A Alianza Rural Galega inicia unha campaña informativa na montaña lucense sobre as minas de ouro Imprimir
Envia A Alianza Rural Galega inicia unha campaña informativa na montaña lucense sobre as minas de ouro a FaceBookEnvia A Alianza Rural Galega inicia unha campaña informativa na montaña lucense sobre as minas de ouro a Twitter

charla becerreaLugo, 14 de xuño de 2013. A Alianza Rural Galega, formada por ADEGA, FRUGA, CIG e Organización Galega de Montes Veciñais (ORGAMMVV) comezou unha campaña informativa en relación á solicitude de permiso de exploración mineira Lago II, solicitado pola empresa canadiana LUNDIN MINING CORPORATION a través da súa filial GOLD QUEST IBÉRICA, e que abarca unha superficie de case 12.000 Ha nos concellos de A Fonsagrada, Baleira, Baralla e Becerreá. Onte, a Alianza Rural Galega celebrou unha xuntanza informativa en Becerreá, para dar conta doutra das embestidas dunha das vertentes máis salvaxes do capitalismo: a da minaría a gran escala, contaminante e destructiva. Esta actividade sostense baixo unha relación colonial: o beneficio marcha cara grupos de inversión foraneos namentres no territorio queda a desfeita e a contaminación que lastra o seu desenvolvemento do propio territorio durante xeracións.

A Xunta de Galiza abríu as portas á explotación dos nosos recursos xeolóxicos ás grandes transnacionais da minaría dun xeito abraiante, serva como exemplos a campaña informativa da Consellería de Industria “A minaría forma parte da túa vida”, onde se chega a afirmar que “Galiza é unha mina”, as subvencións de fomento ao sector mineiro ou as propias axudas directas que reciben as propias empresas mineiras.

Neste caso, o proxecto Lago II procura diversos minerais, aínda que o principal interese semella ser o ouro e que podería supoñer un tipo de extración a ceo aberto que precisa mover toneladas de material para recoller uns poucos gramos de ouro, á vez que consume grandes cantidades de auga por un lado e crea enormes balsas de auga contaminada con minerais altamente tóxicos, e incluso mortais, como son o arsénico e o cianuro.
De aprobarse este proxecto de exploración, suporía a degradación dunha área incluída en dúas Reservas da Biosfera cun importante valor ambiental, a de Río Eo-Os Oscos-Terra de Burón e a de Terras do Miño, cun importante risco de contaminación, xa que un verquido afectaría ás cuncas do Miño e do Eo. Tamén suporía un risco para o sector agrogandeiro, verdadeiro motor dos concellos afectados e que entrarían en competencia directa pola terra e pola auga para manter a súa actividade, que por outra parte, é a principal ferramenta de fixación de poboación e de
loita contra os incencios forestais. Sobre os empregos que as empresas mineiras prometen, que sempre son menos dos que realmente son, duran o tempo que está aberta a mina, 15, 10 o incluso 5 anos, a cambio de destruir emprego noutros sectores como o agrario, o turístico ou de servizos durante moitos máis anos.

Desde a Alianza, a través desta campaña informativa sobre a minaría na montaña de Lugo, distribuíndo modelos de alegacións entre as persoas interesadas, insta a que mostren o seu rechazo a este proxecto tanto organismos públicos como outras organizacións e tamén persoas particulares. Do mesmo xeito, seguiremos con esta campaña ata que, como xa aconteceu noutros proxectos mineiros, a Xunta de Galiza dea marcha atrás, rectifique e non continúe dando o visto e prace ao saqueo do País.

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com