Manifesto polo aproveitamento sustentábel dos recursos xeolóxicos e contra a minaría contaminante Imprimir
Envia Manifesto polo aproveitamento sustentábel dos recursos xeolóxicos e contra a minaría contaminante a FaceBookEnvia Manifesto polo aproveitamento sustentábel dos recursos xeolóxicos e contra a minaría contaminante a Twitter

loitaencrobasXCastroA Coruña, 13 de marzo de 2013. Dadas as repercusións que no ambiente e na sociedade pode ter o aproveitamento dos recursos mineiros, e perante a crecente conflitividade que estes proxectos están a xerar, ADEGA, a CIG, a FRUGA e ORGACCMM, organizacións integrantes da Alianza Rural Galega, vimos de elaborar o documento “MANIFESTO POLO APROVEITAMENTO SUSTENTÁBEL DOS RECURSOS XEOLÓXICOS E CONTRA A MINARÍA CONTAMINANTE”. Trátase de conquerirmos un amplo acordo social arredor dunhas condicións mínimas para garantir un aproveitamento racional dos recursos mineiros, rexeitando determinadas práticas e establecendo criterios para salvagardar os ecosistemas e o noso medio rural. Convidamos a todos os colectivos sociais, políticos, asociacións e plataformas de afectados a participar neste proceso, debater as propostas e incorporalas a xeito de mínimo común que permita dar unha resposta global en clave galega á grave ameaza que a minaría contaminante supón para o noso medio rural. Documento do pdfMANIFESTO (0,3 MB)

MANIFESTO POLO APROVEITAMENTO SUSTENTÁBEL DOS RECURSOS XEOLÓXICOS E CONTRA A MINARÍA CONTAMINANTE

Os recursos xeolóxicos poden ser considerados como non renovábeis a escala humana e, portanto, cómpre asegurar que o seu aproveitamento non comprometa o acceso das xeracións futuras a estes recursos e aos demais usos do solo.

Para garantir o uso racional dos recursos xeolóxicos de xeito que non se comprometa o equilibrio e a dinámica dos ecosistemas, procurando a conservación da biodiversidade e o medio físico e humano, cómpre previr e limitar os efectos nocivos das actividades mineras e promover a sustentabilidade ecolóxica, económica e social do seu aproveitamento e minimizar os seus riscos ambientais.

A minaría a ceo aberto e a fractura hidráulica ou “fracking” son actividades de moi graves impactos sobre o territorio, o medio ambiente e sobre os distintos usos do solo. A actividade extractiva e de transformación dos recursos xeolóxicos, e particularmente a minaría metálica, consome tamén grandes cantidades de enerxía e agua e manexa substancias tóxicas que como o cianuro poden ter graves consecuencias para o ambiente a saúde das persoas. Polo que atinxe ao “fracking”, ou obtención de gas natural mediante fractura hidráulica profunda, podería supor unha das maiores agresións contra o ambiente e a saúde das persoas polo uso masivo de substancias tóxicas e a contaminación do solo e dos acuíferos.

Moitas das materias primas que se tiran da actividade mineira, particularmente os metais e elementos tecnolóxicos pódense obter mediante a reciclaxe. As técnicas de beneficio a partir de aparellos usados e outros bens de consumo son cada vez máis eficientes e permiten diminuir a dependencia da minaría extractiva. A reciclaxe destes metais tecnolóxicos nos países industrializados forma parte da corresponsabilidade destas sociedades para coa xestión dos recursos naturais e contribúe a diminuir a dependencia dunhas materias primas cuxa explotación causa graves perxuízos sociais e ambientais nos países de orixe.

No eido socioeconómico, a explotación dos recursos mineiros e particularmente dos metais, está controlada por grandes empresas transnacionais que operan baixo criterios especulativos aplicando prácticas neocoloniais: O alto prezo destas materias primas nos mercados internacionais pola demanda tecnolóxica fai que moitas veces as técnicas de explotación e os métodos de extracción non sexan os millores técnicamente nen os que menos impactos producen, senón os que xeran menos custos e permiten un beneficio máis rápido ás empresas. Deste xeito, cando as empresas mineras marchan deixan enormes pasivos ambientais e sociais que degradan o ambiente, deterioran a saúde e a calidade de vida das poboacións das áreas mineiras e impiden outros aproveitamentos económicos.

Neste mesmo senso, o aproveitamento de determinados recursos mineiros de capital importancia para o desenvolvemento das sociedades actuais debería ser considerado estratéxico polas administracións, diferenciándoo da explotación doutros materiais que non teñen a importancia económica e tecnolóxica daqueles. En todo caso, Administración Pública, através do Consello da Minaría de Galiza, deberá tutelar o aproveitamento destes recursos para garantir a sustentabilidade ambiental e social dos proxectos.

Por todo o anterior, as entidades asinantes deste documento manifestamos que,

1. Os recursos xeolóxicos deben ser usados de forma eficiente para satisfacer as necesidades da poboación e non os intereses das empresas, sendo a prevención e o control da demanda prioritarios sobre a produción. A participación da sociedade na elaboración, deseño e execución da política mineira debe garantirse criando con urxencia o Consello da Minaría de Galiza, tal como establece a Lei 3/2008 de Ordenación da Minaría.

2. Non debería aumentar a extración de susbstancias da codia terrestre se estas materias primas poden ser beneficiadas mediante a recuperación e a reciclaxe.

3. A extracción destas materias primas débese facer atendendo ás millores técnicas dispoñíbeis en función do seu impacto sobre o ambiente e a saúde, e aplicando os principios de Precaución e Mínima Exposición.

4. O aproveitamento dos recursos xeolóxicos terá que ser compatíbel coa protección do medio ambiente, do patrimonio histórico-arqueolóxico e cultural, cos usos actuais do solo e vencellados á economía da zona. No caso de incompatibilidades, prevalecerán estes últimos sobre os aproveitamentos mineiros.

5. O aproveitamento destes recursos non debe empobrecer os sistemas agroforestais nen alterar os ecosistemas naturais. Débese prohibir o seu beneficio en chan rústico de especial protección forestal e agropecuaria, así como en chan de protección de espazos naturais, augas e costas e dentro dos espazos naturais protexidos pola lexislación galega, estatal, europea e internacional.

6. Débese prohibir a extracción de minerais metálicos e outros elementos tecnolóxicos polo sistema de ceo aberto. O uso do cianuro queda prohibido en todo caso, así como o emprego de substancias perigosas ou metodoloxías que poidan poñer en risco a saúde ambiental e cidadá se non existen alternativas. A este respeito, as técnicas de “fracking” non estarán permitidas en todo o territorio galego, incluida a plataforma continental.

7. Todos os xacementos de susbtancias minerais metálicas e elementos tecnolóxicos existentes no subsolo de Galiza, incluindo a plataforma continental, deben considerarse estratéxicos para o país. A participación das administracións no beneficio neto das empresas concesionarias no debería ser inferior ao 20%. Os recursos obtidos pasarán a integrar un Fondo de Compensación Ambiental e Social e xestionaranse consonte ao establecido no punto 10.

8. Non se poderán conceder permisos de exploración, investigación e explotación mentras non se elabore o Plano Sectorial das actividades extractivas e se constitúa o Consello da Minaría de Galiza, segundo establece a Lei 3/2008 de Ordenación da Minaría. Consecuentemente, suspenderanse todos os permisos e concesións en tramitación. Non se poderá conceder ningún permiso de explotación sen un acordo favorábel e por escrito de cando menos o 75% dos titulares das terras afectadas pola explotación.

9. Os responsábeis das concesións deberán contar, antes do inicio da actividade, cun seguro ou garantía de cobertura con entidade suficiente para garantir o pago dos custos e indemnizacións xeradas por eventuais accidentes. As administracións deberían constituir ademais un Fondo de Restauración Ambiental integrado con aportacións das empresas concesionarias, por un importe mínimo equivalente ao 5% do total do investimento, e que estaría destinado a garantir os custos da reparación do medio afectado pola actividade mineira, logo de rematada esta.

10. Os beneficios obtidos polas administracións derivados das actividades mineiras autorizadas, a teor do exposto no punto 7, adicaranse en primeiro lugar á millora ambiental e socioeconómica das comunidades nas que de desenvolvan proxectos de explotación. En segundo lugar, adicaranse a proxectos dinamizadores do medio rural. En ambos os dous casos a aplicación destes orzamentos será anual ou bianual.

            Galiza, marzo de 2013

ADEGA, CIG, FRUGA, ORGACCMM

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com