Denunciado por prevaricación o alto cargo da Xunta que aprobou a DIA da piscifatoría de Rinlo Imprimir
Envia Denunciado por prevaricación o alto cargo da Xunta que aprobou a DIA da piscifatoría de Rinlo a FaceBookEnvia Denunciado por prevaricación o alto cargo da Xunta que aprobou a DIA da piscifatoría de Rinlo a Twitter
Esquema das afeccións. Amplía!7 de abril de 2010. O fiscal de medio ambiente do TSXG ven de apresentar denuncia penal contra José Manuel Álvarez-Campana Gallo, actual presidente de Portos de Galiza, que en 2005 como D. X. de Calidade e Avaliación Ambiental asinou a DIA (Declaración de Impacto Ambiental) da piscifatoría de Acuinor, en Rinlo (Ribadeo). Na súa denuncia, a fiscalía impútalle senllos delictos de prevaricación ambiental e urbanística, por autorizar a instalación na Rede Natura atendendo a "intereses económicos alleos". Trátase da primeira intervención xudicial pola vía penal para depurar responsabilidades dos altos cargos do último goberno Fraga, logo de que o TSXG a denuncia de ADEGA, anulara a autorización e a DIA desta piscifatoría nas Catedrais. Aviso a navegantes: asinar declaracións de impacto fraudulentas non vai saír de balde!

Esta actuación da Fiscalía abre agora a vía penal nun longo proceso xudicial iniciado trala denuncia de ADEGA contra as actuacións da Xunta e ACUINOR no caso da piscifatoría de Rinlo (LIC As Catedrais). Até hoxe, os tribunais viñeron dando sistemáticamente a razón a ADEGA: primeiro, absolvendo aos nosos activistas dunha denuncia penal por coaccións tras paralizar as obras ilegais da piscifatoría; a continuación, acordando unha decisiva -pois do contrario quedaría desvirtuada a anulación do DIA- paralización cautelar das obras;Imaxes do xuizo civil. Amplía! logo, desestimando a demanda civil interposta por ACUINOR reclamando a ADEGA unha indemnización de 30.000 € e, finalmente, anulando a DIA e as licenzas de obra e actividade do proxecto, así como o proxecto sectorial.
O caso da piscifatoría de Rinlo exemplifica o desprezo pola legalidade, polo noso patrimonio natural e pola cidadanía que practican algunhas empresas coa colaboración necesaria das administracións: declaracións ambientais á medida e fraudulentas; licenzas ilegais; sospeitas de corrupción por manexo de información privilexiada, deixación de funcións administrativas, modificacións lexislativas á medida e tramitacións “exprés”; inxustiza social e desprezo pola cidadanía ao permitir a algúns facer o que non poden os veciños…
ADEGA teme que este xeito de actuar esté volvendo a acontecer co actual goberno Feijóo, dado o trato de favor que está a ofrecer ás Pescanovas, Iberdrolas, Endesas, construtoras, etc. coa recente modificación da Lei do Solo, a flexibilidade da nova Lei Eólica e a discrecionalidade do recente concurso eólico, para arramplar cos nosos espazos protexidos. Mais dende ADEGA lanzamos unha advertencia: se se quere voltar á política do "todo vale", pasando por riba das leis para repartir o botín da nosa natureza entre os amigos, os responsábeis terán responder dos seus feitos nos tribunais. A impunidade rematou!
Antecedentes de tratos de favor
En agosto de 2004 ADEGA presentou as primeiras alegacións ao Estudo de Impacto Ambiental da planta de acuicultura de Acuinor S.L., un proxecto que xa fora desbotado en Asturias por dúas veces por afectar a un espazo de Rede Natura. Pero a Galiza chega nun momento, logo da catástrofe do Prestige, no que o goberno Fraga presenta o “Plan Galicia” como “bandeira” da solución do desastre: construción de autoestradas, pontes, paradores, parcelarias, piscifatorías, etc. Daí xurdirían os proxectos de Rinlo e Touriñán e o Plano Sectorial de Parques de Tecnoloxía Alimentaria, impulsado por López Veiga, que foi aprobado co goberno en funcións, tras unha tramitación “express” en xuño de 2005, sen ter sido sequera sometido á Avaliación Ambiental Estratéxica, ordenada pola Directiva 2001/42/CEE.
Así, o goberno Fraga comeza a ofrecer facilidades para a ocupación de espazos públicos e nomeadamente protexidos, para os proxectos acuícolas: logo da destitución do Conselleiro de Política Territorial, Xosé Cuíña, e a chegada de Núñez Feijoo á COTOP, modifícase a Lei do Solo para dar cabida a este tipo de instalación en solos rústicos de especial protección de Rede Natura; por outra banda, a Xunta case agasalla con terreos públicos aos promotores das fábricas de rodaballo, vendéndollo s a 1€/ m2. En Rinlo, ademáis, o concello de Ribadeo concede a licenza municipal para as obras un día despois de ser aprobado o proxecto polo Consello da Xunta, sen agardar a que o acordo fose publicado no DOG, e faltando as autorizacións preceptivas para a ocupación do Dominio Público Marítimo-Terrestre.
As DIAs emitidas pola Xunta en relación aos proxectos acuícolas, eólicos, hidroeléctricos, etc. en Rede Natura son sempre favorábeis, mesmo naqueles lugares onde hai hábitats prioritarios (caso de Rinlo e Touriñán), en contra do ditaminado pola Directiva 92/43/CEE, e das recentes sentenzas do TSXG.

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com