A autoestrada Barreiros-San Cibrao destruirá un castro inventariado en Cervo se a Xunta non actúa Imprimir
Envia A autoestrada Barreiros-San Cibrao  destruirá un castro inventariado en Cervo se a Xunta non actúa a FaceBookEnvia A autoestrada Barreiros-San Cibrao  destruirá un castro inventariado en Cervo se a Xunta non actúa a Twitter
Senra - A CovaA Mariña, 9 maio de 2013. ADEGA e MariñaPatrimonio demandan á Xunta de Galicia que non autorice o paso da autoestrada A-82 por riba do xacemento, posiblemente castrexo, denominado Cova da Senra e situado en Cervo. O xacemento está inventariado desde novembro do ano pasado; aínda así, segue correndo o risco de desaparecer, xa que a Xunta non determinou ningún cambio no trazado da infraestrutura prevista que preserve este monumento arqueolóxico.
Aquí podes ver o xacemento en  IMAXES.

Senra - A Cova 17En decembro de 2011, tras a publicación no BOE do trazado definitivo da autoestrada Barreiros- San Cibrao (A-82), os veciños da Senra (Cervo) decátanse de que o trazado elixido, á parte de destruír os mananciais de onde aproveitan a auga para o uso doméstico, tamén podía afectar a un xacemento arqueolóxico non inventariado que a empresa encargada de elaborar o proxecto da autovía non detectou, malia a monumentalidade do xacemento.

ADEGA e Mariñapatrimonio comunícanlle á Xunta de Galicia a existencia deste ben patrimonial en perigo e solicítanlle a súa inclusión no Inventario de Xacementos Arqueolóxicos para así asegurar a súa protección e evitar o paso da autovía por este lugar.

En marzo de 2012 membros de Mariñapatrimonio e de ADEGA acompañan aos técnicos de Patrimonio para ver o posible xacemento e días despois a Xunta confirma que “este punto se vería afectado pola obra”.

Finalmente, no mes de novembro de 2012, a Dirección Xeral de Patrimonio informa ás citadas asociacións sobre a inclusión deste xacemento no Inventario coa clave GA27013014.

O mesmo que tiña acontecido co castro do Carreiro de Foz, a Xunta limítase a dicir que a Cova da Senra é un xacemento arqueolóxico, pero non precisa a tipoloxía nin o período cultural ao que pertence.

A Cova da Senra é un xacemento arqueolóxico que, como se pode observar nas fotos aéreas do 1956 e nas imaxes LIDAR que borran a vexetación, ten forma case circular; o eixo maior mide 135m e o menor 120m; está rodeado por un impresionante sistema defensivo que illa o xacemento do entorno onde está situado. Pola parte máis vulnerable, o sistema defensivo conta con catro foxos e catro parapetos e no interior do recinto poden apreciarse os restos dunha edificación circular.

Neste xacemento tamén se atopou un muíño barquiforme, como os que se adoitan encontrar nos castros.

As características que se acaban de enumerar e os restos atopados, evidencian que o xacemento da Cova é un castro.

Este castro,porén, ten unha característica que o diferenza da maioría: os seus construtores, no canto de elixir un lugar máis ou menos chao para a súa ubicación, situárono nun dos lugares máis costentos da Senra. Con todo, non é un caso único; coñécense outros con esta peculiaridade. Esta estraña localización fai especialmente interesante á Cova da Senra.

ADEGA e Mariñapatrimonio agardan que a Xunta de Galicia non autorice o actual trazado da autovía e se procure un trazado alternativo que non afecte nin destrúa o castro da Cova da Senra.

 

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com