Adega
INICIO Delegacións Pontevedra ADEGA participou nas xornadas de impulso ao Tren do Pobo
ADEGA participou nas xornadas de impulso ao Tren do Pobo PDF Imprimir Correo-e
Envia ADEGA participou nas xornadas de impulso ao Tren do Pobo a FaceBookEnvia ADEGA participou nas xornadas de impulso ao Tren do Pobo a Twitter
tren_redondela2Redondela, 8 de novembro de 2010. ADEGA participou nas XI Xornadas Estatais en Defensa do Ferrocarril Público e Social, celebradas esta edición na vila de Redondela entre o 5 e 7 de novembro, xunto con outros colectivos integrados na Plataforma Salva O Tren e a Plataforma Estatal pola Defensa do Ferrocarril. No decurso destas xornadas ficou patente a preocupación existente en todo o estado polo desmantelamento sistemático das liñas de ferrocarril tradicionais en beneficio do AVE. Trátase dun medio de transporte que, se ben emite menos gases de efecto invernadoiro, resulta un medio caro e esixe infraestruturas de grande impacto ambiental, polo que o aforro en polución non é tan claro. O AVE non debe ser incompatíbel co tren clásico, o cal presta servizo a inúmeros núcleos de poboación de Galiza. Podes baixar o relatorio de ADEGA nestas xornadas premendo nesta Ligazón.

As entidades participantes, entre elas ADEGA, manifestaron a preocupación pola inexistencia dunha planificación integral das infraestruturas de transporte, que evite que unhas solapen ou destrúan a outras. Isto tamén implicaría que os organismos públicos de Sanidade ou de Educación medisen os rendementos que o transporte como servizo público e social xera nestes eidos, fronte a outro modelo de mobilidade. Neste senso, o TREN debe ser considerado un servizo público de alto rendemento, pois consegue transportar persoas e mercadorías sen custe de vidas e cun mínimo de afección ambiental. Os argumentos esgrimidos polas Administracións sobre a pouca rendibilidade do tren foron claramente contestados nestas xornadas. Nelas quedou patente que o beneficio social supera en moito aos custes de execución e desenvolvemento das infraestruturas ferroviarias.

XI_Xornadas._DespedidaDesde unha óptica máis próxima ao noso territorio, denunciouse o abandono que o tren de curta distancia esta a sufrir en Galiza por parte dos gobernos autonómico e estatal, sobre todo, se comparamos o noso caso co desenvolvemento de trens de proximidade noutros lugares do Estado que conectan vilas con menos poboación que a que ten o Eixo Atlántico. O tren entre A Coruña e Vigo ten movido máis de 2 millóns de pasaxeiros ao ano, e a pesares diso estanse eliminando liñas e os horarios de saída e chegada son pouco convenientes. E as previsións para o futuro seguen a ser desalentadoras. É probábel a desaparición das estacións de tren entre Lugo e Monforte e entre Ourense e Vigo, por mor do cambio de ancho de vía que se ha de establecer para o paso do tren de altas prestacións, pois estas estacións non aparecen na planificación ferroviaria estatal.

Nestas xornadas tamén se fixo unha chamada de atención sobre a deficiente rede de transporte entre os principais portos galegos e as liñas férreas, en comparación con outras zonas do Estado que si “ espabilaron”. Véxase o exemplo Xixón, que xa botou a andar a autoestrada do mar con Nantes (estación Saint Nazaire) e que Vigo perdeu, teméndose que se perda tamén a conexión con Le Havre, prevista para funcionar no mes de decembro. A falta dun tren de enlace cos portos galegos, nomeadamente co de Vigo, fará perder oportunidades de desenvolvemento, como xa ten acontecido. Mentres, o transporte por estrada segue a estar claramente favorecido, tanto polo goberno da Xunta como polo estatal, coa promoción de máis autoestradas.

E en canto ao transporte aéreo, tamén houbo pronunciamentos para denunciar que en Galiza se están a gastar cartos innecesariamente, por exemplo coa ampliación do aeroporto de Alvedro, o que incrementará de xeito galopante as nosa emisións contaminantes e non solucionará os problemas de mobilidade dos galegos e galegas. Ademais os 22.000 millóns de € que se van gastar nesta ampliación supón unha cifra desorbitada se a comparamos co custe público (que algún dos asistentes calculou en 17 millóns de €) que suporía a adaptación das actuais liñas de ferro, por outras máis modernas e sostíbeis.

As Xornadas concluíron que o ferrocarril é o medio máis seguro, eficiente e ecolóxico de transporte, e a única alternativa posíbel para soster de xeito racional a nosa mobilidade.

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 

Redes sociais

adegafacebook

twittergal



ADEGA