ADEGA e a asociación Dignidade achegan ao medio ambiente adolescentes en risco de exclusión social Imprimir
Envia ADEGA e a asociación Dignidade achegan ao medio ambiente adolescentes en risco de exclusión social a FaceBookEnvia ADEGA e a asociación Dignidade achegan ao medio ambiente adolescentes en risco de exclusión social a Twitter
eirafrontLugo, 6 de febreiro de 2013. ADEGA e Asociación Dignidade de Lugo, cuxos obxectivos educativos se dirixen á mocidade en riso de pobreza e/ou exclusión social, veñen de asinar un convenio de colaboración para desenvolver durante este mes de febreiro unha xeira de actividades de sensibilización na natureza. Unha delas terá lugar no equipamento ambiental de ADEGA, a Eira da Xoana, situado na parroquia de Ramil (Agolada).Trátase do primeiro acordo de coperación entre as dúas entidades co propósito de achegar os valores do coidado natural aos rapaces e rapazas desfavorecidas, así como crear novas redes de colaboración entre o tecido asociativo galego. Esta nova sinerxia contribúe a fomentar a solidariedade e coperación na sociedade civil.

O programa de actividades comezará mañá, día 7 de febreiro, cunha visita ao elemento histórico e patrimonial máis importante da cidade de Lugo. Nesta xornada titulada “Ecoloxía na Muralla”, colaborará a plataforma Muralla Viva, á que pertence Bárbara Ruth Soto, quen explicará aos rapaces e rapazas os valores ambientais que acolle o monumento e a necesidade da súa preservación. O evento acompañarase dunha charla arredor desta temática no Centro de Intervención en Medio Aberto (CIEMA), onde a Asociación Dignidade desenvolve as súas accións.

O xoves día 14, ADEGA coordinará unha visita ao Castelo de Pambre e ao equipamento eco-educacional A Eira da Xoana, que o colectivo ecoloxista rexenta na comarca do Alto-Ulla, na parroquia de Ramil (Agolada). Os adolescentes almorzarán nestas instalacións e, posteriormente, realizarán un roteiro ás beiras do Ulla guiado pola bióloga Adela Figueroa.

O dia 19 de febreiro terá lugar a terceira actividade dentro do programa, que estará dedicada á nutrición e ao consumo de proximidade. Nesta iniciativa colaborará Celsa Sánchez, de Galiza Fala, entidade que traballa neste ámbito. Así mesmo, a xornada completarase cunha visita á Praza de Abastos de Lugo, como mostra exemplar do comercio de proximidade e que será coordinada por Ester Gómez, membro de ADEGA e da cooperativa de agricultura ecolóxica Bandullo Ecolóxico.

O programa de actividades rematará o 28 de febreiro cun roteiro polas beiras do río Rato a cargo de Xosé Manuel Rodríguez, membro da Asociación de veciños de Albeiros, quen ten estudado a dinámica hidráulica do efluente no seu treito medio-alto.

 

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com