Lumes no Macizo Central, O Xurés e nos Canóns do Sil: unha catástrofe para a nosa biodiversidade Imprimir
Envia Lumes no Macizo Central, O Xurés e nos Canóns do Sil: unha catástrofe para a nosa biodiversidade a FaceBookEnvia Lumes no Macizo Central, O Xurés e nos Canóns do Sil: unha catástrofe para a nosa biodiversidade a Twitter
Turismo_de_lumes3 de setembro de 2010. A vaga de lumes de agosto afectou principalmente a espazos naturais do interior do país de alto valor ecolóxico. Se en 2006 os incendios afectaron maiormente a áreas periurbanas e costeiras, cunha incidencia relativamente baixa e dispersa sobre os espazos protexidos (un 2% do total queimado), neste 2010 máis do 30% do terreo arrasado corresponde a tres espazos protexidos (Macizo Central, Xurés e Canóns do Sil) e áreas veciñas de alto valor natural. Tendo en conta a cativa representación territorial que a Rede Natura ten en Galiza (menos dun 12%), a incidencia dos lumes deste ano constitúe unha verdadeira catástrofe ecolóxica.

LumecanonDada a ridícula porcentaxe de Rede Natura galega en comparación con outras comunidades, dende ADEGA preguntámonos como non se “aproveitou” esta circunstancia para xestionala millor. Por non ter, os espazos protexidos non teñen nin os instrumentos de xestión preceitivos por lei. Outro tanto ocorre coas especies ameazadas, cuxos Planos de Conservación son inexistentes ou paralisounos a actual Xunta por falta de investimento. Entre os incendios e a incompetencia, a biodiversidade galega fica en estado crítico.
Especial mención merece o Macizo Central, un macizo granítico tan impresionante e cuns valores naturais tan inmensos como o seu abandono por parte da administración. De posíbel parque natural en 2006 pasou agora, despois de levar todo o verán ardendo (máis de 2500 hectáreas queimadas por lumes en Laza, A Senra, Manzaneda, Chandrexa de Queixa, Viana do Bolo…) a engordar a lista dos espazos naturais na UVI, necesitados de actuacións e investimentos urxentes para continuar sendo viábeis. E outro tanto acontece co Parque Natural do Xurés e cos Canóns do Sil.
Á falla de atención ao medio rural de montaña, á ausenza dunha politica forestal coerente, de investimentos e de propostas para uns espazos interiores cunhas potencialidades enormes, hai que engadir agora a ignorancia, a incompetencia e a incapacidade dos seus xestores. Como é posíbel que despois de tentar agochar a verdadeira afectación aos espazos protexidos (as mentiras sobre os lumes do Xurés foron continuas); de facer o ridículo anunciando que “os incendios son maioritariamente provocados”; e de deixar ir un lume (Laza) que en día e medio pasou de 15 ha (conato, segundo a Xunta) a 900 ha (incendio de grao 2); agora o Sr. Feijóo celebra que case todo o queimado foi “monte raso”? Alguén debería dicirlle ao sr. dos mocasíns e da mangueira que precisamente moito do valor ecolóxico do queimado, particularmente no Macizo Central e Xurés, corresponde aos hábitats de monte baixo e uceiras, sinalados pola UE como de protección prioritaria e chave para a conservación de especies emblemáticas como a aguia real e o lobo.
Á vista da incapacidade da administración para atender á dimensión da catástrofe, ADEGA demándalle que estableza prioridades á hora de loitar contra o lume: despois das zonas habitadas, os espazos protexidos ou con valores naturais de interese deben centrar os esforzos de contención. E non hai que agardar a que remate a tempada de lumes: hai que tomar xa medidas urxentes de restauración e loita contra a erosión nas zonas queimadas, particularmente na Rede Natura. A perda de solo e os arrastres de cinsas e sedimentos podería significar unha segunda catástrofe ecolóxica para estes espazos e facer moito máis difícil a súa recuperación. No caso do Macizo Central, consideramos prioritarias as actuacións sobre a bacía do río Navea, un dos espazos virxes con maior valor ecolóxico do macizo. Haberá que comprometer os medios e orzamentos necesarios nun plano de recuperación hidrolóxico-forestal que comece por protexer da erosión as zonas queimadas, acondicionando faixas de protección contra a escorrentía e evitando no posíbel o uso maquinaria pesada en espazos sensíbeis. Outras medidas complementarias deberían ser a prohibición temporal da caza non só nas zonas queimadas senón tamén no seu perímetro xa que a fauna tende a refuxiarse nestas áreas. E a colaboración coas comunidades de montes para levar adiante estas propostas resulta fundamental.
Finalmente, habería que acometer reformas estruturais de maior calado na sociedade e no territorio, para conquerir, por exemplo, estreitar o cerco social e xudicial contra os pirómanos, aplicando a lei con todo rigor; elaborar un novo plano forestal que abandone as pirófitas, rexeitar o uso masivo de herbicidas como instrumento de desbroce… e tantas outras medidas para fomentar o desenvolvemento sustentábel do medio rural, do que algúns só se acordan cando arde e perigan os votos.
Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com