Adega
INICIO Novas ADEGA convídate a un roteiro por Touriñán na busca dos cantos de Buserán
ADEGA convídate a un roteiro por Touriñán na busca dos cantos de Buserán PDF Imprimir Correo-e
Envia ADEGA convídate a un roteiro por Touriñán na busca dos cantos de Buserán a FaceBookEnvia ADEGA convídate a un roteiro por Touriñán na busca dos cantos de Buserán a Twitter

cabo_tourianO vindeiro domingo 22 de abril, Día da Terra, ADEGA Lugo convídate a participar nun roteiro polo "fin da terra" e nomeadamente polo litoral de Muxía, de Lourido a Moraime. Desta volta, o roteiro terá treitos a pé e en bus, para poder visitar varios puntos de interese, algúns deles ameazados por proxectos especulativos, como o cabo Touriñán, onde está prevista a construción da planta de acuicultura de Pescanova. No camiño iremos na procura dos cantos de Buserán que proceden dos cantís do mar e coñeceremos outras lendas como a da Virxe da Barca ou a do Castelo de Touriñán. A saída de Lugo está prevista para as 8.00 horas do domingo, desde a Facultade de Formación de Profesorado. Atoparán máis información se premes no CARTAZ.

nemiajpgO roteiro por Touriñán suporá andar pouco porque non hai moitos camiños longos, por iso propoñemos un itinerario no que combinemos as visitas a pé e en bus. Comezaremos na aldea de Lourido (a 2km da vila de Muxía) onde observaremos a súa marabillosa praia e dunas, que se verían impactadas pola pretendida construción do Parador turístico de Muxía. Desde Lourido colleremos o bus até o camiño que vai á Punta de Buitra. Desde alí camiñaremos dous quilómetros para ver de lonxe onde está a furna da Buserana. Desde alí tamén se ve Muxía e o cabo Vilán (alterado tamén pola piscifactoría de Stolt Sea Farm). Volveremos ao bus para coller rumbo á aldea de Cuño (a menos dun quilómetro), cuxa praia de cantos rodados está declarada punto de interese xeolóxico. A baixada é duns 600m e de dificultade baixa. Volveremos ao bus para desprazarnos até Nemiña (onde Pondal ía estudar latín). Desde alí partiremos para Touriñán tendo presente o mar en todo o camiño: praia de Nemiña, desembocadura do río Castro (piscifactoría Tres Mares), praia de Mar do Rostro, cabo da Nave. Xa en Touriñán visitaremos a aldea de Campos (a máis occidental de Galiza) e baixaremos cara ao coído, onde está prevista a piscifactoría de Pescanova. Á beira do mar andaremos até o faro. Se nos dese tempo, iriamos a Moraime, a 3 km de Muxía. A súa igrexa románica conserva restos da época romana e xermánica e nela estivo  agochado o rei Afonso VII.

Durante o percorrido, contaremos coa inestimable compaña dun gran coñecedor da zona, Manuel Vilar,  quen nos explicará a lenda da Buserana, a lenda da Virxe da Barca e tratará outros temas de interese cultural como a procedencia do nome da Costa da Morte, naufraxios, os fachos, os faros, a pesca do percebe, a recollida de argazo, Pondal, lendas do Castelo (illote de Touriñán), etc.

SAÍDA: O autobús sairá de diante da Facultade de Formación do Profesorado de Lugo ás 8.00 h.

RESERVA PRAZA: Imprescindible anotarse chamando ao 679113718 ou ao 982240299.

PREZOS:

Xeral............................................................................................ 15 €

Estudantes, xubilad@s e no paro…………......................................12 €

Soci@s......................................................................................... 10 €

Ata 17 anos.................................................................................... 5 €

Leva roupa e calzado axeitados e comida para o camiño. O bo humor é cousa de tod@s

PRÓXIMOS ROTEIROS DE ADEGA LUGO:

20 Maio: Monte Pindo (Costa da Morte)

17 Xuño: Serra do Galiñeiro (Vigo)

+INFO: roteirosadegalugo.blogaliza.org

LENDA DE BUSERÁN

furna_busernEn tempos remotos había na cima dun castro, no lugar dos Castelos, unha gran fortaleza pertencente a un rico e valente cabaleiro, pai dunha fermosa moza chamada Frolinda. Nunha das súas ausencias obrigadas do dono do castelo, chegou ás portas un valente mozo chamado Buserán. Era trobador de cantigas de amor e guerra. Entrou na fortaleza, e ao atopar a Frolinda namoráronse. Chegou o pai de Frolinda

de loitar de afastadas terras e, coñecendo os amoríos da súa filla, expulsou ao trobador e encerrou a Frolinda nun recuncho da fortaleza. Esta decisión fixo que os dous mozos se quixeran máis aínda, e tódalas noites Buserán dirixía cantigas á súa amada desde os outeiros dos arredores.

O cabaleiro, enfurecido, ordenou a persecución e morte de Buserán. Así o fixeron os criados. Colleron a Buserán e tirárono desde o alto dun cantil a unha furna da costa, afogando para sempre a súa voz.

Posta en liberdade Florinda e tendo coñecemento do tráxico fin de Buserán, toleou e andou durante moitos días e noites pola beira do mar chamando ao seu amado.

Unha noite, un criado deulle ao cabaleiro a noticia de que viran á súa filla berrando no alto da furna:

–Onde estás Buserán?

E desde o máis fondo do mar escoitábanse as cantigas do trobador. De repente, unha onda xigantesca, desfeita en espuma, ascendeu polos cantís e envolveu a Frolinda, levándoa con ela ao fondo da furna.

O eco da voz de Buserán resoou durante moitos anos, segundo aseguraban os pescadores que faenaban preto da furna. Aínda hoxe se lle atribúe ao lugar a facultade de outorgar correspondencia de amor a todo aquel que se achegue a solicitala.

 

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 
galizamaxica

Redes sociais

adegafacebook

twittergal



ADEGA