ADEGA presenta o programa de actividades de "Cultura e Territorio 2012" Imprimir
Envia ADEGA presenta o programa de actividades de "Cultura e Territorio 2012" a FaceBookEnvia ADEGA presenta o programa de actividades de "Cultura e Territorio 2012" a Twitter

foto presentacion Lugo, 27 de xuño de 2012. Nos vindeiros meses ADEGA, grazas á colaboración da Área de Cultura e Turismo da Deputación Provincial de Lugo, desenvolverá varias actividades dentro da segunda edición do proxecto “Cultura e Territorio”, que se enmarca na campaña “Ponte no medio. Móvete polo territorio”. Esta campaña pretende dar resposta a estas accións contra o noso patrimonio cultural e ambiental e está baseada na información contrastada e na procura de solucións e propostas realmente sostibles e equilibradas de respecto cara o entorno.

Nesta segunda edición do proxecto “Cultura e Territorio” realizaranse varias actividades tales como charlas – obradoiro sobre territorio nos centros educativos de ensino medio; concursos de relato (“O lugar onde vivo”), de fotografía (“Fotografías polo territorio”) e un de curtametraxes (“E ti, que é o que ves?”), que se estrea este ano, e diversas xornadas que poñan en relación a cultura co medio natural no que vivimos.

A primeira destas xornadas terá lugar este venres, día 29 de xuño, no Salón de Actos da Deputación de Lugo ás 20 horas, baixo o título “A Cultura do monte”. A esta palestra están convidados Felipe Senén, arqueólogo e museólogo, que falará de “Etnografía e arqueoloxía dos nosos montes”; X.M. González Reboredo, etnógrafo do Museo do Pobo Galego, que versará sobre a “Cultura rural galega tradicional”; Xosé Carlos Morgade, historiador e membro da ORGACCMM, que abordará o tema “O monte veciñal. A historia dunha supervivencia”. Este acto completarase cunha exposición de produtos do monte, na que participan AGA, Caurelor, Delicias do Souto, Milhulloa, Ivo, Fungocerga, e Hifas de Terra, empresas que se dedican ao cultivo ecolóxico.

Posteriormente, o martes, día 3 de xullo darase comezo ao percorrido itinerante da exposición de humor gráfico “Rir por non chorar” na Praza de San Marcos de Lugo. Alí instalarase unha carpa coa mostra dos traballos realizados por destacados humoristas gráficos profesionais do noso país que intentarán dar unha visión cómica e retranqueira sobre as diferentes problemáticas ambientais (lumes forestais, transxénicos, contaminación atmosférica, vertidos, etc.).

Despois do verán, ADEGA organizará un festival de humor que levará o mesmo nome que a exposición “Rir, por non chorar” no que participarán recoñecidos humoristas galegos que tamén tratarán de mostrar o aspecto máis irónico das agresións sufridas no noso territorio.

As charlas sobre “Cultura e Territorio” desenvolveranse nos centros de ensino secundario da provincia de Lugo entre os meses de setembro e decembro deste ano 2012. Por outra banda, o prazo para a presentación de relatos, fotografías e curtas sobre o territorio rematará o 1 de outubro, inclusive.

Para máis información: Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo , ou 982240299.

 

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com