Adega
INICIO Áreas temáticas Litoral A Xunta e ECOEMBES tentan sabotar a planta de compostaxe do Barbanza por reciclar demasiado
A Xunta e ECOEMBES tentan sabotar a planta de compostaxe do Barbanza por reciclar demasiado PDF Imprimir Correo-e
Envia A Xunta e ECOEMBES tentan sabotar a planta de compostaxe do Barbanza por reciclar demasiado a FaceBookEnvia A Xunta e ECOEMBES tentan sabotar a planta de compostaxe do Barbanza por reciclar demasiado a Twitter
euroembes6 de outubro de 2010. ECOEMBES, o sistema de xestión do contentor amarelo, pretende pagar só unha parte dos materiais reciclados nas plantas de tratamento. ECOEMBES quere evitar o pago de todo o plástico tipo film (PEBD) que supere a media estatal de reciclaxe, utilizando trécolas contables e contradicindo a  Lei de Envases. A lei 11/1997 di que “os Sistemas Integrados de Xestión deben pagar os materiais recuperados das plantas de tratamento” en función de parámetros de calidade e non de cantidade. A planta do Barbanza recibiu en 2009 un Certificado (39 Kb) (precisamente de ECOEMBES) acreditando que é a instalación coa maior taxa de recuperación por habitante do estado. Agora ECOEMBES, coa connivencia da Xunta, pretende subvertir a filosofía do "punto verde" que premia a recuperación de envases pola de "se reciclas demasiado, non cobras".

ECOEMBES é un Sistema Integrado de Xestión sen ánimo de lucro mediante o que as empresas produtoras de envases e as envasadoras deben pagar unha determinada cantidade por cada envase que poñen no mercado, cartos que se empregan en pagar ás plantas de tratamento polos materiais reciclados. Deste xeito as instalacións que máis e mellor reciclan (como a do Barbanza) son as que máis cobran: a maior reciclado, maiores ingresos. Porén, ECOEMBES pretende subvertir este principio básico de estímulo á reciclaxe para cadrar así as súas contas, reducindo a cantidade de materiais suxeitos a pago e perxudicando á planta de Lousame en beneficio de SOGAMA, cuxas taxas de recuperación son ridículas.

E apesar de ser unha entidade sen ánimo de lucro, 11 altos directivos de ECOEMBES encabezados polo presidente de Coca-Cola España, perciben salarios desorbitantes (2,76 millóns de € segundo a Memoria Anual de 2009, páxina 80) o que supón sobresoldos de 250.000 € brutos anuais por cabeza, é dicir case 3 veces máis que Rodríguez Zapatero. Cómpre ter en conta que en 2009, ECOEMBES tivo un déficit de 60 millóns de €, o que provocou unha suba do 35% da cuota anual aos produtores de envases. No entanto, e malia á crise e o déficit, os salarios dos directivos incrementáronse nun 60% (en 2008 foron de 1,66 millóns de €). Alguén quere máis mostras da nefasta xestión de ECOEMBES?

ECOEMBES pretende tamén incluir as excusas para escatimar o pago dos materiais reciclados na negociación dun convenio marco de 5 anos coa actual Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galiza. Mediante este convenio, ECOEMBES quere oficializar estas cláusulas abusivas e ilegais para aforrarse custos e de paso, poñer en risco a viabilidade económica da Mancomunidade do Barbanza. Ante esta situación, o Director Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental Justo de Benito amosouse complacido cos termos do convenio, afirmando ademais diante do Comité de Empresa da planta de Lousame que “non pensan mover un dedo para cambiar a situación”.

Resulta lamentábel que os actuais responsábeis da Xunta de Galiza inhíbanse de actuar fronte á cobiza e as ilegalidades de ECOEMBES e permitan que se poña en risco a viabilidade da planta de compostaxe do Barbanza, a máis eficiente do estado. Sen dúbida este desleixo responde á clara intención de dificultar a supervivencia dos sistemas alternativos a SOGAMA, para achantar o camiño á incineración.

ADEGA insta á Xunta de Galiza a que non acepte as cláusulas ilegais que ECOEMBES quere incluir no convenio para afogar a aqueles sistemas que millor reciclan. A Xunta debería facer valer os principios da Lei Galega de Residuos que promoven a reciclaxe e a compostaxe e aplicar a Lei de Envases 11/1997, en troques de ser cómplice da cobiza de ECOEMBES. Neste senso, e de materializarse o convenio nestas condicións, non descartamos acudir á xustiza en defensa da legalidade. Queremos manifestar tamén o noso apoio ás accións e mobilizacións convocadas polo Comité de Empresa da planta de Lousame, para denunciar as consecuencias das políticas de ECOEMBES e da Xunta sobre o futuro da planta de compostaxe máis eficiente do estado.

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 


ADEGA