ADEGA, AEMS e AGCT responsabilizan a 3 administracións da situación irregular do PXOM de Lugo, e non ao río Rato Imprimir
Envia ADEGA, AEMS e AGCT responsabilizan a 3 administracións da situación irregular do PXOM de Lugo, e non ao río Rato a FaceBookEnvia ADEGA, AEMS e AGCT responsabilizan a 3 administracións da situación irregular do PXOM de Lugo, e non ao río Rato a Twitter

Rato inundacion1Lugo, 2 de maio de 2013. ADEGA, AEMS-Ríos con Vida e a Asociación Galega de Custodia do Territorio, promotores do estudo de inundabilidade do Rato que agora condiciona a aprobación do 5% do PXOM de Lugo, valoraron hoxe en rolda de prensa as responsabilidades que o Concello de Lugo, a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e a Consellaría de Medio ambiente, Infraestruturas e Territorio teñen ao respecto da ordenación da bacía medio-alta do río Rato e de reparar as deficiencias que estes colectivos ecoloxistas atoparon no novo Planeamento Urbanístico da cidade en canto ao grafado e os erros de cualificación do solo que pertence ao dominio público hidráulico e onde se prevén varias edificiacións sobre o leito fluvial e as marxes inundables.

Nas últimas semanas producíronse varios acontecementos que colocan ao PXOM de Lugo nunha difícil situación e que teñen que ver coas deficiencias do Plan relativas ao tratamento da rede fluvial:

- A finais de febreiro presentouse un novo recurso contencioso contra o PXOM que utiliza como un dos seus fundamentos as referidas deficiencias

- A mediados de abril a Cons.ª de Medio Ambiente, Territorio e Infraestrutras (CMATI) resolveu aprazar a súa resolución sobre a aprobación definitiva da parte pendente do PXOM en base a un informe da Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS) que ven a requirir estudos de inundabilidade sobre os cursos fluviais que afectan a dita parte do PXOM.

- Actualmente, o equipo de goberno municipal socialista estuda someter ao Pleno a procedencia de requirir á CMATI que levante os efectos da citada resolución, é dicir, de obrigar á CMATI a que resolva sobre a aprobación definitiva da parte pendente.

As deficiencias do PXOM relativas á rede fluvial –expresadas na Orde da CMATI do 29/04/2011-, pódense sintetizar en:

a) deficiencias na ordenación do tramo medio-alto do río Rato (entre a nova Ponte de Paradai e o nacemento nas proximidades de O Ceao), onde as propostas do PXOM –edificación, viario, ... sobre o leito e zonas inundables- infrinxen as limitacións legais aplicables nesta clase de terreos (en especial o art. 104.f) da Lei urbanística 9/2002 e o art. 9 do Regulamento do dominio público hidráulico –RDPH).

b) deficiencias máis xerais que afectan ao grafado da rede fluvial. Non se trata dunha deficiencia de carácter meramente formal, que se poida emendar simplemente coa representación dos numerosos tramos fluviais omitidos –VARIAS DECENAS DE QUILÓMETROS *-, senón da omisión dunha información que condiciona as determinacións da ordenación - clasificación e cualificación do solo-, as cales se deben ater ao disposto nos arts. 32.2.d) da Ley 9/2002 e 9 do RDPH. Froito desta deficiencia, terreos que se terían que clasificar como solo rústico de protección de augas ou cualificarse –en tramos interiores ao solo urbano, de núcleo rural ou urbanizable - como sistemas de espazos libres ou, cando menos, quedar garantida a prohibición de todo uso que poida perturbar o desaugue das cuncas, non foron debidamente clasificados ou cualificados.

Rato inundacion 2Esta deficiencia e de tal calibre que mesmo cuestiona a legalidade da aprobación acordada pola CMATI en abril de 2011 (De acordo co art. 85.7.a) da Lei 9/2002, pódese aprobar parcialmente un PXOM cando as deficiencias só afecten áreas ou determinacións tan concretas que, prescindindo delas, o planeamento se poida aplicar con coherencia; ¿cómo se pode aplicar con coherencia a parte do PXOM aprobada o 2011 se parte dos terreos incluídos na mesma foron indebidamente clasificados ou cualificados, ao non ter en conta os tramos fluviais que os afectaban?).

Mentres que os procedementos contenciosos iniciados contra o PXOM seguen o seu curso inexorable, a CHMS e a CMATI están a complicar, aínda máis, a situación administrativa do PXOM, coas actuacións realizadas a mediados deste mes de abril.

A prensa local xustificou a decisión tomada pola CMATI nunhas denuncias previas dos grupos ecoloxistas implicados na defensa do río Rato (en diante GEDR) sobre a ordenación proposta polo PXOM neste río. A actuación coordenada e voluntariosa destes colectivos na defensa do Rato -mediante múltiples escritos, reunións con autoridades, notas de prensa, elaboración dun estudo do río, etc.- permitiu aflorar a realidade dun río maltratado polo Plan Xeral, mais isto non abonda para explicar o recente informe da CHMS e a posterior decisión da CMATI de aprazar a resolución sobre a parte pendente de aprobación ata que non se aporten os estudos de inundabilidade de varios cursos fluviais.

 A situación creada tralos últimas actuacións administrativas é de enorme incertidume, como resultado dun cúmulo de despropósitos imputables ás tres administracións implicadas –Concello, Confederación e CMATI.

Por unha banda, estamos ante un PXOM aprobado definitivamente de xeito parcial respecto do cal:

  • existe inseguridade xurídica sobre o grao de aplicación das determinacións do PXOM en ámbitos nos que se ignorou a existencia de dominio público hidraúlico (ríos e zonas húmidas) e as limitacións legais que afectan aos mesmo e ás zonas inundables. Ista problemática non é exclusiva do río Rato, a cuxas determinacións de ordenación –cualificacións de solos edificables e de viario sobre o leito- se refire específicamente a Orde do 29/04/2011, senón que afecta tamén ao resto de tramos fluviais e zonas inundables ignorados polo PXOM, aos que tamén se ven a referir indirectamente a Orde, ao requirir o grafado da rede fluvial. Malia a que a Orde do 29/04/2011 non incluíu os ámbitos afectados polo DPH e ás zonas inundables no anexo de áreas obxecto da suspensión, resulta evidente a pertinencia de inclusión, por ter sido obxecto de reparos na mesma ().
  •  a aprobación parcial é contraditoria coa falta de identificación/grafado da rede fluvial, a nivel de todo o territorio municipal- cuxa corrección -ordeada a CMATI na Orde do 29/04/2011- pon en evidencia a improcedencia da dita aprobación parcial, por canto tal corrección implica, ineludiblemente, a necesidade de introducir MODIFICACIÓNS SUBSTANCIAIS na clasificación e cualificación dos terreos ocupados polo dominio público hidráulico e nas súas marxes inundables, razón pola que o goberno municipal non emendou a referida deficiencia de grafado.

 Sen entrar aínda na análise das actuacións administrativas recentes (abril do presente ano), tralo acordo probatorio da CMATI do 29/04/2011 (aprobación parcial dun Plan que non estaba en condicións de ser aprobado) chegouse a unha situación enmarañada que ademais puxo ao PXOM nunha situación de vulnerabilidade fronte a posibles accións xudiciais (como as que recentemente se teñen emprendido contra o mesmo), a cal é froito dun malfacer de todas as Administracións públicas intervintes.

 RESPONSABILIDADE MUNICIPAL

Rato inundacion 3 A máxima responsabilidade na situación creada corresponde ao Concello, en particular ás autoridades do grupo socialista que dirixiron a concellalía de urbanismo durante a práctica totalidade da tramitación do PXOM (dende a recepción do Avance en 2000 ata o momento actual), porque:

  • en ningún momento foi prioritaria para eles a protección dos recursos ambientais do concello, nomeadamente os cursos fluviais e zonas húmidas (o PXOM de Lugo revisouse fundamentalmente para compracer as expectativas de aproveitamento urbanístico de determinadas persoas e entidades con intereses inmobiliarios. As directrices dos responsables do urbanismo municipal (co Alcalde ao frente: <>) sempre gravitaron sobre a utilización urbanística do solo, deixando de lado outras utilizacións do territorio máis acordes coa vocación, potencialidades e valores das distintas áreas.

Deste “desinterese” polos valores ambientais e recursos naturais se derivou a ausencia dun elemental control ou supervisión da cartografía contratada polo Concello como base do PXOM, entregada en 1999, supervisión que tería permitido detectar a falta de identificación (grafado) de grande parte da rede fluvial municipal, deficiencia que logo arrastrarían os planos de ordenación do PXOM durante toda a tramitación subseguinte.

Outra boa proba deste “desinterese” é que nin sequera se fixera o mínimo esforzo de completar dita planimetría coa representación doutros tramos fluviais que figuraban noutras cartografías oficiais, algunhas utilizadas como base dos planos informativos do propio Avance do PXOM presentado no ano 2000 (esta circunstancia afectaba, entre outros, ao río Rato, que malia a figurar representado na meirande parte da súa lonxitude no Avance (plano nº 3 do estudo do medio rural), non se representou na planimetría das posteriores versións do PXOM.

  •  desoiron as indicacións formuladas pola Consellería de Política Territorial no informe previo á aprobación inicial emitido o 15/04/2005 (<> - aptdo. 2.e) do informe).
  •  desoiron as alegacións presentadas por ADEGA na exposición pública do PXOM (febrero- abril 2006), facendo caso omiso ás chamadas a unha ordenación axeitada de distintos ríos e zonas húmidas.
  •  desoiron as indicacións da D. X. de Desenvolvemento Sostible (Decisión adoptada o 16/04/2009, aptdo. 3.1.1: <>.
  •  Desoiron as advertencias da CMATI sobre a inadecuada clasificación urbanizable dos ámbitos anteditos, así como as discordancias aprezadas na ordenación do tramo medio-alto do río Rato, expresadas na Orde pola que se denegou a aprobación do PXOM o 13/11/2009:

<> -aptdo. II.2.4 da Orde.

<< Nas propostas de ordenación dedúcese unha consideración errónea do trazado de varios cursos fluviais, nomeadamente no tramo medio/alto do río Rato e dos seus afluentes …

Segundo a Resolución de 16/04/2009 da Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible de 16/04/09, algúns ámbitos resultan inadecuados para o desenvolvemento (artº. 15 LOUG):…; Pedreda S-1.R, San Lázaro S-2.R, Muxa S-1.AE, Lugo S-4.R, UZPI-4R, Lugo S-2R, Lugo S-3.R, UZPI-1.R, SUZND-4 (risco de inundación)>> -aptdo. II.5.4 da Orde.

En relación coa observación relativa á consideración errónea do trazado do río Rato (observación que ven a aludir, aínda que non o exprese claramente, á incongruencia que representaba a situación das zonas verdes propostas nas proximidades do río, -as cales se deberan situar sobre este-, é a previsión de zonas edificables e viais sobre o leito e marxes inundables), o Concello intentou eludiu a corrección da ordenación, mediante unha xustificación tan grotesca como surrealista (<> -ver páxs. 92 e 93 do documento denominado “MEMORIA JUSTIFICATIVA DE LOS CAMBIOS INTRODUCIDOS EN EL PLAN GENERAL DE ORDENACIÓN MUNICIPAL DE LUGO APROBADO PROVISIO-NALMENTE POR EL AYUNTAMIENTO EN SESIÓN DE PLENO DE 23 DE ENERO DE 2009, PARA DAR CUMPLIMIENTO A LOS REQUERIMIENTOS CONTENIDOS EN LA ORDEN DEL CONSELLEIRO DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUCTURAS DE 13 DE NOVIEMBRE DE 2009”, incorporada na versión do PXOM aprobada provisionalmente polo Concello o 30/12/2010.

  •  Desoiron as observacións da CMATI, manifestadas na Orde do 29/04/2011, a respecto do grafado da rede fluvial e das propostas no tramo medio-alto do río Rato.
  •  Tamén fixeron caso omiso ás advertencias formuladas polos GEDR, tanto por escrito como verbalmente durante varias reunións, en abril e novembro de 2.012 (en abril de 2.012 -hai xa máis dun ano- entregouse ao Concello o levantamento topográfico do tramo do río Rato entre a nova Ponte de Paradai e O Ceao e se amosaron ao concelleiro de urbanismo os resultados provisionais do estudo de inundabilidade, entregado finalmente en novembro), sen que se tiveran en conta de cara a corrixir as deficiencias indicadas na Orde da CMATI de 04.

RESPONSABILIDADE DA ADMINISTRACIÓN HIDROLÓXICA ESTATAL

Na situación á que chegou o PXOM trala orde do 29/04/2011 cabe aprezar tamén unha responsabilidade clara das Confederacións Hidrográficas, tanto a do Norte –que informou o PXOM en 2007- como da Confederación do Miño-SIl –que o fixo en 2008-.

Malia a que ADEGA solicitara á Confederación en 2006, por dúas veces, que exercera un control rigoroso do PXOM naqueles aspectos que afectaban á rede fluvial e ás zonas húmidas, o control realizado foi mínimo.

Por unha banda, non se molestaron en verificar que estivera identificada gráficamente toda a rede fluvial municipal. Por outra, dispensaron conscientemente ao PXOM de incorporar estudos de inundabilidade, conformándose con aprazalos ao un futuro e só para casos concretos, como os sectores de solo urbanizable. Con esta decisión, a Confederación desistiu inxustificadamente de controlar as determinacións do PXOM naqueles ámbitos en que definía a ordenación detallada (terreos destinados a equipamentos –edificables directamente sen necesidade de plan posterior-, terreos edificables dos núcleos rurais, etc.), co pretexto –máis teórico que real- de facelo en procedementos posteriores (de autorización –previa á licenza municipal- das intervencións previstas na zona de policía dos ríos), procedementos nos que non se poden cuestionar os usos e aproveitamentos atribuídos por un PXOM aprobado coa conformidade da Confederación (a menos que se queira aceptar o risco de ver lastrada a decisión polas eventuais ameazas de indemnizacións, habituais en casos semellantes en que o planeamento atribúe aproveitamentos en terreos que, á postre e por calquera razón –neste caso, por ser inundables-, non sexan edificables).

Baixo o mínimo control do informe da CHMS, emitido en 2008 dende Lugo, entendemos tamén que está a mao negra do sr. Liñares (presidente por entón de dito organismo).

Mais adiante comentarase a recente intervención da CHMS (informe emitido o 12.04.2013).

RESPONSABILIDADE DA CMATI

A Consellería competente en materia de urbanismo, dirixida polo partido popular en todos os momentos en que se pronunciou sobre o PXOM (2005, 2009 e 2011), tampouco se salva do SUSPENSO:

  • Pola falta de firmeza e de claridade á hora de formular moitas das súas observacións (tono “recomendatorio” da observación do informe emitido en 2005 antes comentada antes; falta de claridade ao se referir á “consideración erronea do trazado do río Rato” na Orde de 2009; etc.).

Esta maneira de actuar –imputable aos máximos responsables da CMATI, só resulta explicable pola interpretación “política” que fai da legalidade á hora de controlar o planeamento (interpretación moi elástica, onde case todo pode resultar xustificable nun determinado caso), a cal tende a desvirtuar ou devalar os requisitos legais, mediante observacións expresadas de xeito impreciso, ou mediante observacións que tenden a substituír a esixencia de cumprimento da Lei pola esixencia de xustificacións (coas que, en non poucas ocasións, se ven a aceptar o seu incumprimento).

  • Só dende este “perfil político” –desviado do estrito cumprimento da legalidade-, pódese entender a decisión da CMATI de aprobar parcialmente en 2011 un PXOM que non estaba en condicións de ser aprobado na forma en que se fixo, cedendo á presión exercida polo goberno do sr. Orozco e o propio PP local.

 Ante estas presións, a CMATI, non querendo recoñecer a súa parte de responsabilidade nas determinacións do Plan que se sometía á súa aprobación en 2011 (por non ter esixido ao Concello na Orde de 2009 a identificación da rede fluvial), a CMATI asumiu que non podía denegar novamente o PXOM (xa o fixera en novembro de 2009) e aprobouno de xeito parcial en 2011. Son, pois, razóns “políticas” -alonxadas da racionalidade e da responsabilidade que corresponde a uns servidores públicos- as que explican a incongruente decisión de aprobación parcial dun Plan que, contendo graves deficiencias na ordenación do domino público hidráulico (incompatibilidade das determinacións urbanísticas coas limitacións de edificación e uso establecidas legalmente sobre o dominio público hidráulico e as zonas inundables), limitouse a indicar ditas deficiencias sen suspender ditas determinacións e requirir de xeito inequívoco a súa corrección con carácter previo a calquera hipotética aprobación.

A CMATI puido neste momento do procedemento pedir informe á CHMS para reforzar a esixencia de corrección destas deficiencias, pero non o fixo (probablemente porque non tiñan confianza en que os responsables da CHMS –daquela dirixida por autoridades socialistas- quixeran emendar a súa deficiente actuación anterior cando informaron o PXOM en 2007 e 2008).

  • Esta decisión da CMATI, de “fuxida cara diante”, -tan propia de políticos aos que lles costa recoñecer e corrixir os seus erros- é a responsable dunha orde ambigua (orde de aprobación parcial ditada o 29/04/2011) que presenta os defectos –inseguridade xurídica- que comentabamos ao principio das presentes notas, e de que, recentemente, a CMATI e a CHMS se veran limitados á hora de incidir novamente sobre as deficiencias que persisten en relación coa identificación e ordenación da rede fluvial.

SITUACIÓN ACTUAL

Se enmarañada ou caótica resultaba a situación do PXOM trala Orde ditada en abril de 2.011, as recentes actuacións das tres Administracións implicadas veñen a ratificar que sempre é posible incorrer en maiores despropósitos cando aos criterios técnicos e de cumprimento da legalidade se antepoñen criterios e obxectivos políticos.

Cando a CHMS e a CMATI se viron forzados, a instancias dos GEDR (escritos presentados a mediados de febreiro do presente ano, nos que se fundamentaba polo miúdo a procedencia de requirir unha revisión das propostas urbanísticas do PXOM no tramo medio-alto do río Rato), a pronunciarse novamente sobre o tratamento urbanístico deste tramo fluvial (a cuxas deficiencias aludía a Orde ditada pola CMATI o 29/04/2011), ditas administracións cinguiron as súas actuacións aos ámbitos que figuran expresamente relacionados no anexo a dita orde (supomos que por evitar un maior conflito co Concello de Lugo, polo que non entraron a pronunciarse sobre outras deficiencias relacionadas que afectaban á parte aprobada do PXOM e que poñerían en evidencia a necesidade de revisar a ordenación proposta en moitos leitos e marxes inundables dos cursos fluviais ignorados polo PXOM).

Así, o pasado 15/03/2013, a CMATI incorreu na incongruencia de pedirlle á CHMS un informe cinguido aos citados ámbitos pendentes de aprobación definitiva, pasando por alto, de forma consciente, as deficiencias que afectan á identificación e tratamento da rede fluvial noutras partes do territorio municipal.

A CHMS deu un paso máis nesta competición de despropósitos e incongruencias, co seu informe do 12/04/2013:

- por unha banda, no informe a CHMS segue sen pronunciarse sobre a identificación da rede fluvial, determinación que constitúe a base ou xurisdición territorial para o exorcizo das súas competencias.

- por outra banda, reclama estudos de inundabilidade só para unha parte dos tramos fluviais do concello (daqueles que afectan ás áreas cuxa ordenación estaba pendente de aprobación definitiva), non dispoñendo dun fundamento legal claro para requirir tales estudos (que, polo carácter sectorial específico da CHMS lle correspondería a esta realizar en primeira instancia), e incorrendo na incongruencia de pedir para unha parte menor do territorio municipal uns estudos cuxa inexistencia aceptaran previamente as Confederacións intervintes (informes de 2007 e 2008).

Froito do último informe da CHMS, a CMATI aprazou a decisión sobre a aprobación da parte pendente do PXOM, provocando unha reacción municipal desmedida, onde prevalecen as acusacións cruzadas entre grupos políticos, a falta de veracidade na información, a sobreactuación dos portavoces políticos e a ausencia dunha verdadeira análise do fondo do problema, cara a que darlle unha auténtica solución ao mesmo. Neste sentido, resulta evidente que a única solución –legal e racional- que ten o PXOM pasa, como xa dixemos, por revisar a ordenación de todos aqueles terreos ocupados por leitos e marxes inundables dos tramos fluviais foron ignorados polo PXOM. Calquera outra opción sería liar máis as cousas, perder o tempo e os cartos dos cidadáns e consolidar un PXOM que está destinado á anulación xudicial.

Nesta situación de desesperación municipal, ocorréuselle unha fórmula ao equipo de goberno para obrigar á CMATI a reconsiderar o aprazamento da aprobación do PXOM, convocando un Pleno para o vindeiro luns –día 6 de maio- no que os distintos grupos políticos terán que votar sobre a procedencia de formular o requirimento. Segundo o publicado na prensa, a proposta de requirimento baséase en fundamentos pouco consistentes, cos que se pretende trasladar unha aparencia de razón a favor do Concello, fundamentos sobre os que cabe facer as seguintes consideracións:

1º. Non ten razón o goberno municipal ao afirmar que a decisión da CMATI agocha unha revisión encuberta. A parte pendente do PXOM non foi nunca aprobada definitivamente; Só se pode falar de revisión daquilo que xa foi aprobado.

      En todo caso, como xa indicamos, a necesidade dunha revisión xa subxace na propia Orde da CMATI do 29/04/2011 (en canto poñía ao descuberto –mediante a esixencia de grafado da rede fluvial- deficiencias na ordenación xa aprobada sobre terreos que forman parte do dominio público hidráulico e das zonas inundables).

2º. Tampouco ten razón o Goberno municipal en soster que só á Administración municipal pode pedir informes sectoriais durante a tramitación do PXOM.

    O equipo de Goberno do concello sabe que a CMATI, como Administración á que compete legalmente aprobar definitivamente os plans de urbanismo municipais, está facultada legalmente (art. 82.1 da Lei de réxime xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común) para recadar os informes que entenda pertinentes para poder resolver conforme a Dereito.

    Se ben entendemos que non foi correcta a petición feita no informe da CHMS (en canto ao so se pediu estudos de inundabilidade para unha parte do territorio municipal) a razón da petición era moi clara: o informe emitido pola CHMS en 2008 –Confederación dirixida daquela polo sr. Liñares- non exerceu a finalidade para a que se esixe legalmente, pasando por alto graves deficiencias do PXOM como a falta de grafado de grande parte de rede fluvial –cuxa identificación era clave para unha correcta clasificación urbanística dos ríos e marxes fluviais- e non tivo en conta as afeccións xeradas pola ordenación do PXOM sobre estes terreos, tanto no sentido de asegurar a protección do dominio público hidráulico como a das persoas fronte aos riscos de inundación.

3º. Non se poden antepoñer os principios de seguridade xurídica e eficacia á defensa de intereses xerais vitais como a seguridade física das persoas e a preservación dos recursos fluviais, invocando tales principios coa única intención de relevar ao PXOM de correxir unhas deficiencias palmarias, coas que se virían a consolidar unhas expectativas edificatorias e de uso dos terreos non acordes coas limitacións legais que rexen no dominio público hidráulico e nas zonas inundables

Tamén resulta moi feble o argumento de extemporaneidade esgrimido polo goberno municipal. . … nunca é tarde se do que se trata é de corrixir eivas cuxas consecuencias poden ser tan graves e irreversibles.

4º. A aportación dos estudos reclamados pola CHMS e CMATI non se debe ver como un prexuízo que poida demorar a aprobación definitiva do PXOM (a demora que isto suporía nunca sería comparable aos máis de 15 anos que leva de tramitación un PXOM que chegou ao presente con esta clase de deficiencias). A realización dos estudos requiridos pola CHMS, -ao igual que os que procedería realizar noutros tramos fluviais que puideran presentar problemas de inundabilidade en zonas residenciais e de actividades económicas existentes ou previstas polo PXOM-, contribuiría a conseguir unha planificación mellor, a cal conciliara a protección das persoas e bens coa posta en valor e utilización duns recursos naturais acorde coa súa vocación de espazos libres e a súa funcionalidade como corredores ecolóxicos.

 

 

 

 

 

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com