Adega
INICIO Actividades
Calendario de eventos Email help
Flat View
Ver ano
Vista Mensual
Ver mes
Weekly View
Ver semana
Daily View
Ver hoxe
Categories
Ver categorías
Search
Buscar
Roteiro da auga e da palabra pola Terra Chá
Domingo, 23. Xaneiro 2011, 09:00

ruta_augaEste domingo 23 de xaneiro, ADEGA Lugo lévanos a unha das terras máis prolíficas de Galiza en poetas e escritores, homes e mulleres de palabra: A Chaira. O roteiro, inserido dentro do programa de rutas pola lingua de ADEGA deste curso 2010-2011, contará coa presenza e colaboración de Marica Campo, quen nos guiará pola ruta da auga de Guitiriz. Podes descargar o mapa do roteiro nesta LIGAZÓN.

Dedicamos este roteiro aos moitos escritores que por nacemento e/ou sentimento teñen a Terra Chá presente na súa obra: Manuel María, Darío Xoán Cabana, Aquilino Iglesias, Xosé Mª Díaz Castro, Marica Campo... A resposta á pregunta de por que a Terra Chá deu tantos  poetas está ben clara nos versos de Manuel María: “ Ollada a Terra Chá desde as alturas/ é semellante a un mar en calma./ Para medila só valen dúas mesuras: /¡ferrados de corazón, fanegas de alma!. Son, pois, os poetas chairegos agrimensores que, diante da inmensidade, caen na tentación de medila.

Eliximos para este roteiro pola Chaira a ruta da auga, que é un suave paseo pola natureza, historia, literatura e etnografía do concello de Guitiriz. Seguindo os pasos do poeta Xosé María Díaz Castro á beira dos ríos Parga e Ladroil, a ruta percorre o camiño que vai dende un singular lugar: a ponte de Santo Alberte, onde conflúen unha ponte romana, unha capela gótica e un destacado cruceiro, ata a Carballeira de Pardiñas. O sendeiro enlaza o Camiño  Xacobeo do Norte coas tres fontes de augas curativas máis emblemáticas de Guitiriz: a fonte de Valdovín en Parga, a de San Xoán de Lagostelle, no impoñente balneario de Guitiriz, e a de Santo Domingo en Pardiñas.

Percorrendo esta ruta pasaremos o día inmersos nunha fermosa paisaxe outonal de ribeira, salpicada de interesantes elementos etnográficos:  muíños, fontes, pontes,  capelas, cruceiros, etc.
O roteiro ten un trazado sen desniveis e unha lonxitude de 20 km (pode acurtarse a 15 km) polo que pode considerarse de dificultade media.

Lugar de saída: Diante da Escola de Maxisterio de Lugo ás 9 h. Prégase puntualidade.
Imprescindible anotarse chamando ao 679113718 ou ao 982240299.

Volver

Redes sociais

adegafacebook

twittergal



ADEGA