Ponte as botas: III xornada de limpeza simultánea de ríos |
Despois do éxito das xornadas anteriores de limpeza en ríos de 2008 e 2009, repítese a experiencia este domingo 3 de outubro. A limpeza desenvolverase en colaboración con concellos, distintas entidades e asociacións. Un dos problemas máis graves que sofren os nosos ríos segue a ser a gran cantidade de lixo que aparece nos cauces e ribeiras. A pesares de levar dúas campañas, seguen aparecendo moreas de plásticos e entullos, elementos xa case habituais. Dende o Proxecto Ríos queremos concienciar da necesidade de manter limpos os nosos ríos e promover actitudes responsábeis cara a conservación do medio. O coidado e o respecto pola contorna farían innecesarias nun futuro actividades como esta, de aí que depende de todos/as frear a contaminación que están a sufrir os ríos. O Proxecto Ríos entregará aos participantes un Protocolo_PR (600 Kb) para a limpeza ecolóxica e respectuosa dos ecosistemas fluviais.
Nesta xornada a implicación dos concellos é fundamental para garantir a recollida do lixo que se saque dos ríos, para proporcionar o material necesario para a limpeza e para asegurar aos voluntarios/as participantes. Os anos anteriores retiraronse un total de 18 toneladas de lixo (estimados) de orixe diverso e incluso variopinto (neveiras, rodas, radiografías, colchóns...) Este ano animamos aos participantes a pesar o lixo retirado e a difundir no propio concello a idea de que o río non é un vertedoiro. As persoas que queiran participar nesta actividade deberán anotarse previamente chamando ao teléfono do/a coordinador/a de cada zona para concretar a hora e lugar onde se vai realizar a limpeza. Podedes consultar, na seguinte táboa, cal é o/a coordinador/a de cada zona:
|