O mexillón anano neozelandés, nova ameaza para o ecosistema e a economía das rías Imprimir
Envia O mexillón anano neozelandés, nova ameaza para o ecosistema e a economía das rías a FaceBookEnvia O mexillón anano neozelandés, nova ameaza para o ecosistema e a economía das rías a Twitter

26 de febreiro de 2013. O Limnoperna securis (mexillón pigmeo negro) orixinario de Nova Zelandia, está xa nas rías galegas. Rexistrado por primeira vez na ría de Vigo en 2005, en poucos anos saltou á de Pontevedra e a súa presenza na de Arousa só é cuestión de tempo. O seu impacto sobre o ecosistema das rías e o sector mexilloeiro pode ser importante, xa que é máis adaptábel (salinidade, temperatura), coloniza máis ambientes e compite polos recursos co mexilón autóctono. Non é a única especie exótica e invasora mariña que chegou a Galiza nos últimos anos, favorecida pola globalización do comercio mundial, o cambio climático e o escaso control das administracións: Algas, moluscos e mesmo peixes tropicais están xa presentes nas nosas augas. Á perda de biodiversidade que provocan únese a ameaza que sobre o sector marisqueiro e a economía das rías poden ter organismos como mexilón pigmeo. Investir na conservación das nosas rías é hoxe máis importante que nunca!

O mexilón Limnoperna supón unha ameaza para o ecosistema das rías que colonizou (actualmente Pontevedra e Vigo). A maior capacidade para vivir en fondos brandos, habida conta que nas rías galegas (polos recheos e o aumento da contaminación orgánica) están a aumentar estes substratos; e a tolerancia a un rango máis amplo de condicións ambientais que o mexillón autóctono, danlle potencial invasor o Limnoperna.

Ao producírense cambios bruscos de salinidade, o que acontece nas rías galegas cando chove moito, o Limnoperna vese beneficiado novamente fronte ao mexillón autóctono. Por outra banda, o cangrexo común (Carcinus maenas) aliméntase dos dous bivalvos, pero é mellor depredador do mexillón autóctono que do Limnoperna. Co aumento da temperatura, aumenta a súa depredación sobre o mexillón autóctono e diminúe sobre o invasor, polo que o quecemento global podería favorecer a distribución do Limnoperna. Hai que ter en conta tamén que este mexilón austral pode ser portador do protozoo Marteilia refringens, que pode infectar as bateas.

Segúndo un recente estudo1, na ría de Vigo foron atopados até 67.000 indviduos/m2 e 18.425 indviduos/m2 na ría de Pontevedra. Pola talla dos Limnopernas atopadas e as densidades de individuos, conclúese que a ría de Vigo tivo que ser colonizada en primeiro lugar que a de Pontevedra. Isto podería confirmar que o vector da introdución sería a importación de ostra xaponesa dende o Pacífico. A invasión propágase cara o norte debido a procesos de circulación da auga de mar. Na Arousa no momento no que se tomaron as mostras para o estudo, non se atopou o Limnoperna , mais o habitual trafego de barcos entre as rías si que o podería introducir.

Despois da perda e alteración dos hábitats naturais, a introdución de especies exóticas e invasoras é a segunda causa da diminución da biodiversidade no mundo. Estes organismos supoñen ao ano un gasto de millóns de euros que poderían aforrarse con programas efectivos de divulgación, alerta e eliminación de pequenas invasións antes de que se convertan nun problema maior. Fronte a esta realidade, os colectivos ecoloxistas vimos traballando dende hai anos para tentar sensibilizar á cidadanía e as administracións sobre esta poblemática e do importante que é tomar medidas temperás. Lamentabelmente, os orzamentos da Xunta para 2013 non consignan un só euro a erradicar especies invasoras.

REFERENZAS:

1. Guerra A., Pascual S., Garci M., Roura, A., Mucientes, G., González, A. (2013) The black-pygmy mussel Limnoperna securis in Galician Rias (north-eastern Atlantic): new records and first evidence of larval stages predation by copepods. In Marine Biodiversity Records, pp. 1-7.

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com