O humidal de Valdoviño: crónica dunha deconstrución planificada pola Xunta e o Ministerio |
29 de decembro de 2011. A situación na que se atopa o humidal protexido de Valdoviño e os perxuízos que as enchentes están a causar á veciñanza, non son casuais. Nos últimos anos, alén das "intervencións" pouco afortunadas sobre o espazo, Xunta e MARM (Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño) perpetraron sen fundamentación técnica nen legal, a castración da superficie protexida inicialmente por Ramsar (740,70 Ha) até deixala nas actuais 485,23 Ha, isto é, reducírona máis dun 34%. Detrás desta verdadeira "deconstrución planificada" acontecida en pleno apoxeo da burbulla inmobiliaria, estaban intereses urbanísticos e político-especulativos (nun humidal protexido non se pode construir). ADEGA vai denunciar diante do organismo internacional RAMSAR os manexos da Xunta e do Ministerio e esixir a restitución da superficie orixinal do espazo. Daqueles espúreos manexos, veñen agora estas enchentes. Informe ADEGA Valdoviño para Ramsar (gal) 1 Mb
A declaración da lagoa e areal de Valdoviño como Humidal de Importancia Internacional (Convenio de Ramsar) en 1993, atinxía á totalidade do humidal, incluindo unha área de protección periférica vencellada á chaira de inundación. En total, abranguía 740,70 ha.
Posteriormente no ano 2006, o Ministerio de Medio Ambiente a petición da Xunta, propón unha "adecuación técnica" dos límites do humidal, motivada pola suposta "necesidade de actualizar a cartografía". Esta modificación encubriu unha redución da superficie inicialmente protexida moi importante, cuantificada en 255,47 ha. (un 34,4% da área orixinal). Esta importante redución afectou a hábitats característicos de humidais, cuxa protección resulta necesaria para asegurar o estado de conservación do espazo. En realidade, a redución da superficie estaba directamente motivada polo interese en transformar e urbanizar os terreos rústicos, tanto nas áreas próximas á lagoa como noutras máis alonxadas. Estas motivacións de clara índole urbanística foron intencionadamente agochadas na resolución do MARM. A este respeito, o mesmo Ministerio de Medio Ambiente, através da Demarcación de Costas de Galiza, efectuou unha delimitación do Dominio Público Marítimo Terrestre (DPMT) completamente incongruente cos criterios establecidos na Lei de Costas e coas necesidades de proteción do humidal. Excluiuse do DPMT terreos que están sometidos a inundación ordinaria e periódica, establecendo o límite do DPMT en áreas da chaira de inundación que quedan cubertas de auga entre 30-40 cm polo nível da enchente estacional da lagoa. Estes sorprendentes criterios á hora de efectuar o deslinde facilitaron a urbanización de terrenos que cunha aplicación rigorosa da Lei de Costas quedarían incluidos na zona de DPMT. As consecuencias destas alteracións arbitrarias tanto nos límites do espazo Ramsar como do DPMT tiveron unha repercusión moi negativa sobre o estado de conservación do humidal. A inundación ordinaria das áreas que quedan fóra da protección Ramsar e de Costas provocaron o baleirado intencionado da lagoa mediante a ruptura da barreira litoral. En 2009 esta apertura tivo consecuencias moi negativas no estado de conservación do humidal (denunciadas por ADEGA á oficina de Ramsar internacional), e que se mantiveron nos anos posteriores. Paralelamente á redución dos límites do espazo Ramsar realizada polo MARM, a Xunta perpetrou unha mudanza similar nos límites do “Humidal Protexido-Lagoa e Areal de Valdoviño”, figura derivada da Lei 9/2001 de Conservación da Natureza de Galiza. Así, inicialmente mediante o Decreto 110/2004 declarábase humidal protexido unha superficie de 740,70 ha, coincidente coa área Ramsar de 1993. Posteriormente, e mediante o Decreto 127/2008, reduciuse a superficie en 255,47 ha sen ningunha xustificación legal para este cambio. Esta falta de xustificación supón un grave incumprimiento do propio Decreto 127/2008, así como da Lei 9/2001 de Conservación da Natureza, da Lei 8/2007 do Solo (estatal), e da Lei 42/2007 do Patrimonio natural e da biodiversidade. Ao noso entender, estas alteracións deberían considerarse como ilegais e portanto, nulas e carentes de efeito algún. As funestas consecuencias destes manexos quedan patentes no progresivo deterioro do espazo dende 2006: perda de superficie de hábitats naturais característicos do humidal, pérdida de hábitats de nidificación e refuxio na orla perimetral (que mesmo foi sometida a desbroces), modificación da barreira litoral e do rexime de inundación, carreiras de quads, artificialización e urbanización insustentábel do territorio... Asegurar a conservación do humidal da Lagoa e Areal de Valdoviño nun estado ecolóxico favorábel, labor que descoidaron intencionadamente Xunta e Ministerio, esixe recuperar os límites do espazo Ramsar de 1993, así como da declaración de humidal protexido de 2004. As modificacións arbitrarias e ilegais realizadas polo Ministerio de Medio Ambiente e a Xunta son nulos de pleno dereito e deles poderían derivarse responsabilidades políticas e xudiciais. Xogar "ás casiñas" cos ecosistemas naturais, pasándose as leis ambientais polo arco do trunfo, ten as nefastas consecuencias ambientais e os graves inconvintes para a veciñanza que agora estamos a sufrir. |