ADEGA esixe un compromiso claro da administración a prol da veciñanza da Lousa fronte a FENOSA Imprimir
Envia ADEGA esixe un compromiso claro da administración a prol da veciñanza da Lousa  fronte a FENOSA a FaceBookEnvia ADEGA esixe un compromiso claro da administración a prol da veciñanza da Lousa  fronte a FENOSA a Twitter
lousa.jpg23 de abril de 2008. ADEGA esixe da Xunta unha intervención urxente para obrigar a LIMEISA-FENOSA a cumprir cos seus deberes ambientais. Non se pode tolerar que ante as múltiples evidencias de que LIMEISA está a poñer en risco a saúde humana e ambiental (ver o Informe CARBON LIMEISA.pdf Informe CARBON LIMEISA (1.23 MB), a Xunta de Galiza siga sendo condescendiente coa actitude prepotente e insolidaria da empresa. A administración non pode ter unha postura intermedia entre a cidadanía e a empresa: quen contamina, quen incumpre a lei, é a LIMEISA, e portanto é a que debe tomar as medidas precisas para evitar que os veciños respiren carbón e folerpas ácidas noite e día, así como compensar axeitadamente a quenes teñen que aturalo.

casascentral.jpg Todos e todas temos o dereito inalienábel á saúde e a un medio ambiente sán. Calquera actividade industrial debe respectar estes dereitos, procurando minimizar o risco para as persoas e o medio tomando para elo as medidas precisas. O custo destas medidas debe estar incluído nos custos de producción: non pode ser asumíbel que ningunha empresa, e menos LIMEISA, pretenda privatizar os beneficios e socializar só os impactos. Por iso entendemos que a responsabilidade neste caso é exclusivamente da empresa. É LIMEISA quen ten que tomar medidas, custe o que custe, para rematar coas emisións de partículas tóxicas, reducir os fumes, rebaixar o nível de ruído e proporcionar un ambiente saudábel para os veciños e veciñas que conviven coa súa actividade. As persoas están antes que os beneficios.
As administracións deben ser garantes destes dereitos fundamentais por riba dos intereses dunha empresa privada. Deben vixiar polo estrito cumprimento da lexislación, incluidas as leis ambientais, que ante todo son leis e portanto iguais para todos/as. A este respeito, ADEGA bota de menos un compromiso máis decidido e firme da Xunta de Galiza a prol da veciñanza para resolver este conflicto. Non se pode seguir mirando para outro lado ou adoitar unha postura equidistante, porque sería asumir que a cidadanía da Lousa ten parte da responsabilidade no problema, ao mesmo nível que LIMEISA.
sulfato.jpgÉ precisamente a empresa e só a empresa a causante dos continuos incumprimentos da lexislación, e portanto a quen lle cómpre adoitar as medidas precisas para suprimir as agresións ao ambiente e á saúde. Por todo isto, ADEGA esixe da Xunta de Galiza, nomeadamente das consellerías de Medio Ambiente, Industria e Sanidade, actuacións urxentes para rematar co terríbel problema de saúde ambiental que está a provocar a actividade de LIMEISA en Cerceda.
Non se pode seguir sendo cómplice, mesmo por omisión, da actitude prepotente e insolidaria desta empresa. E para iso, a administración ten que actuar con rigor, xustiza e firmeza. Polo que atinxe a ADEGA e á plataforma de afectados/as “A Outra Cerceda”, ESIXIMOS:
-Que a Xunta de Galiza poña en marcha as medidas técnicas e loxísticas precisas para determinar de xeito imparcial os níveis de contaminación por partículas PM10 e PM2,5 que se rexistran no entorno das instalacións de LIMEISA. Estas medicións deben facerse co número e tipo de aparellos homologados e consonte ao fixado na normativa vixente. Deben tamén realizarse na forma e periodo de tempo axeitado para permitir a obtención de datos suficientementede fiábeis e representativos.
parque.jpg-Que dacordo coas recomendacións da OMS e as conclusións da "Estratexia temática sobre a contaminación atmosférica" e en aplicación do Principio de Precaución, se aperciba a LIMEISA do peche cautelar das instalacións do parque de carbón se nun prazo razoábel non adoita as medidas precisas para aillar en recintos pechados todos os focos de contaminación por partículas e suprimir as emisións de substancias sólidas pola chimenea da central.
-Neste senso, a administración debe esixir tamén á empresa a inmediata posta en marcha dun Plano de Viabilidade Ambiental, no que se fixen as medidas e os prazos para reducir aos límites legais as emisións de gases, partículas, ruído, vibracións etc. e supervisar mediante técnicos independentes o cumprimento deste Plano. Asemade, a Xunta de Galiza debería promover a realización dunha mesa para o seguemento destas medidas na que estén representados empresa, colectivos de afectados e grupos ecoloxistas.
carbonchan.jpg ADEGA xa puxo o caso en coñecemento da Fiscalía Especial de Medio Ambiente do TSXG para que inste a apertura dun procedemento penal por presunto delicto continuado contra o medio ambiente e a saúde pública. É preciso depurar as responsabilidades a que haxa lugar logo de décadas de impunidade e de estar contaminando a caño libre sen que os poderes públicos e a xustiza teñan feito nada para rematar con esta vergoña.
Finalmente, ADEGA fai un chamado a LIMEISA para que asuma dunha vez as súas responsabilidades ambientais. As empresas deberían facer do respecto polo medio ambiente e polas persoas un sinal distintivo e de calidade para os seus produtos. E no caso de LIMEISA, cando se cumpriron 30 anos da mobilización social e ecoloxista das Encrobas, xa vai sendo hora de que pida perdón por aqueles feitos e que comece a recoñecer, empezando por un cambio de actitude, a débeda ambiental que ten contraída con Cerceda e con Galiza.

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com