Adega
INICIO Novas ADEGA denuncia un novo depósito ilegal de residuos na cabeceira do Rato
ADEGA denuncia un novo depósito ilegal de residuos na cabeceira do Rato PDF Imprimir Correo-e
Envia ADEGA denuncia un novo depósito ilegal de residuos na cabeceira do Rato a FaceBookEnvia ADEGA denuncia un novo depósito ilegal de residuos na cabeceira do Rato a Twitter

vertido_RatoLugo, a 30 de xaneiro de 2012.- Un novo caso de vertido volve a provocar a enérxica protesta de ADEGA pola constante acumulación de lixo preto da cabeceira do río Rato. Agora trátase dun depósito ilegal de refugallos a 10 metros do curso alto do efluente, onde se poden atopar entullos de obra, sofás, restos de chapa, bidóns de 25 litros de aceite de automóbil, sprays, etc. A maior parte dos residuos son potenciais contaminantes e perigosos podendo afectar gravemente ao río e, á súa vez, á fauna e flora que nel habita, en especial, anfibios, réptiles e a peixes, entre eles o coñecido vulgarmente como “peixe espiñento”, cuxas poboacións xa teñen sufrido abondo polo arrastre de terras das obras do novo parque empresarial das Gándaras.

vertido_Rato2Alén deste novo caso, ADEGA ten denunciado reiteradamente varios vertidos ilegais nas proximidades do río Rato e, nomeadamente, na área do seu nacemento. Hai tres meses, na última campaña de limpeza simultánea de ríos organizada en Lugo a través do proxecto de voluntariado ambiental “Proxecto Ríos”, ADEGA retirou máis de 1 tonelada de residuos industriais e de obras preto do recentemente construído polígono industrial das Gándaras. Os residuos, tras seren recollidos, foron retirados polo Concello a comezos de ano.

A últimos deste mes, membros de ADEGA inspeccionaron a zona e comprobaron que se volveran acumular no lugar restos de materiais automobilísticos e, incluso, produtos tóxicos e perigosos. O colectivo ecoloxista xa denunciou de novo a situación á Patrulla Verde do Concello, que está  a investigar a procedencia do lixo.

ADEGA fai un chamamento á sociedade para que actúe en defensa do medio natural e da saúde colectiva denunciando esta clase de feitos que atentan contra a nosa saúde e a calidade das nosas augas e terras. Pídelle, así mesmo, á Administración que vixíe e castigue estes depósitos ilegais de residuos, pero que tamén faga labores de concienciación e sensibilización ambiental.


Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 
galizamaxica

Redes sociais

adegafacebook

twittergal



ADEGA