A Xunta persiste no erro de SOGAMA; mais a quen beneficia a incineración dos residuos? Imprimir
Envia A Xunta persiste no erro de SOGAMA; mais a quen beneficia a incineración dos residuos? a FaceBookEnvia A Xunta persiste no erro de SOGAMA; mais a quen beneficia a incineración dos residuos? a Twitter
lamas.jpg2 de marzo de 2010. Atendendo ás recentes declaracións perpetradas polo presidente de SOGAMA, Sr. Lamas, confírmanse as peores previsións: a incineración seguirá a ser o piar fundamental do novo Plano de Residuos Urbanos, e a Xunta duplicará o erro histórico que convertíu a SOGAMA nun inmenso “buraco negro” contaminante e devorador de inxentes cantidades de cartos públicos. As demagóxicas palabras do Sr. Lamas, máis propias dun "bombeiro pirómano" que dun responsábel público, evidencian alén da súa ignorancia unha irracional fuxida cara adiante na xestión dos RSUs, ignorando as directivas europeas e colidindo coa lei estatal de residuos. Tanto ten, se o que cómpre é aumentar a débeda dos concellos con SOGAMA e engordar as contas de GN-Unión Fenosa, que verá duplicado o seu negocio cunha nova incineradora no sur de Galiza.

A Directiva Europea de Residuos 2008/98, determina as seguintes prioridades para a xestion do lixo: a opción prioritaria é a prevención e a redución tanto do volume como da perigosidade dos residuos, logo a reutilización e a reciclaxe e por último a valorización enerxética e a eliminación. Neste ultimo chanzo é onde está situada SOGAMA e onde quere a Xunta do PP situar xestión dos residuos urbanos na Galiza.
Indo aos números, o fracasado modelo SOGAMA amosa uns resultados de valorización material porcentualmente similares aos dun vertedoiro e máis propios dun país subsahariano. Esta baixa eficiencia fai que a incineración só poida ser considerada como unha opción de eliminación, equiparábel ao vertido. Cando o Sr. Lamas compara a situación galega coa de Austria, cunha taxa de compostaxe superior ao 40% (e sen contar as demáis fraccións como o vidro, papel-cartón, etc.) esquece que en Galiza, SOGAMA composta un 0%. Estas demagóxicas declaracións amosan un preocupante descoñecemento e soberbia impropias dun responsábel público. Con estes números, con quen tería que comparar o Sr. Lamas a situación galega é con países como Zimbabwe, por exemplo.
Duplicar a incineración de SOGAMA equivale a asumir a inoperancia da administración para deter o continuo incremento na produción de lixo. Actualmente a planta de Cerceda está saturada e recibe unhas 900.000 Tm anuais, tendo capacidade só para 350.000 Tm. A ampliación cara o sur é como agrandar o buraco negro para seguir engulindo máis lixo: unha fuxida cara adiante para continuar mercadeando cos residuos, enriquecendo ás eléctricas e baleirando as arcas dos concellos. Como é que no se quere facer nada pola redución e por tentar deter o continuo incremento da xeración de lixo, primeira prioridade dunha política de xestión de residuos? Cada ano a produción aumenta un 4,76% e de seguirmos así, no 2017 a producción de lixo en Galiza atinxirá case os dous millons de toneladas anuais. Cantas incineradoras e cantos vertedoiros precisariamos para daquela?
comporc.jpgOs dados expostos, tirados da propia administración e que integran o Informe RECOLLIDA SELECTIVA 2008.pdf Informe  da RECOLLIDA SELECTIVA en 2008 (570 KB) de ADEGA, revelan a absoluta incapacidade do modelo SOGAMA para a reciclar os residuos a pesar das enormes cantidades de diñeiro necesarias para manter o sistema. As plantas de compostaxe (Barbanza e As Mariñas), apesar do boicot político e institucional ao que foron sometidas durante a era Fraga, acadan taxas de reciclaxe e eficiencia moi superiores, cun investimento moito máis reducido. SOGAMA é un modelo fracasado dende o seu inicio, o que continuamente confirman os datos oficiais.
A administración debería aprender dos erros pasados, facer propósito de enmenda e cumprir leis e directivas europeas que priorizan a reducción, a reutilización e a reciclaxe, e establecen unha xerarquía no tratamento de residuos que prima a compostaxe, situando no último chanzo a incineración e o vertido.
O modelo SOGAMA condúcenos cara a insustentabilidade ambiental e o desbaldimento económico. A pregunta é: quen se beneficia desta ruina económica e ecolóxica?
Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com