Lugo, 07 de xullo de 2010.- Hoxe tivo lugar en Lugo a presentación pública do FORO DO CAMIÑO PRIMITIVO formado por varios colectivos, asociacións (entre elas ADEGA) e institucións relacionadas coa defensa da cultura, do patrimonio e do ambiente galego. Centrará a súa actividade na loita contra as agresións que actualmente está a sufrir ao longo de todo o seu percorrido a vía primitiva, así como na demanda de medidas para a súa posta en valor. Instaremos ás institucións públicas a cumprir coa súa obriga de protexer este patrimonio histórico-cultural através dos intrumentos legais dos que dispoñen. Para poñerse en contacto co Foro pódese utilizar o enderezo electrónico:
Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo
As entidades que, polo de agora, forman parte deste Foro son: Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago (AGACS), Asociación de Amigos do Camiño Primitivo, Asociación de Amigos del Camino de Santiago Astur-Galaico del Interior, Viandantes do Camiño Primitivo, Lugo-Patrimonio, Asociación de Amigos do Patrimonio de Castroverde, Museo Comarcal da Fonsagrada, Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), Plataforma en Defensa do Alto Ulla, Orde das Donas e Cabaleiros do Priorato de Vilar de Donas “Os Lobos”, Metátese Teatro, Asociación de Hosteleiros de As Fontiñas, Grupo de Desenvolvemento Rural 4-Terras de Lugo, Asociación en Defensa do Parque de Rosalía de Castro, Asociación de Veciños da Piringalla, Clube Cultural Valle-Inclán, Asociación Cultural Espalladoira, Asociación de Veciños “Fonte de Udreiro” de Romeán, Asociación de Veciños de San Romao da Retorta, Asociación de Veciños “Porta de Lugo”, Museo Terra de Melide, Asociación Cultural “A Toca” de Toques e investigadores e persoas que a título individual están ligadas dalgún xeito a esta vía histórica.
A falta de vontade por parte da Administración para o regulamento da protección e defensa da traza primitiva queda patente na parálise na que se atopa a tramitación da súa delimitación oficial, cuxa itinerización foi feita hai xa 12 anos e incorrendo en graves erros de trazado. Por iso, o FORO DO CAMIÑO PRIMITIVO reclamará, en primeiro lugar, que a Xunta, a través da súa Dirección Xeral de Patrimonio, conclúa o proceso iniciado de delimitación oficial do Camiño Primitivo antes de que acabe o ano, para poder fornecer aos axentes culturais e públicos de instrumentos que permitan exercer de xeito efectivo a defensa dos intereses públicos fronte os atentados contra este patrimonio de todos e todas. Unha delimitación rigorosa do camiño facilitará tamén aos rexedores municipais a incursión deste valor cultural nos seus planeamentos municipais de forma adecuada. Ademais, a aprobación da súa delimitación sería o primeiro paso imprescindible para a posterior declaración do Camiño Primitivo como BIC (Ben de Interese Cultural), recoñecemento ao que aspira a vía histórica.
Por outra banda, o abandono do camiño por parte das institucións é latente en moitos dos seus treitos. Malia o apoio xurídico da Lei de Protección dos Camiños de Santiago, a Xunta non recuperou nin un só treito desta vía invadido ou usurpado por particulares, dos que temos abondosos exemplos (Parada Vella, a Fontaneira, a Matanza, o Cádavo, a Vacariza, Vilalle, Mesón de Fraiás, Moreira, Gondar, Bascuas, Carballido, etc.). Tampouco se promoveron actuacións de recuperación patrimonial das fontes, muros, masa vexetal que acompañan ao camiño, ou mesmo, a rehabilitación da propia calzada; nin se puxeron en valor elementos singulares do camiño como as árbores senlleiras.
Pola contra, as intervencións humanas agresivas co Camiño Primitivo son moi abondosas, entre as que destacan: a deforestación de masas boscosas autóctonas na contorna do camiño e a súa substitución por plantacións de especies foráneas; a actividade extractiva de canteiras e areeiras carentes de regulación (a da Pallota en Castroverde ou a de Bascuas en Lugo); concentracións parcelarias que obvian o valor patrimonial da vía histórica (no concello de Baleira ou en Poutomillos de Lugo), ou obras públicas e desvíos de trazado promovidos pola propia Administración.
Alén da falta de vontade e do abandono que as diferentes Administracións galegas teñen demostrado con respecto á defensa do Camiño Primitivo, o FORO denuncia tamén a ausencia de comunicación e coordinación que existe entre elas para favorecer e promover a rota máis antiga a Compostela. A falta de coordinación vese nomeadamente entre os concellos galegos polos que pasa a vía, a diferenza do que acontece no caso asturiano coa creación a “Mesa de Alcaldes del Camino Primitivo”.
O FORO DO CAMIÑO PRIMITIVO lamenta especialmente a situación desta vía e a falta de actuacións tendentes á súa recuperación neste Ano Santo Xacobeo no que os investimentos dirixidos á mellora e restauración dos camiños históricos a Compostela non están a deixar a súa pegada na traza histórica máis antiga, na que os peregrinos non atopan nin a atención nin os servizos necesarios para desenvolver satisfactoriamente a súa peregrinaxe.
ACTUACIÓNS
O FORO presentará un escrito perante a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Consellaría de Cultura e Educación co gallo de solicitar información sobre o estado administrativo no que se atopa a delimitación oficial do Camiño e para instar ao goberno autonómico a acelerar ese proceso e a tomar medidas efectivas de protección e promoción.
Doutra banda, ten previsto presentarse formalmente diante dos distintos concellos galegos polos que pasa o Camiño Primitivo para intentar achegar posturas e acadar o seu compromiso na defensa da traza histórica tanto como axentes vixiantes da legalidade, como promotores e protectores dos bens culturais dos seus veciños. Neste senso, o concello de Lugo será o primeiro no que o FORO presente as súas propostas, por ser un dos municipios estratéxicos para a defensa e promoción do Camiño Primitivo.
Para toda aquela persoa ou entidade que se queira poñer en contacto co FORO para adherirse ou denunciar algún atentado ao Camiño Pirmitivo, poderá facelo a través do email:
Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo
. |