Manifesto contra as centrais hidroeléctricas Imprimir
Envia Manifesto contra as centrais hidroeléctricas a FaceBookEnvia Manifesto contra as centrais hidroeléctricas a Twitter
Os que asinan este documento, investigadores en distintas áreas relacionadas co Medio en Galicia, perante os numerosos proxectos de apertura de minicentrais hidroeléctricas que cursaron a súa solicitude ante a Administración nos 3 últimos anos, queremos alertar tanto á opinión pública coma ós órganos competentes da Xunta de Galicia sobre os graves efectos que toda esta serie de construccións pode ocasionar para o noso patrimonio biolóxico.

Presentamos unha alegación acerca dos efectos sobre os nosos ecosistemas fluviais, a súa flora e a súa fauna, derivados deste tipo de actuacións que se realizan na busca dun beneficio económico pero que non contemplan as perdas en riqueza biolóxica, en boa medida irreversibles.

Acompañamo-lo texto cunha relación de 129 minicentrais (repartidas entre 104 ríos) solicitadas entre 1996 e 1999, e un listado de especies de flora e fauna raras ou ameazadas, existentes en ríos implicados. Algunhas destas centrais xa están construídas ou en fase de construcción, outras encóntranse aínda en fase de xestión e un terceiro grupo están en fase de estudio. O conxunto levaría a supera-las 300 centrais. É pola desmedida magnitude do problema que reclamamos unha moratoria sobre este tema e a non concesión por parte da Xunta de máis permisos de minicentrais, mentres non se dispoña dunha avaliación das perdas reais de riqueza biolóxica que supoñen estas agresións.

Esiximos da Administración unha actitude consecuente coas lexislacións: comunitaria, estatal e autonómica en materia de protección ambiental. Non podemos permitir inmolar un patrimonio de todos para o beneficio duns poucos, esquecéndo, ademais, as normativas vixentes sobre protección de especies polo método de ignorar que existan alí onde se pretende actuar.

 

Asinan o manifesto perto de 50 investigadores dos Departamentos de Bioloxía Vexetal, Bioloxía Animal, Bioloxía Fundamental (Ecoloxía) e Edafoloxía da Universidade de Santiago de Compostela. Entre os asinantes do manifesto figuran os profesores Javier Amigo Vázquez, Javier Guitián Rivera, María Isabel Fraga Vila, José Luis Pérez-Cirera, Francisco Díaz-Fierros Viqueira, José Guitián Rivera, Mercedes Casal Jiménez, María Teresa Barral Silva, Santiago Ortiz Núnez, Fernando Cobo Gradín, Marcos González González, Ramón Mascato García e Jesús Domínguez Conde.

 

 

Santiago, xullo de 2000

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com