ADEGA e o Foro do Camiño Primitivo recuperarán un treito da vía histórica no concello de Toques Imprimir
Envia ADEGA e o Foro do Camiño Primitivo recuperarán un treito da vía histórica no concello de Toques a FaceBookEnvia ADEGA e o Foro do Camiño Primitivo recuperarán un treito da vía histórica no concello de Toques a Twitter
Camio_na_Pena_Ferrada_2010Toques, 16 de novembro de 2010. Voluntari@s de ADEGA e as asociacións do Foro do Camiño Primitivo promoven este sábado día 20 dunha actividade de campo consistente na recuperación e sinalización dun treito da calzada histórica do Camiño de Santiago no Concello de Toques (A Coruña). A xornada completarase coa visita á Aula da Natureza de Souto, un roteiro polo Marco do Careón, através do Camiño Primitivo e un magosto na Eira da Xoana. Podedes baixar a Programación da Xornada (PDF 432 Kb) á que vos convidamos a participar, xunto co cartaz informativo.

CPrimitivo1A programación urxente destes traballos prodúcese como resposta á calamitosa actuación oficial do Xacobeo que nos últimos meses veu investindo cuantiosos fondos públicos na consolidación dun longo desvío falsificado do itinerario histórico da rota xacobea, coa apertura artificial dunha estrada e o afirmado con toneladas de grava, así como a colocación de fitos de formigón para o desprazamento dos peregrinos, no canto de se esmerar na conservación do vieiro orixinario e milenario da vía primitiva a Compostela, a variante máis antiga do Camiño Francés.

2010_0829Burgo0034A actividade desenvolverase o sábado día 20 nun treito duns 300 metros entre as parroquias de Santiago de Vilouriz e de Vilamor, coincidindo co lugar da Pena Ferrada, emblemática rocha cargada de simboloxía na memoria oral da Terra de Melide, descendendo a media ladeira cara poñente polo monte da Pedrosa, deica a ponte medieval de Xancabo sobre o río Lagares, e incluirá labores de limpeza da calzada e as súas marxes, roza, poda de árbores a carón e restauración do paso para os camiñantes seguindo as pegadas históricas e as rodeiras dos carros do país.

O grupo de voluntarios e voluntarias partirá as 11.00 horas desde a Praza do Convento do Concello de Melide cara ao lugar de actuación. Para participar é preciso chamar previamente ao 982240299 ou 638475322.

Actuación oportuna
Esta actuación “in situ” que pretende reafirmar dun xeito práctico o principio fundamental, segundo o cal, debe ser o rigor histórico quen determine legalmente a delimitación oficial das rotas con recoñecemento documental, concretándose tecnicamente a realidade xeográfica e autenticidade de cada tramo (criterio esencial na súa declaración como patrimonio mundial pola UNESCO), coincide coa exposición ao público do expediente de delimitación do Camiño Francés.

Con esta actuación, os colectivos participantes poñen de manifesto que non permitirán novas adulteracións do itinerario físico nos camiños históricos, nin a creación de vías alternativas sen o necesario aval científico ou a postergación da calzada primitiva, lembrando que estes feitos veñen precedidos polo gravísimo atentado que no seu día destruíu o camiño empedrado nas inmediacións da Pena Ferrada (pola Leira das Calzadas e O Francés), debido ás obras de apertura dunha estrada por este mesmo itinerario, aproveitando fondos europeos do Plan Leader Plus Portodemouros para destruír o patrimonio camiñeiro, iniciativa bochornosa que foi responsabilidade do anterior equipo de goberno do Concello de Toques e do seu ex-alcalde.

A todo isto súmase a satisfacción pola recente sentenza do Tribunal Supremo contra o proxecto de explotación dunha mina promovida pola empresa Cuarzos Industriales S. A. nos lugares de Merlán e Hospital do territorio histórico do Camiño Primitivo ás portas da Terra de Melide, facendo prevalecer a tutela do medio ambiente e a defensa da cultura sobre os intereses especulativos, resolución que consideramos exemplarizante.

ROTEIRO E MAGOSTO
SXEiraXa pola tarde, ADEGA e o Foro do Camiño Primitivo visitarán a Aula da Natureza de Souto e realizarán un roteiro polo Camiño Primitivo a través do “Marco do Careón”, situado no límite da Dorsal galega entre Toques e Palas de Rei.

A xornada rematará cun magosto na Eira da Xoana, centro de recuperación da cultura popular de ADEGA, situado na parroquia de Ramil (Concello de Agolada), no que ademais das castañas, se poderán degustar empadas e queixos da zona e se gozará da música tradicional.

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com