ADEGA Lugo seguirá o camiño do Apalpador no primeiro roteiro de Galiza Máxica II Imprimir
Envia ADEGA Lugo seguirá o camiño do Apalpador no primeiro roteiro de Galiza Máxica II a FaceBookEnvia ADEGA Lugo seguirá o camiño do Apalpador no primeiro roteiro de Galiza Máxica II a Twitter

courel2Lugo, a 6 de novembro de 2012. Este domingo, 11 de novembro, ADEGA-Lugo inicia o seu programa de roteiros 2012-2013, dedicado á Galiza Máxica, co seu xa tradicional roteiro inaugural pola Serra do Courel. O Apalpador será a figura mítica sobre a que se vertebre a ruta, xa que andaremos polos camiños que o carboeiro transita polo Natal, cando baixa dos cumes da súa serra nai até os vales para apalpar as barrigas das crianzas. Ao mesmo tempo, achegarémonos  a varios dos elementos máxicos do Courel, como o Castro de Brío, o Val das Mouras, o canón do río Lor ou o Pico do Coto. Ao final do roteiro, de 10 quilómetros de lonxitude e dificultade media, celebrarase un Magosto no lugar de Ferreirós de Baixo. Colabora SOS Courel. Descarga o pdfCartaz

courel copyRoteiro de 10 quilómetros, de dificultade media para a xente habituada a andar. Comeza en Savane (Seoane) e remata na aldea de Ferreirós de Abaixo, no bar O Pontón, onde celebraremos o magosto. O treito máis difícil, de 3 quilómetros de longo, estará entre o paso do río Pequeno (km 2) e o Castro de Brío (km 4); que salva unha diferenza de altitude de 300 metros. Aínda así, subiremos moi a modiño e axudándonos entre todas e todos. Logo do castro, o roteiro é todo cara baixo até as inmediacións de Ferreirós.

O roteiro discorrerá polas terras onde naceu o Apalpador, concretamente, en Romeor do Courel, segundo a lenda. Esta personaxe do Natal descende desde os picos do Courel ata as fonduras da Serra por un camiño de deusas e deuses, castrexos e mouros. Será o camiño que nós percorreremos. Dende o Castro de Brío, poderemos ollar toda a Serra, Formigueiros, Piapaxaro, Rogueira, Cido. Logo pasaremos polo labirinto kárstico do Val das Mouras, que se formou polo afundimento dunha cova xigantesca, hai centos de milleiros de anos. Remataremos facendo un fermoso percorrido de 4 quilómetros pola beira do Lor, no máis fondo do seu impresionante canón.

DIVINDADES

pico cotoO Castro de Brío, de 1053 m de altitude, posiblemente estivo dedicado á deusa Brita ou Brigit, divindade celeste relacionada coa soberanía. O Pico de Coto, 1055 m, sobre Ferreirós de Abaixo, é posible que estivese dedicado ao deus Coro ou Cotto, que era o deus das alturas e do inframundo, do celeste e o soterrado á mesma vez. Tamén era o deus do vento que viña do país da morte, do ocaso, por iso foi asimilado con Caurus o fillo de Eolo, que gobernaba o vento do noroeste. Seguro que Courel ten a orixe etimolóxica no nome desta divindade primitiva.

O APALPADOR

-apalpadorPersonaxe mítica, moradora das terras altas do oriente galego. Trátase dun xigante, de oficio carboeiro, que no 31 de decembro baixa dos altos cumes ata as aldeas. Unha vez que os meniños e meniñas están durmidas apálpalles as barrigas para comprobar se están ben fartos, desexándolles que todo o ano gocen de abundancia. Antes de partir dos fogares cara á montaña deixa ao pé de cada leito unha presiña de castañas e, ás veces, tamén algún outro agasallo.

Son moitas as persoas de todas as idades que testemuñan a ilusión coa que agardan os cativiños a chegada do Apalpador; porén, cómpre potenciar esta figura do noso patrimonio cultural antes de que fique esquecida pola incorporación de personaxes foráneas, cargadas de intereses comerciais. A conservación deste tipo de elementos etnográficos debe ir necesariamente acompañada da conservación do espazo físico no que se asentan.

 

RESERVA DE PRAZA
As persoas interesadas en participar deberán reservar praza chamando con antelación ao 679113718 ou 9822402299.

O bus sairá de diante da Facultade de Formación do Profesorado de Lugo (antigo Maxisterio) ás 9 horas da mañá.

PREZOS

Xeral: 15 €
Estudantes/ parados/as: 12 €
Socios/as: 10 €
Menores de 17 anos: 5 €

Leva roupa e calzado axeitados e comida para o camiño. O bo humor é cousa de todos/as.

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com