Ladrillos e coches non se comen: por un compromiso co noso agro Imprimir
Envia Ladrillos e coches non se comen: por un compromiso co noso agro a FaceBookEnvia Ladrillos e coches non se comen: por un compromiso co noso agro a Twitter

leite13 de setembro de 2010. A política de dumping dalgunhas empresas leiteiras está a convertir o agro galego nun ermo. Esta estratexia vese favorecida pola falla de compromiso institucional para defender o noso sector agrogandeiro. Tras promover durante anos a intensivización, facilitar a concentración do mercado nunhas poucas mans, e ignorar as demandas dun grupo lácteo galego, a administración segue dando as costas ao agro, refén das transnacionais. En ADEGA coidamos que sen un mundo rural vivo, os desequilibrios ambientais agrávanse: despoboamento e abandono, cambio de usos e especulación, lumes... Resulta indecente que a Xunta siga a subvencionar a merca de coches, malia á constante caída das vendas, e a achantar o camiño á especulación urbanística e industrial, en troques de apoiar aos sectores produtivos baseados na terra que contribúen a manter vivo o mundo rural.

Un medio rural vivo e sustentábel é chave para a conservación de moitos dos nosos hábitats naturais. O abandono, o despoboamento, o cambio de usos e a especulación urbanística e empresarial están detrás de problemas tan graves como os incendios e da continua perda de biodiversidade.
As políticas públicas nunca tiveron en conta as especificidades do noso territorio e as especiais relacións coa terra dos habitantes do mundo rural, valedores dun equilibrio secular, grazas ao cal aínda somos un dos territorios con maior biodiversidade de toda Europa.
A actual crise económica ten unha forte compoñente ambiental: ao cambio climático hai que engadir a explotación insustentábel dos recusos naturais propiciada polas economías especulativas, que colocaron a moitos ecosistemas naturais ao borde do colapso. Por iso unha das medidas para saírmos da crise e promover o aproveitamento sustentábel destes recursos, con criterios de suficiencia, eficiencia e proximidade, e comezando polo eido local. As administracións deberían apostar por afortalar os sectores produtivos autóctonos, nomeadamente os baseados nos recursos da terra, en troques de fomentar a deslocalización dos mercados, a especulación cos alimentos e a perda da soberanía alimentar. Subvencionar economías especulativas como as baseadas na construción ou na produción de coches mentras o mundo rural esmorece e as transnacionais decretan o que podemos comer, de onde ten que vir e a que prezo, é suicida.
Como se poden soterrar millóns de euros nos rescates dos bancos, responsábeis da actual crise, ou en subvencionar a produción e consumo de coches (que por certo segue a caer, convertíndose nun trasvase directo de fundos públicos aos petos dos fabricantes que seguen apresentando EREs), mentres ése cómplice dunha política de terra queimada co mundo rural?
Dende ADEGA queremos amosar outra volta o noso firme compromiso cun mundo rural vivo e manifestar o noso apoio ás reivindicacións por un prezo digno para o leite galego.
Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com