Plantacións de eucaliptos sobre flora endémica e en perigo de extinción Imprimir
Envia Plantacións de eucaliptos sobre flora endémica e en perigo de extinción a FaceBookEnvia Plantacións de eucaliptos sobre flora endémica e en perigo de extinción a Twitter

roturacion00221 de xuño de 2012. O noso patrimonio natural máis valioso esmorece pola inoperancia e o desleixo da Xunta. A penúltima aldraxe, no concello de Palas de Rei, acumula ademais varias ilegalidades: unha plantación de eucaliptos sobre chan agrario queimado hai menos de 2 meses (incumprindo a Lei 3/2007 de prevención e defensa contra os incendios) e nunha área na que están presentes endemismos botánicos como a Armeria merinoi, a Santolina melidensis ou o Iris boissieri, os tres catalogados como "en perigo de extinción" (incumprimento da Lei  9/2001 de conservación da natureza). Por riba, a zona figura na proposta da Xunta para ser incluida na Rede Natura 2000, ampliando o LIC do Careón. Cando esta ampliación chegue, os eucaliptos terán derramado os valores naturais desta área e a Xunta, unha vez máis, será cómplice da política de feitos consumados e terra queimada.

EucaliptoscareonA importancia da conservación destes taxóns radica na súa rareza e fraxilidade: a Santolina melidensis e a Armeria merinoi son endemismos galegos propios de solos esqueléticos sobre substratos serpentiníticos cuxa distribución mundial abrangue unhas poucas teselas no límite entre as provincias de Coruña, Lugo e Pontevedra. Pola súa banda o Iris boissieri, ou lirio do Xurés, é unha planta moi escasa e en regresión, presente en moi poucas localizacións en Galiza. De feito, esta importante poboación foi descoberta hai menos de 5 anos. As tres especies están incluidas no CGEA (Catálogo Galego de Especies Ameazadas) e catalogadas como "en perigo de extinción". A principal ameaza para a súa supervivencia é a transformación do seu hábitat: cambio dos usos, parques eólicos, vías de comunicación (futura autovía Lugo-Santiago)..., xusto o que vai acontecer con esta plantación de eucaliptos.

ADEGA quere chamar a atención sobre os danos irreversíbeis que estas actuacións poden ter sobre un patrimonio único e moi ameazado. As administracións, en troques de ser garantes da conservación deste patrimonio, miran para outro lado cando non promoven e subvencionan estas desfeitas. Mais ignorar os seus deberes legais non significa que non teñan que facer fronte ás súas responsabilidades: ADEGA poñerá en coñecemento da Fiscalía de Medio Ambiente do TSXG estes feitos, por seren na nosa opinión, constitutivos de dous delictos contra o patrimonio natural e a biodiversidade e por incumprimento da Lei 3/2007 de prevención e defensa contra os incendios forestais: permitir a forestación dunha zona queimada hai menos de 2 meses e con vocación de uso agrario.

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com