A humanización do centro de Vigo, "deshumaniza" Candeán Imprimir
Envia A humanización do centro de Vigo, "deshumaniza" Candeán a FaceBookEnvia A humanización do centro de Vigo, "deshumaniza" Candeán a Twitter
costal2.jpgVigo, novembro de 2009. A finais do pasado mes de xuño, un grupo de veciños de Candeán e ADEGA, denunciabamos ante o SEPRONA un imenso verquido no lugar do Costal, preto do parque forestal do Vixiador, feito de cascallos procedentes supostamente das obras de "humanización" que se están a executar en Vigo. O incríbel é que agora volve repetirse o mesmo. O pasado martes 17 de novembro a última hora da tarde foi detectado un camión do Concello de Vigo e un tráiler que transportaba unha pá escavadora que deixaban o lugar do Costal –o lugar dos verquidos de xuño- para voltar á súa base en Vigo. O día seguinte a parte máis baixa da pista do Costal presentaba un aspecto semellante ao que tiña logo dos verquidos do verán: enormes moreas de terra extraída do monte e un soterramento de máis de 500 m3 de entullo composto principalmente por bloques de asfalto e formigón.

costal1.jpgPor riba, unha fina capa de xabre intentaba disimular o enorme vertido de entullo das obras, malia que, dada a grande pendente e chuvias destes días, a escorrentía estaba levando monte abaixo.
Ante isto ADEGA denuncia que se están a facer de xeito reiterado soterramentos ilegais moi graves e daniños para o medio ambiente, e polo que semella sen autorización ningunha (quen podería dar un permiso así?).
Porén, semella evidente que alguén ten que ser o responsábel disto, e a Xunta Rectora da Comunidade de Montes e o Concello de Vigo deben dar explicacións do que insistentemente está a ocorrer. Sulbiñamos que isto incumpre con calquera normativa medioambiental, dos montes veciñais e da Lei de Ordenamento Urbanístico e Protección do Medio Rural de Galiza, onde non están permitidos nin sequera pequenos movementos de terra.
O que non é de recibo é ocultar verquidos contaminantes e perigosos para o medio e as persoas, e menos que iso se faga a costa do monte e coa pretensión de “humanizar e poñer bonita a cidade”.
Débese insistir en que non nos atopamos diante dun verquido puntual e pequeno –o cal tamén tería a súa gravidade-, senón ante unhas operacións sistemáticas que están a danar o monte durante moitos anos, tanto na zona onde se efectúan como para as augas que logo baixo terra ou pola superficie percorren toda a parroquia. Estímase que pode ser un verquido de 2.100 toneladas de entullo, o equivalente a preto de 100 camións.
Esta situación inaceptábel debe deterse, e os responsábeis deben devolver o monte á súa situación natural. O que sobra en Vigo non pode agocharse ás caladas no monte.
Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com