Manifestación pola Defensa da Ría do Burgo Imprimir
Envia Manifestación pola Defensa da Ría do Burgo a FaceBookEnvia Manifestación pola Defensa da Ría do Burgo a Twitter
a_corua_porto.jpgA Coruña, 18 de setembro de 2008. Logo da celebrada o pasado mes de xuño polas rúas da Coruña, a Plataforma en Defensa da Ría do Burgo (na que participa ADEGA da Coruña) convoca nova manifestación para este vindeiro sábado 20 de setembro ás 7:30 do serán. Desta volta, trasládase o cenario da marcha ao propio entorno da ría: transcorrerá entre a Casa das Palmeiras, no Temple (a carón do cruce do Paraugas), e a Praza de Europa do Burgo, do outro lado da ponte sobre a ría. Acode en defensa da túa ría!

A Plataforma en Defensa da Ría do Burgo entende necesario seguir presionando na rúa ás diferentes administracións públicas para que asuman de vez a súa inapelábel responsabilidade, logo do inxusto desleixo de anos e anos de miraren para outro lado todas e cada unha delas (Xunta, goberno central, concellos...) mentres a ría esmorece, ambiental e economicamente, cada vez máis.
A Plataforma exíxelle ás institucións con competencias sobre a ría compromisos concretos e verificábeis para a súa necesaria rexeneración.
Desde ADEGA da Coruña compartimos o chamamento da plataforma á mobilización de toda a veciñanza da comarca o vindeiro sábado e as xustas demandas dos sectores económicos que precisan con urxencia unha ría limpa para poderen vivir da súa riqueza.
Entendemos, aliás, que a ría, como calquera outro entorno natural, é un patrimonio de todas e todos os habitantes da comarca, tanto dos que viven directamente nas súas marxes (e aturan diariamente, xa que logo, os seus preocupantes índices de contaminación e abandono) como dos demais, pois directa ou indirectamente todos nos beneficiamos dela.
Pola contra, a ninguén beneficia a medio-longo prazo unha ría morta ou en aberto proceso de destrución.
No entanto a ría do Burgo non estiver saneada, desde a nosa asociación seguiremos denunciando todas e cada unha das agresións ambientais que padecer, apoiando todas as iniciativas sociais que se levaren adiante na súa defensa, divulgando entre a poboación os seus valores ambientais e económicos e aconsellando sobre as actuacións máis correctas. Todo para podermos ter unha Ría do Burgo viva e con futuro.
Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com