Celulosa por riba de todo: Novas talas de eucalipto afectan a un castro protexido en Foz Imprimir
Envia Celulosa por riba de todo: Novas talas de eucalipto afectan a un castro protexido en Foz a FaceBookEnvia Celulosa por riba de todo: Novas talas de eucalipto afectan a un castro protexido en Foz a Twitter

A Mariña, 24 de outubro de 2012. ADEGA e MariñaPatrimonio denunciaron perante o Servizo de Patrimonio Cultural da Xunta un novo caso de tala dun monte de eucaliptos en Os Castros ou Engrobias, na parroquia de San Martiño do concello de Foz (Lugo), para que se investiguen os posibles danos que estes traballos están a xerar no devandito castro.

Para esta tala utilizouse maquinaria pesada sobre o xacemento e efectuáronse remocións de terra nun sector do parapeto, accións que puideron afectar o xacemento, protexido pola Lei de Patrimonio.

A día de hoxe aínda non se teñen feito labores de repoboación sobre dito xacemento para o que, como é sabido, se utilizaría maquinaria pesada e se efectuarían remocións de terra que provocarían a destrución do xacemento. Por iso, ADEGA e MariñaPatrimonio, alertamos á Administración antes de que sexa demasiado tarde, e instamos ao Servizo de Patrimonio para que actúe con dilixencia e, conforme contempla a Lei de Patrimonio, evite que a repoboación e a utilización de maquinaria pesada cause danos neste ben patrimonial.

ADEGA e MariñaPatrimonio lamentamos unha vez máis estas agresións ao noso patrimonio e tamén lamentamos os prexuízos que, a falta dunha política axeitada que garanta a protección e conservación do patrimonio cultural, ocasionan aos propietarios.

Pese a que nos dous últimos anos xa temos denunciado varias talas sobre xacementos arqueolóxicos na Mariña de Lugo, seguimos comprobando que este tipo de prácticas non cesan e que a Xunta non está a dispoñer nin as medidas de prevención nin as medidas de control necesarias para que o noso patrimonio estea realmente protexido, tal e como esixe a lei.

Fotos: https://picasaweb.google.com/101936272298621785797/CastrosEngrobiasSanMartinoFozLugo

 

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com