No día mundial contra os encoros, ADEGA esixe a demolición das barraxes máis agresivas Imprimir
Envia No día mundial contra os encoros, ADEGA esixe a demolición das barraxes máis agresivas a FaceBookEnvia No día mundial contra os encoros, ADEGA esixe a demolición das barraxes máis agresivas a Twitter
encoronon.jpg14 de marzo de 2010. Este 14 de marzo celébrase o Día Mundial de Acción contra os Encoros. No 1997 en Curitiba, Brasil, durante o I Encontro Internacional de Afectados/as polas Barraxes, acordouse que este día serviría para denunciar os aproveitamentos destrutivos da auga, resgatar a saúde das nosas bacías e esixir a xestión sustentábel dos ríos. ADEGA volta a reclamar a demolición das infraestruturas hidráulicas máis agresivas nos ríos do noso país, en cumprimento da Directiva Marco da Auga e da Lei de Defensa dos Ríos Galegos, esquecida nun caixón dende 2006. Casos como o encoro do Umia en Caldas ou o da Capela no Eume, alén da "trama das minicentrais" investigada pola Fiscalía, son perfectos exemplos da prepotencia e corrupción xerada arredor destas infraestruturas.

Agora, co  Plano Sectorial Hidroeléctrico en revisión polo actual governo, paira novamente a ameaza de máis minicentrais nos nosos ríos. Vai sendo hora xa de poñer punto final a esta política e, como recomenda a propia Directiva Marco, mesmo demoler instalacións obsoletas e agresivas que comprometen a boa conservación dos nosos ríos.
Un símbolo destes proxectos agresivos, cuxa tramitación pode considerarse como exemplo da chafallada e a corrupción imperante no sector, é o encoro do Umia en Caldas de Reis.
O proxecto do encoro do Umia naceu xa cun feixe de irregularidades e ilegalidades cometidas polos responsábeis políticos de entón. Eis algunhas razóns polas que nunca se debeu construir:
-O Estudo de Impacto Ambiental era copia literal doutro proxecto de Andalucía. Nin se molestaran en cambiar o nome dos pobos (Puebla de Guzmán en vez de Caldas de Reis) nin das especies animais (meloncillo, buitre negro…). Semellante despropósito fora asinado polo daquela Presidente de Augas de Galiza, Agustín Hernández, hoxe conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.
-O obxectivo da presa estaba falseado: abastecer de auga ao Salnés supoñendo que ía a multiplicarse varias veces a poboación actual.
-A motivación de urxencia era ilegal e asi o declarou tanto o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, como o Tribunal Supremo en sucesivas sentenzas.
A realidade, por desgraza, dounos a razón. O encoro non resolveu ningún problema:
-O do abastecemento porque non existía (de feito non está conectado a ningunha rede de abastecemento).
riada02.jpg-O das inundacións da vila de Caldas, porque no proxecto non se recollía este obxectivo, aínda que logo a Xunta o utilizara como escusa para intentar frear a oposición social.
Pola contra, o único que creou este encoro, ademáis dun grave impacto ambiental, foi un problema moi severo que nunca antes existira: diminuiu a calidade da auga no encoro e río abaixo dende que se pecharon as comportas, con varios episodios de augas en mal estado, turbias ou con cheiros desagradábeis, debido á eutrofización. Nos últimos tempos o problema agravouse pola presenza da alga Microcystis aeruginosa, tóxica para as persoas e que provoca que a auga non sexa apta para o consumo doméstico.
En definitiva, que onde non había problema creouse un, e ademáis cun custo ambiental, social e económico moi elevado. E non esquezamos que a obra fíxose con fondos públicos.
Para ADEGA fica claro que parte da solución pasa por demoler estas barraxes. No entanto, temémonos que de novo sexan os cartos de todos e todas os que se usen para esta fin, mentres especuladores e políticos cómplices saen indemnes.
Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com