Adega
INICIO Novas de EA ADEGA celebra o Día Mundial da Educación Ambiental facendo Educación Ambiental... todo un logro!
ADEGA celebra o Día Mundial da Educación Ambiental facendo Educación Ambiental... todo un logro! PDF Imprimir Correo-e
Envia ADEGA celebra o Día Mundial da Educación Ambiental facendo Educación Ambiental... todo un logro! a FaceBookEnvia ADEGA celebra o Día Mundial da Educación Ambiental facendo Educación Ambiental... todo un logro! a Twitter
26 de xaneiro de 2012, DÍA MUNDIAL DA EDUCACIÓN AMBIENTAL. Os máis de 35 anos de actividade de ADEGA van parellos aos da historia da Educación Ambiental (EA), que iniciouu a súa andaina aló por 1972 coa Declaración de Estocolmo. Foi por esas datas cando decidiuse nomear o 26 de xaneiro como Día Mundial da Educación Ambiental, nun esforzo da comunidade internacional para a preservación e conservación do Planeta. Porén, como sinala a SGEA, ese esforzo está en perigo porque a EA en Galiza está a vivir un alarmante retroceso: Brutal recorte de actividades e recursos; peche e infrautilización de equipamentos públicos; perda de peso da EA no sistema educativo; despedimentos na administración pública e desaparición de empresas; desbaldimento de recursos e falta de coordenación entre administracións... Por iso, no Día Mundial da Educación Ambiental ADEGA propón afortalar, fronte á inacción da Xunta, o papel dos colectivos sociais na difusión da EA.

ADEGA leva a cabo diversos programas de Educación Ambiental dende o ano 2000. Esta liña de actuación tense consolidado e arestora é unha das áreas prioritarias para ADEGA, con numerosos programas en diversos eidos e unha equipa de traballo adicada a deseñalos e realizalos.

A Educación Ambiental dende o ecoloxismo é unha realidade no amplo campo que ofrece esta disciplina de acción socio-educativa. No Libro Blanco de la Educación Ambiental en España (MMA, 1999) recoñécese o papel que desempeña este movemento social cando se afirma que “...hai que destacar o papel das asociacións conservacionistas e ecoloxistas na xeración de conciencia e de corresponsabilidade da poboación na mellora ambiental...”.

Por outra banda a actualmente esquecida Estratexia Galega de Educación Ambiental (EGEA) vai máis aló ao atribuírlle ao ecoloxismo unha estratéxica función dentro desta disciplina como xerador de alternativas, “...un labor importante na sensibilización do público, na denuncia diante do conxunto da poboación das problemáticas locais, rexionais e globais máis evidentes e na presentación de posibles alternativas para a súa solución” (Xunta de Galiza,1999). ADEGA recolleu este desafío e decidiu promover programas e proxectos para artellar alternativas a diferentes problemáticas ambientais.

Porén, ADEGA entende que a EA non debe ser un fin en si mesma. O actual exceso de información e publicidade sobre temas ambientais está a conducir á trivialización da problemática ambiental e ao uso das actividades de EA como un medio para o lavado de imaxe de entidades privadas e públicas. Neste contexto, a actuación dos colectivos ecoloxistas continúa sendo esencial, sexa tanto para chegar á verdadeira raíz dos problemas como para evitar que a EA se converta nunha fin en si mesma. Manter e impulsar unha visión crítica, innovadora e participativa na EA segue a ser un dos principais obxectivos do ecoloxismo, e a alternativa fronte ao desleixo da Xunta.

Desde esta perspectiva, durante esta semana, en especial este xoves 26 será pois unha xornada de traballo normal para as educadoras e os educadores ambientais de ADEGA, porque entendemos que esa é a mellor maneira de celebrar o Día Mundial da Educación Ambiental. Nesta xornada realizaremos as seguintes actividades enmarcadas nos seus respectivos proxectos:

Programa de compostaxe caseira: As educadoras de ADEGA realizarán as ultimas visitas do programa de compostaxe caseira de Santiago de compostela e seguirá co Programa de  compostaxe de Poio (compostaxe caseira e compostaxe comunitaria).

Proxecto UDC: Realizarase co grupo de bolseiros da Oficina de Medio Ambiente da UDC unha inspección polo campus para localizar especies invasoras, esta inspección é un dos pasos previos para a mesa redonda e a xornada de voluntariado ambiental na UDC que se celebrarán na universidade o día 31 de febreiro e 1 de marzo.

Proxecto Ríos: Realizarase unha saída formativa no río Sarela en Santiago de Compostela cos alumnos da UNED de Ciencias Ambientais, para ensinarlles a metodoloxía e as ferramentas necesarias para realizar unha inspección de río.

Programa de Educación Ambiental
O CPI Monte Caxado d'As Pontes, volve participar no Programa xeral de educación ambiental nesta ocasión traballando as enerxías renovables.

Para máis información:
Ramsés Pérez
Coordenador de programas de Educación Ambiental de ADEGA
Telf: 981 57 00 99 e móbil: 616 23 80 50
Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo
www.adega.gal
www.proxectorios.org
www.educacionambientaladega.gal

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 


ADEGA