ADEGA-Lugo advirte de que a ordenanza municipal de circulación restrinxe o uso da bicicleta Imprimir
Envia ADEGA-Lugo advirte de que a ordenanza municipal de circulación restrinxe o uso da bicicleta a FaceBookEnvia ADEGA-Lugo advirte de que a ordenanza municipal de circulación restrinxe o uso da bicicleta a Twitter

masa críticaLugo, 22 de xaneiro de 2013. ADEGA-Lugo vén de presentar alegacións á Ordenanza Municipal de Circulación de Lugo, dentro do prazo marcado pola administración local para esta fin. Pese a que un dos obxectivos fundamentais desta ordenanza debe ser o de regular a circulación de ciclos e bicicletas na zona urbana, cremos que supón aínda máis restricións para o uso destes vehículos ecolóxicos na cidade. Así pois, advírtese neste documento a falla de máis zonas habilitadas para o uso da bicicleta e pouca vontade de permitir que peóns e bicicletas compartan un mesmo espazo, cando é algo lóxico e normal en cidades civilizadas e avanzadas.

cura biciPor outra banda, incorre en regulacións ilóxicas e non propias do século XXI como a de dispoñer por que beirarrúas e en que sentido deben desprazarse os cidadáns no ámbito urbano. Incluso, de aplicarse esta ordenanza tal e como está redactada, estaríamos poñendo en risco a integridade física dos menores usuarios de ciclos e bicicletas, xa que non permite que os menores usen as beirarrúas nin as zonas peonís, senón que os obriga a circular pola calzada co resto do tráfico rodado sexa cal sexa a súa idade.

Unha terceira eiva detectada é que non resolve os problemas derivados das deficiencias infraestruturais para poder exercer comodamente o uso habitual de ciclos e bicicletas, como a falla de carrís-bici ou amarres para estacionamento destes vehículos. Ao mesmo tempo, por exemplo, impide que as bicicletas se estacionen en calquera outro elemento da vía non destinado a tal fin, polo que o usuario ou usuaria de bici en Lugo atoparíase sen alternativa.

Nesta ordenanza ademais, só se contemplan dous modelos de mobilidade, condutora ou peonil, sen ter en conta ningunha opción intermedia nin outro modelo de transporte e mobilidade a fomentar e a desenvolver na cidade. Dende ADEGA pensamos que se pode promover un modelo de transporte máis racional e ecolóxico, propio dunha cidade moderna e europea, onde a convivencia de peóns e bicicletas sexa normal, factible e lóxica, fronte ao modelo actual da predominancia do automóbil. Neste regulamento deberíase procurar, por tanto, xa desde un primeiro momento a necesidade de cambio de modelo de transporte e mobilidade.

Neste sentido, ADEGA propón varias modificacións a realizar nesta ordenanza municipal, entre outras, que: se permita o amarre de bicicletas a elementos artificiais da cidade sempre que non supoña o seu deterioro ou molesten a libre circulación de peóns; que os ciclos e bicicletas poidan circular en áreas peonís a velocidades inferiores a 15km/hora, gardando unha distancia prudencial cos peóns e sen realizar cambios bruscos de dirección; que aqueles espazos que se determinen de uso non permitido para bicicletas estean sinalados convenientemente; e que, en xeral, se aposte de xeito preferente pola convivencia amable, viable e segura de peóns coas bicicletas, sen restrinxir innecesariamente o uso destas últimas.

Alén destas propostas, desde ADEGA-Lugo pensamos que, se ben Lugo non dispón de vías específicas para os usuarios de bicicleta, desde o Concello debérase promover cando menos a creación de carrís-bici nas vías e avenidas de Lugo nas que estruturalmente sexa posible.

mono-biciPor outra banda, solicitamos que se contemple nesta ordenanza a limitación da velocidade do tráfico rodado a motor a 30 km/h naquelas zonas da cidade de maior risco para o tránsito de peóns e bicicletas. En definitiva, ADEGA solicita ao Concello que estableza unha Ordenanza Municipal de Circulación máis acorde cos tempos actuais, máis ecolóxica e que teña en conta a aquelas persoas que optan por un xeito de vida e de mobilidade máis xusta e saudable para o conxunto dos cidadáns de Lugo.

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com