Adega
INICIO Novas de EA Informe sobre o estado dos ríos galegos 2011
Informe sobre o estado dos ríos galegos 2011 PDF Imprimir Correo-e
Envia Informe sobre o estado dos ríos galegos 2011 a FaceBookEnvia Informe sobre o estado dos ríos galegos 2011 a Twitter
presentinfo2011Compostela, 30 de decembro de 2011. O Proxecto Ríos, iniciativa promovida por ADEGA e financiada pola Xunta de Galicia, presenta o Informe 2011 sobre o estado de saúde dos ríos galegos. No informe faise unha fotografía do estado dos nosos ríos, froito das análises efectuadas nas campañas de primavera e outono polos distintos grupos de voluntarios/as do país. Preséntanse os resultados das inspeccións así como a metodoloxía de traballo e as actividades  desenvolvidas durante 2011 en relación cos ríos. Este informe permite aproximarnos ao estado de saúde das diferentes bacías a partir dunha serie de indicadores. Os datos apontan a un lixeiro aumento dos treitos con saúde moderada e deficiente, que chegan a sumar, entre as dúas categorías, o 20% e o 22% en primavera e outono respectivamente, cando en 2010 non chegaron ao 20% do total dos treitos inspeccionados.
Baixa o Informe completo (7.11 Mb) con todos os datos ou un resumo (2.94 Mb) .

inspeccion2011Dende o ano de inicio do Proxecto Ríos, o número de participantes aumentou considerabelmente. Na actualidade contamos con 207 grupos. Da totalidade dos grupos, enviaron as inspeccións de río o 67%, o que supón unha mellora substancial na participación con respecto aos anos anteriores, que non superaba o 40%.

A bacía máis estudada é a das Rías Baixas, que acada unha porcentaxe do 62% das inspeccións realizadas. A porcentaxe restante repártese entre as bacías do Miño, Arco Ártabro e Fisterrá, as do Limia-Douro e as que verten ao mar Cantábrico.
En función dos datos recibidos, podemos afirmar que o estado de saúde dos treitos analizados en 2011 foi, na campaña de primavera, moi bo nun 35 % e bo nun 44%. En outono o 37% dos treitos acadaron un bo estado, atinxindo condicións moi boas noutro 37%. Observáronse treitos con saúde moderada (10% en primavera; 18% en outono) e deficiente (10% en primavera; 4% en outono). En mal estado de saúde apareceron un 1% en primavera e un 2% en outono.
Os datos parecen apontar a que existe un lixeiro aumento dos treitos con saúde moderada e deficiente, que chegan a sumar, entre as dúas categorías, o 20% e 22% en primavera e outono respectivamente, cando en 2010 estes non chegaron ao 20% do total dos treitos inspeccionados.
Estes datos vense constatados tamén polo estado de conservación do bosque de ribeira. A calidade do bosque de ribeira foi en descenso, pois unha parte das marxes que presentaban alteracións no ano 2010, nas campañas deste ano xa presentaban degradacións importantes (alcanzando o 20% na campaña de outono). Estes datos van en concordancia coa tendencia actual cara a perda de vexetación e degradación das marxes dos ríos.
En canto á calidade do hábitat, os datos aportados polo voluntariado revelaron que nos treitos estudados, a calidade foi excelente nun 40%, moderada nun 53% e deficiente nun 7% na campaña de primavera. En outono, as porcentaxes distribúense do seguinte xeito: excelente, 60%; moderado, 35%; deficiente, 5%. Aínda que se observa unha certa melloría en canto á calidade do hábitat respecto ao ano 2010, aumenta o estado excelente e moderado nun 18 e 15% respectivamente, é preciso facer un seguimento a máis longo prazo para verificar esta tendencia.
Como aspectos preocupantes, subliñamos o estado deficiente dos ríos Lagares, Sar, Tinto e o rego de Corme, así como dous treitos do río Limia na campaña de primavera. Nesta campaña tamén apareceu un treito de río en estado malo que se corresponde co río Baa no Concello de Fene así como dous treitos do río Limia na campaña de outono.
Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 


ADEGA