Adega
INICIO Delegacións Pontevedra Ampliación da Rede Natura: primeiro, canteiras e minas e despois xa veremos
Ampliación da Rede Natura: primeiro, canteiras e minas e despois xa veremos PDF Imprimir Correo-e
Envia Ampliación da Rede Natura: primeiro, canteiras e minas e despois xa veremos a FaceBookEnvia Ampliación da Rede Natura: primeiro, canteiras e minas e despois xa veremos a Twitter
cloep.jpg25 de febreiro de 2010. Nas últimas semanas estamos asistindo a unha auténtica enxurrada de peticións para autorizar canteiras e explotacións mineiras en espazos de interese natural que, malia a estar fóra das zonas protexidas, afectan ás áreas de ampliación da Rede Natura 2000 propostas pola Xunta en 2008. A anterior administración, recollendo as demandas do ecoloxismo galego, presentou unha proposta que anque eivada, pretendía situar a Galiza (18%) máis perto da media do estado en superficie protexida (22%), abandonando o "furgón de cola" dos territorios con menos Rede Natura (actualmente o 12%). No Ano Internacional da Biodiversidade, as posibilidades de acadar unha Rede Natura digna para Galiza, que esté á altura da nosa riqueza natural, esváense poco a pouco con estes proxectos. O último, a canteira "Cloe" no Alto Tea, ao SW da Serra do Suido.

paisaxecloe.jpgCasos como este da canteira "Cloe" en Fornelos de Montes, Costa Grande II (Muros e Carnota), outras no Irixo, Rodeiro ou o recente proxecto de explotación de wolframio en Avión, afectan a espazos de interese natural incomprensibelmente esquecidos pola Xunta cando propuxo a Rede Natura máis cativa de todo o estado español en porcentaxe (agás Melilla). Este desleixo por situar a Galiza á altura do que merece o noso patrimonio natural, un dos máis diversos de Europa, fai parella coa preguiza da administración á hora de aprobar os instrumentos de xestión que deben harmonizar de xeito sustentábel os usos e aproveitamentos nestes espazos e garantir a conservación dos seus valores naturais.
Estes Planos Reitores de Uso e Xestión (PRUX), que debería redactar a Xunta nun prazo de dous anos após da declaración de espazo protexido, son vencellantes para todas as administracións con competencias (hidráulicas, de costas, enerxéticas, etc.). A día de hoxe, ningún espazo da Rede Natura conta con PRUX e mesmo no Parque Nacional das Illas Atlánticas (2002), ou os parques naturais das Fragas do Eume (1997) e Corrubedo (1992) están logo de moitos anos aínda en redacción.
Deste xeito, proxectos acuícolas, eólicos, mineiros ou hidráulicos, ao non estar expresamente excluidos nos preceitivos PRUX (porque non existen) poden implantarse en espazos protexidos cunha simples declaración de impacto favorábel, moitas delas de dubidoso rigor e con escandalosas omisións. Tal aconteceu cos aproveitamentos hidroeléctricos do Sil (Santo Estevo II), coa liña de alta tensión Trives-Aparecida, coas canteiras e parques eólicos do Xistral ou coas piscifatorías de Cabo Vilán, Rinlo, e Touriñán.
E nos espazos que deberían integrarse na Rede Natura, segundo a proposta que a Xunta presentou en 2008, proxectos como canteiras e minas van reducindo as posibilidades de contarmos cunha Rede Natura coerente, á altura da nosa riqueza natural.
ADEGA demanda da Xunta de Galiza que aprobe xa a proposta de ampliación da Rede Natura redactada en 2008 e declare unha moratoria para as actividades extractivas, parques eólicos, piscifatorías e demáis aproveitamentos industriais e infraestruturas mentres non se aproban os preceitivos instrumentos de xestión e o Plano Director destes espazos.
O contrario suporía unha escandalosa complicidade da administración coa política dos feitos consumados e un intolerábel agravio comparativo para a cidadanía en xeral e os habitantes dos espazos protexidos que ven como se limitan os seus usos, mentres piscifatorías, canteiras, eléctricas e eólicas teñen patente de corso para tomar por asalto a Rede Natura.
Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 

Redes sociais

adegafacebook

twittergal



ADEGA