Adega
INICIO Novas As charlas sobre o urbanismo en Barreiros analisan este venres o Plano Sectorial dende o dereito
As charlas sobre o urbanismo en Barreiros analisan este venres o Plano Sectorial dende o dereito PDF Imprimir Correo-e
Envia As charlas sobre o urbanismo en Barreiros analisan este venres o Plano Sectorial dende o dereito a FaceBookEnvia As charlas sobre o urbanismo en Barreiros analisan este venres o Plano Sectorial dende o dereito a Twitter

charla_urbanismo1Lugo, 3 de novembro de 2011. Este venres día 4, ás 20 horas, no salón de actos da Casa Sindical de Lugo (Ronda da Muralla, 58), continúan as charlas organizadas por ADEGA e o Colexio de Arquitectos (COAG) de Lugo sobre "Territorio e Urbanismo. O caso Barreiros", que o pasado venres tiveron grande aceptación. Desta volta, os profesores de dereito administrativo na USC, Alba Nogueira e Fernando de Abel, xunto co secretario do COAG en Lugo, Xosé Luis Sanmiguel,  analizarán as consecuencias a nivel xurídico e legal da aprobación por parte da Xunta de Galicia do Plan Sectorial de Barreiros, que pretende abastecer as novas vivendas de servizos mínimos básicos. Descarga o CARTAZ.

LuejeO ciclo abríase o pasado venres coa presenza do exDirector Xeral de Urbanismo, D. Ramón Lueje, quen destacou que o Territorio xunto coa lingua son as señas de identidade dun lugar e que Galiza estaba perdendo. Engadiu que no territorio coinciden moi diversos usos polo cal cómpre partir da premisa de que é sempre un recurso escaso que se debe de xestionar con racionalidade.

En relación ao caso de Barreiros, o exDirector Xeral sinalou que, de ningunha maneira , a Dirección Xeral de Urbanismo actuou de forma sectaria como a acusa o PP, senón que se trataba, -ao igual que en Foz, en Fisterra, en Miño, etc, - de defender os intereses xerais fronte á irracionalidade urbanística. En menos dun ano déronse licenzas urbanísticas para máis de 3.500 vivendas, con visados no Colexio de Arquitectos de Lugo para un total de 6.500 vivendas, nun concello do litoral que non chega aos 4.000 habitantes. Non se trataba, manifestou o exdirector Xeral, de prohibir ningún desenvolvemento urbanístico, senón de que as novas edificacións contasen cos servizos básicos de abastecemento de auga, de subministro eléctrico, de saneamento e de rede viaria nas condicións adecuadas ao nivel de poboación que se podía prever.  E tratábase tamén de que os promotores cedesen o solo necesario non só para estes servizos, cuxo costes tiñan que correr integramente a cargo deles, senón tamén solo para zonas verdes e dotacionais e para vivenda pública.

Ramón Lueje acabou recoñecendo que nesta aposta polo cumprimento da lei, por un urbanismo de calidade e por unha xestión racional do territorio, se ten sentido social e politicamente moi só, pero que, sen embargo, sempre contou co apoio de practicamente todos os funcionarios da Consellería e, por suposto, da exConselleira, María Xosé Caride, e do exPresidente da Xunta,  Emilio Touriño.

publico_urbanismoPola súa parte, o representante do Colexio de Arquitectos de Lugo, despois de explicar o papel fundamental do Colexio de Arquitectos na detección do problema ante a sorpresa de tal cantidade de visados  concentradas nun único concello, sinalou que a mala xestión que poda facerse do territorio en relación co urbanismo non é responsabilidade dos arquitectos (que ao fin teñen que cumprir co encargo que se lles fai) senón que  é responsabilidade global do conxunto da sociedade que, maioritariamente, ten unha moi baixa estima do territorio como recurso integral, é dicir, do territorio, non só como soporte físico da actividade humana, senón tamén como recurso cultural e ambiental e de saúde publica.

Por último, o representante de ADEGA, Daniel L. Vispo, explicou o caso paradigmático de como se lle ten recoñecido o outorgamento de licenza a unha parcela de San Bartolo sen servizos urbanísticos básicos;  en contra do informe da Secretaria Municipal por exceso de edificabilidade;  en zona onde o Decreto 15/2007 prohibe expresamente novas edificacións; ocupando dominio público hidráulico, sen concesión nin autorización do organismo de bacía, sen abrir investigación algunha por ocupación de solo municipal (a pesar das reiteradas denuncias dos veciños) e, por riba, sen ter transcorridos os tres meses preceptivos para o cómputo do silencio administrativo positivo. Todo un exemplo das moitas ilegalidades e licenzas irregulares que se teñen dado en Barreiros.

Na sesión de intervencións de mañá, venres, que comezará ás 20 horas, os profesores da Universidade de Santiago, Fernando de Abel e Alba Nogueira, xunto con J. Luis Sanmiguel, secretario do colexio de Arquitectos de Lugo, falarán sobre DEREITO DE URBANISMO, tratando de explicar os problemas legais do novo procedemento urbanístico que ten iniciado a Xunta de Galicia ao promover un Plan Sectorial, financiado con cartos públicos, coa finalidade de dotar de rede viaria, de abastecemento de augas e de rede de saneamento a todas estas novas edificacións, cando estes servizos tiñan que estar completados antes do outorgamento da licenza e, ademais, a cargo exclusivamente dos promotores propietarios do solo, e despois de facer as preceptivas cesións de solo que marca a Lei. Neste encontro, poderemos comprobar que o problema urbanístico pode que sexa complexo, pero a utilización da figura do Plan Sectorial para financiar e resolver o problema urbanístico dunhas licenzas ilegais pode que non sexa menos dificultoso.

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 
galizamaxica

Redes sociais

adegafacebook

twittergal



ADEGA