Adega
INICIO Novas Unhas 500 persoas manifestáronse en Lugo contra os lumes e en defensa das Fragas do Eume
Unhas 500 persoas manifestáronse en Lugo contra os lumes e en defensa das Fragas do Eume PDF Imprimir Correo-e
Envia Unhas 500 persoas manifestáronse en Lugo contra os lumes e en defensa das Fragas do Eume a FaceBookEnvia Unhas 500 persoas manifestáronse en Lugo contra os lumes e en defensa das Fragas do Eume a Twitter

marcha_lumes1Unhas 500 persoas participaron na concentración-mobilización convocada a través das redes sociais contra os lumes forestais e a prol da defensa das Fragas do Eume  na que participou ADEGA e cuxa pancarta encabezou a marcha. Baixo o lema “Lumes, Nunca Máis”, os cidadáns de Lugo partimos ás 20.30 horas da Praza Maior cara o edificio da Xunta de Galiza para solidarizarnos coa veciñanza do Parque Natural do Eume, para denunciarmos a catástrofe ecolóxica que ven de sufrir o espazo protexido e para demandar á Xunta de Alberte Núñez Feijóo políticas efectivas de protección dos lumes, poíticas de protección real dos espazos protexidos e políticas de sensibilización e concienciación social sobre as zonas protexidas e as graves consecuencias dos incendios forestais. Entra no corpo da nova para ver as imaxes da marcha!

Preme na seguinte ligazón para ver as imaxes da concentración-marcha de Lugo: https://picasaweb.google.com/112742438092794612178/MARCHALUMESLUGO?authkey=Gv1sRgCNeG8N3T2YTCTQ

marcha_lumes_2Todas as persoas que hoxe participamos na marcha-concentración contra os lumes na cidade de Lugo esixímoslle ao goberno de Feijóoo que  que dote ao Parque natural dun instrumento de xestión obrigado por lei; que favoreza as políticas de prevención  de incendios (para as que ven de recortar uns 20 millóns de euros); que non reduza as franxas de seguridade contra os incendios forestais (diminuídas pola actual Lei de Montes); que non precarice os operativos de loita contra o lume e os dote dos medios necesarios; que promova a sensibilización cidadá sobre as nefastas consecuencias do lume, non só para os espazos naturais, senón tamén para as vidas humanas; que protexa de xeito efectivo os espazos protexidos, nomeadamente dos lumes forestais, e que investigue a conciencia as causas e orixes deste lume nas Fragas do Eume e a súa posible relación coa mina de andalucita que se está a proxectar na zona.

De xeito inmediato, esiximos ao goberno autonómico que elabore e poña en marcha un plano de restauración da zona afectada que impida a erosión do solo, a afectación ao río Emue e afluentes e a especulación da superficie queimada.

A continuación, reproducimos o manifesto que se leu ao final da marcha reivindicativa, diante do Edificio da Xunta en Lugo:

COMUNICADO EN DEFENSA DAS FRAGAS DO EUME E CONTRA A RAPIÑA DO NOSO PATRIMONIO NATURAL

As organizacións, colectivos e persoas aquí presentes queremos amosar en primeiro lugar a nosa solidariedade coa veciñanza dos Concellos de A Capela, As Pontes e Monfero que están a padecer as consecuencias directas dos lumes que afectan ás Fragas do Eume. Enviamos tamén o noso apoio aos efectivos e persoas voluntarias que están a traballar nos labores de extinción.

O incendio das Fragas do Eume é a consecuencia directa das políticas baseadas na falta de planificación e de xestión forestal e do desleixo pola conservación dos nosos espazos naturais protexidos. Aínda que os responsables políticos, nomeadamente Alberto Núñez Feijoó, destacan xunto a intencionalidade do incendio as condicións climatolóxicas de vento e escaseza de humidade, queremos denunciar que as dimensións desta catástrofe non poden entenderse sen considerar outros factores referentes as políticas forestais e ambientais da Xunta de Galiza:

A declaración das Fragas como Parque Natural en 1997 non trouxo consigo as medidas necesarias para garantir a súa conservación. 15 anos despois aínda non conta co obrigado Plano Reitor de Usos e Xestión (PRUX) o que favoreceu que as Fragas sufran un paulatino proceso de eucaliptización e invasión de especies alóctonas. No mesmo estado de abandono atópanse a práctica totalidade dos nosos espazos naturais protexidos.

A administración galega primou a extinción en detrimento da prevención. Se a isto sumamos a precariedade laboral das brigadas e a falta de medios coa que traballan, ademais da decisión de recortar os medios para o coidado dos espazos naturais, resulta unha situación de grave perigo para os nosos montes. Así, dende o outono pasado os nosos espazos protexidos están a sufrir unha catástrofe sen precedentes: ardeu o Macizo Central, A Limia, a Reserva da Biosfera de Allariz, Ancares-Courel, e agora as Fragas do Eume.

Encol da política forestal, a cidadanía merece que a Xunta resposte a estas cuestións:

Por que recortou en 20 millóns de € os orzamentos para prevención e 2 millóns de € para extinción? Por que promove unha Lei de Montes que reduce as faixas de protección, o tempo para aproveitar os terreos queimados e permite masas monoespecíficas (eucaliptos, por exemplo) de máis de 50 ha continuas? Por que se reduciu significativamente e precarizou os operativos de loita contra o lume, eliminouse o Voluntariado do Monte, suspendéronse as BIIF (Brigadas de Investigación dos Incendios Forestais), paralizáronse as UXFOR e abriuse a porta á especulación do monte coas SOFOR?

Xa que logo, á hora de avaliar as causas desta catástrofe, a Xunta de Galiza por acción ou omisión ten tanta responsabilidade como os incendiarios.

Perante a gravidade dos acontecementos, as organizacións, colectivos e persoas aquí presentes esiximos que a Xunta dedique todos os medios técnicos, materiais e humanos para extinguir as chamas e protexer as zonas máis sensíbeis do Parque Natural. Despois, deben investigarse as orixes, as causas e as intencións desta catástrofe, en particular a posíbel relación co proxecto de mina de andalucita. A seguir, é urxente a elaboración e posta en marcha de planos de restauración para recuperar a biodiversidade afectada e a impedir a erosión e a especulación das zonas queimadas. Unha administración ten que estar para algo máis que para facer unha foto o día da árbore, mentres os nosos bosques arden!

LUMES, NUNCA MÁIS!!!

2 de abril de 2012

 

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 
galizamaxica

Redes sociais

adegafacebook

twittergal



ADEGA