, por exemplo, de megawatios eólicos.
Finalmente, a temporalización das actuacións (posta en marcha das novas instalacións no 2014) fará que de facto este PXRSUG non chege a aplicarse. A Xunta de Feijóo so quere cumprir o expediente fronte a Europa, dándose por satisfeita co recentemente aprobado "recrecido" do vertedoiro da Areosa en Cerceda: máis lixo enriba do lixo, e tiramos até eleccións de 2013. O mesmo cabe pensar da teima por manter a ubicación da incineradora do sur e demáis infraestruturas en segredo: a consigna é evitar abrir máis frontes nas rúas e posíbeis repercusións electorais. Como senón pode explicarse tal "secretismo" sobre a ubicación, cando precisamente esta é un dos factores determinantes para a correcta planificación de todo o sistema?
Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com