Adega
INICIO Últimas novas Premios Osíxeno e Dioxina 2010
Premios Osíxeno e Dioxina 2010 PDF Imprimir Correo-e
Envia Premios Osíxeno e Dioxina 2010 a FaceBookEnvia Premios Osíxeno e Dioxina 2010 a Twitter
oxdiox229 de Nadal de 2010. Dende hai 10 anos, ADEGA entrega os premios OSÍXENO e DIOXINA para subliñar as millores e piores actuacións ambientais do ano.
Premio OSÍXENO á millor actuación/actitude ambiental do 2010:
-Categoría individual: a Anxo Moure, atrapador de contos, fundador e impulsor de Bicis pola Paz, Contos Solidarios, Papaventos...
-Categoría colectivo: aos concellos e comarcas galegas pola Compostaxe: Compostela, Ferrolterra, Mancomunidade do Barbanza, Guitiriz, O Morrazo, O Carballiño... até un total de 33.
Premio DIOXINA á actitude ou actuación máis agresiva ou insustentábel:
-Categoría individual: a Santiago Rey Fernández-Latorre, presidente e editor de "La Voz de Galicia".
-Categoría colectivo: á Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Xunta de Galiza.
Premio OSÍXENO DE HONRA a Xaquín Marín polo seu compromiso coa ecoloxía e a cultura do país.

Un ano máis, e van xa 10 edicións, a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) falla os premios OSÍXENO e DIOXINA. Estes recoñecementos pretenden subliñar as actuación de persoas ou colectivos a prol (premio OSÍXENO) ou en contra (premio DIOXINA) do patrimonio natural galego. Hai uns anos ampliamos o carácter destes premios establecendo dúas modalidades para recoñecer o labor tanto de colectivos como de persoas en cada unha das categorías. E como novidade, en 2009 instituimos o premio OSÍXENO DE HONRA para subliñar toda unha traxectoria de compromiso co ambiente e a cultura do país, que recibíu D. Isaac Díaz-Pardo.

Este ano o premio de honra recae no humorista gráfico e debuxante Xaquín Marín, un dos fundadores da banda deseñada galega e director do Museo do Humor (Fene), por todo o que leva achegado á nosa cultura e pola sensibilidade e compromiso ambiental que reflicten os seus deseños.

Nas demáis categorías, os/as premiados/as nesta edición de 2010 son:

Premio OSÍXENO á millor actuación/actitude ambiental do ano:

-Categoría individual: A Anxo Moure, o Carballo con Botas, atrapador de contos e abrazador de árbores, por concienciar a cativos e maiores sobre os valores da solidariedade, a xustiza e liberdade, usando a paz, a ecoloxía e a imaxinación como instrumentos. Nestes tempos de resistencia, Anxo é dos que nunca defraudan.

-Categoría colectivo: aos concellos e comarcas galegas pola compostaxe, por teren apostado, fronte á sinrazón da incineración que promove SOGAMA, por outros xeitos máis solidarios e ecolóxicos de xestionar os residuos urbanos. Son máis de 33 os concellos que en Galiza realizan programas de compostaxe caseira ou comunitaria, ou xestionan os seus refugallos en sistemas mancomunados como a Serra do Barbanza ou o Morrazo. En representación de todos, persoalizamos o galardón no concello d'A Illa de Arousa, pioneiro en apostar por un modelo baseado integramente na compostaxe caseira e comunitaria.

Premio DIOXINA á actitude ou actuación máis agresiva e insustentábel:

-Categoría individual: ao presidente e editor de "La Voz de Galicia" Santiago Rey Fernández-Latorre por ser o responsábel dunha liña editorial de desprezo á nosa lingua e colaborar na mentira da imposición. Unha liña que, malia ao bo traballo de moitos profesionais e iniciativas como "Voz Natura", teima en apoiar intereses e políticas lesivas para o noso ambiente: Ás continuas publirreportaxes e informacións sesgadas sobre Reganosa ou Touriñán, hai que engadir a minimización da dimensión e o silenciamento dos efectos dos lumes deste verán nos espazos protexidos (coincidindo cunha oportuna subvención cuase-nominativa de Medio Rural), a manipulación descarada das informacións encol do concurso eólico atendendo a criterios políticos, e a deturpación ou o silenciamento da voz do ecoloxismo organizado.

-Categoría colectivo: á Dirección Xeral de Conservación da Natureza (Consellaría do Medio Rural). No ano Internacional da Biodiversidade (2010), Galiza segue exactamente igual que hai dous anos: á cola en superficie e hábitats protexidos. Parón nos instrumentos de xestión (PORN, PRUX e Planos de Conservación) baleirados de orzamento, incumprimentos e retrasos nas convocatorias dos organismos consultivos, inoperancia e desleixo cos lumes nos espazos de alto valor natural, desmontaxe e privatización encoberta dos parques naturais, redución das axudas para a prevención e a compensación polos ataques do lobo, xeralización da "caza preventiva"... e como colofón, a recente negativa á criazón do Parque Natural no Monte Pindo solicitado por amplos sectores sociais, institucións, veciñanza e ecoloxistas.

Os premios, consistentes nunha escultura comemorativa e un diploma entregaranse no decurso dun acto público e un xantar de confraternización que celebraremos a finais do mes de xaneiro.

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 

Redes sociais

adegafacebook

twittergal



ADEGA