Adega
INICIO Novas O xulgado de Ferrol ratifica a ilegalidade da urbanización da Frouxeira, denunciada por ADEGA en 2006

ADEGA - Ferrolterra

VIDEOS ADEGA-Ferrolterra

EUME: carbonato por un tubo!

JavaScript is disabled!
To display this content, you need a JavaScript capable browser.

O xulgado de Ferrol ratifica a ilegalidade da urbanización da Frouxeira, denunciada por ADEGA en 2006 PDF Imprimir Correo-e
Envia O xulgado de Ferrol ratifica a ilegalidade da urbanización da Frouxeira, denunciada por ADEGA en 2006 a FaceBookEnvia O xulgado de Ferrol ratifica a ilegalidade da urbanización da Frouxeira, denunciada por ADEGA en 2006 a Twitter

19 de decembro de 2012. Seis anos despois de que ADEGA denunciara a construción dunha urbanización de "adosados" sobre o castro da Frouxeira e en plena Rede Natura (LIC Costa Ártabra), o xulgado do contencioso de Ferrol acaba de ratificar a paralisación das obras acordada en resposta á nosa denuncia polo concello de Valdoviño. Tras varios anos de loita e denuncias por parte de ADEGA e co apoio de veciños/as e colectivos sociais, conseguimos que os tribunais ratificaran a ilegalidade dos 69 chalés da Saíña (Valdoviño) promovidos por "Construcciones Rías Gallegas", que aínda pode recorrer a decisión. ADEGA quere agradecer a toda a veciñanza e colectivos implicados nesta loita o seu esforzo por conservar o noso patrimonio natural e cultural. Porén, e diante do desleixo cando non complicidade de Costas e a Xunta co infractor, dende ADEGA preguntámonos: Teremos que ser sempre veciños/as e ecoloxistas os que miremos polo noso medio?

A loita contra esta urbanización ten a súa orixe nun acordo da Xunta de Goberno Local de Valdoviño de 5 de marzo do 2005 que aprobaba o proxecto de urbanización da denominada "Unidade de Actuación nº 2 de A Saiña", á que lle seguiría ben pronto a solicitude de licenza para a edificación das primeiras 17 vivendas, chalés unifamiliares e adosados. Estas actuacións desenvólvense sobre solo rústico de especial protección de espazos naturais, por estar en Zona Ramsar e en zona da Rede Natura-, e tamén solo rústico de especial protección de costas, por incluir terrenos a menos de 100 m do dominio público, e solo rústico de especial protección do patrimonio, por pertenecer boa parte á zoa de protección do Castro da Frouxeira.

As obras comezaron no verán do 2006 e inmediatamente, cando temos coñecemento da autorización, ADEGA presenta a correspondente denuncia perante o concello de Valdoviño e a Dirección Xeral de Urbanismo, a Dirección Xeral de Conservación da Natureza e o SEPRONA. Como resultado conseguimos, a pesar da oposición da daquela corporación municipal, unha primeira paralización das obras que o promotor, amparándose na falta de Resolución Municipal, tentou reiteradamente de ignorar, reiniciando por varias veces as obras.

A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, en contestación a ADEGA, confirmou as nosas denuncias, e consecuentemente, o Pleno do concello de Valdoviño non fai outra cousa que seguir as instrucións da APLU e declarar nula a licenza en 2009. Diante desta decisión, a construtora recorreu en instancia contencioso-administrativa, que agora un xulgado de Ferrol vén de desestimar.

No camiño quedan rocambolescos informes, casualmente a favor da construtora, emitidos no seu momento por diversas administracións e destapados pola Fiscalía Ambiental a denuncia de ADEGA: A Fiscalía revelou que a planimetría da obra fíxose cunha localización "errónea" do castro, que aparecía situado no mar!!!. Como consecuencia, a D. X. de Patrimonio emite un informe favorábel, xa que o perímetro de protección patrimonial, calculado a partires dunhas coordenadas erradas, permitira obrar xusto pegado á muralla do monumento. Calquera persoa con acceso a internet podería ter feito a comprobación da posición "errónea" do xacemento, que a Xunta deu por boa. Pola súa banda, Costas e Medio Ambiente tamén informan favorabelmente, malia a afectar á zona de servidume de protección e tratarse dun LIC con hábitats prioritarios.

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 

Redes sociais

adegafacebook

twittergal



ADEGA