Adega
INICIO Delegacións Lugo Un estudo científico evidencia que o novo PXOM de Lugo favorece as inundacións no río Rato
Un estudo científico evidencia que o novo PXOM de Lugo favorece as inundacións no río Rato PDF Imprimir Correo-e
Envia Un estudo científico evidencia que o novo PXOM de Lugo favorece as inundacións no río Rato a FaceBookEnvia Un estudo científico evidencia que o novo PXOM de Lugo favorece as inundacións no río Rato a Twitter
RP estudo RatoLugo, 5 decembro de 2012. Ante a deficiente ordenación urbanística do río Rato no novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), ADEGA, AEMS-Ríos con Vida e a Asociación Galega de Custodia do Territorio dispuxemos a elaboración dun estudo hidrolóxico e hidráulico encamiñado a identificar de forma detallada a rede fluvial do Rato no seu treito medio-alto (ignorada polo novo PXOM) e a determinar as súas zonas inundables, aos efectos de provocar a necesaria revisión da ordenación proposta nesta zona da cidade de Lugo, tomando en consideración a súa problemática hidrolóxica específica e as súas potencialidades (corredor ecolóxico susceptible de se incorporar á rede de espazos libres públicos da cidade).
 
O “Estudo hidrolóxico e hidráulico para a delimitación de zonas inundables no treito medio–alto do río Rato” estivo dirixido polo Doutor e enxeñeiro hidrólogo Manuel A. Álvarez Enjo, membro do Grupo de Enxeñaría da Auga e do Medio ambiente da Universidade da Coruña, e desenvolveuse nos últimos 2 anos na parte da bacía do Rato que abrangue entre a súa cabeceira, nas proximidades do polígono de O Ceao, e a nova Ponte de Paradai, área que xa se atopa urbanizada nun 60% da súa superficie.

Este traballo técnico-científico evidencia os efectos lesivos que se derivarían das propostas do PXOM, as cales son contraditorias coa protección da rede fluvial estudada e do dominio público hidráulico, e cuxa execución aumentaría os riscos para a seguridade das persoas e dos bens ante posibles fenómenos de inundacións. Estas propostas, entre as que se prevé a construción de varios edificios dotacionais, novas rúas e áreas urbanizables sobre o leito fluvial e zonas inundables do río Rato, implican ademais un claro incumprimento da Lei de ordenación urbanística de Galicia, da lexislación de augas e das Directrices de Ordenación territorial da Xunta.

rato inundacionO estudo chama especialmente a atención sobre as deficiencias de sección dos condutos polos que circula o río baixo da vía do tren na Garaballa de Arriba-, que fan que o terraplén que sostén a vía funcione ante determinados caudais importantes como dique de contención, producindo o encoramento das augas ao norte da liña ferroviaria, agravando os riscos de danos por inundación nesta parte do tramo estudado, e condicionando o funcionamento hidráulico do río Rato e as súas zonas inundables na parte situada augas abaixo da infraestrutura.
As deficiencias da ordenación urbanística proposta polo PXOM nesta parte da cidade, agora refrendadas cientificamente polo estudo hidrolóxico e hidráulico promovido por ADEGA, Ríos con Vida e a Asociación Galega de Custodia do Territorio, xa foran denunciadas en reiteradas ocasións polos veciños e polas entidades mencionadas, así como advertidas pola Xunta en varias resolucións sobre a aprobación definitiva do PXOM. Sen embargo, co acordo plenario do pasado luns sobre os aspectos do PXOM pendentes de corrección, o Goberno municipal, co apoio do Partido Popular, desatendeu novamente estas advertencias e insiste no erro de non recoñecer a existencia do río e dos efectos que do mesmo se poden derivar.

Ante a gravidade desta decisión e á vista dos resultados do mencionado estudo de inundabilidade, solicitamos unha vez máis ao Concello de Lugo que reconsidere a ordenación da bacía media-alta do río Rato, antepondo a seguridade das persoas e a mellora e aproveitamento colectivo dos recursos ambientais a un enfoque de crecemento urbanístico que caracteriza as actuais propostas do PXOM, tan desfasadas no contexto histórico de crise económica e inmobiliaria en que se toma dita decisión.
Ao mesmo tempo, reclamamos ao concello que exerza as súas obrigas relativas á protección da legalidade fronte ás numerosas actuacións clandestinas que están a agredir ao río Rato (recheos, rectificacións do leito,…) e co mantemento e reparación da deficiente rede de sumidoiros que está a roubar a auga do río en varios puntos do seu percorrido.

 

 

 

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 
galizamaxica

Redes sociais

adegafacebook

twittergal



ADEGA