Lugo, 22 de xuño de 2011. ADEGA Lugo pecha o vindeiro domingo 26 de xuño o seu programa de roteiros 2010-2011 dedicado á lingua galega cunha andaina pola "raia" con Portugal, na bisbarra na que naceu a asociación cultural e pedagóxica “Ponte nas ondas!”. Esta entidade, que contribúe a reforzar as relacións sociais, educativas e lingüísticas aos dous lados do pai Miño, será a que nos guíe nesta ruta que descorrrerá entre Salvaterra e Monçao.
O roteiro partirá do antigo paso da barca entre Salvaterra e Monçao. Avanzando polo paseo fluvial do Miño visitaremos as pesqueiras da época romana desde as que se pesca a lamprea. Despois de chegar á desembocadura do Tea seguiremos camiño remontando este río. Neste traxecto veremos as plantacións de Albariño da Quinta da Fillaboa e pasaremos ao rente das ruínas dos muíños do Tea. Continuaremos o roteiro coa subida ao monte Castelo, onde visitaremos na súa cima unha capela escavada na rocha. Desde este lugar teremos ocasión de contemplar unhas espectaculares vistas da contorna. Remataremos o día cunha visita á localidade portuguesa de Monçao.
O roteiro estará guiado por Ponte nas Ondas, asociación que xurdiu en 1996 por iniciativa dun grupo de docentes galegos e portugueses para celebrar a construción da ponte sobre o Miño, entre Salvaterra e Monçao. Inicialmente creouse unha ponte de comunicación radiofónica transfronteiriza entre varias escolas de ambas marxes do Miño. A experiencia educativa pretendía, empregando as novas tecnoloxías de comunicación, fortalecer o contacto entre o alumnado, dando a coñecer o rico Patrimonio Inmaterial galaico-portugués. O éxito da iniciativa fixo que esta se ampliara a outras escolas da zona, á universidade e tamén a varios centros de latinoamérica. Entre as diversas ferramentas de divulgación patrimonial empregadas neste proxecto destaca a das “ bibliotecas vivas”.
O roteiro ten unha lonxitude de 12 km e unha dificultade media (a maior dificultade preséntase na subida ao monte Castelo).
Saída de Lugo: de diante da Escola de Maxisterio ás 8 h. da mañá. Prégase puntualidade.
Saída de Cambeo: o bus fará unha parada na estación de servizo de Cambeo (cruce das estradas Santiago-Ourense e Lugo-Ourense): ás 9:15 h aprox.
É imprescindible anotarse chamando ao 679 113 718 ou ao 982 240299.
PREZOS:
Xeral....................................................................................... 15 €
Estudantes, xubilad@s e no paro..............................................12 €
Soci@s.................................................................................... 10 €
Ata 17 anos.............................................................................. 5 €
Leva roupa e calzado axeitados e comida para o camiño. O bo humor é cousa de tod@s |