Alegacións de ADEGA ao Plano Sectorial Hidroeléctrico das Concas Hidrográficas Galiza-Costa Imprimir
Envia Alegacións de ADEGA ao Plano Sectorial Hidroeléctrico das Concas Hidrográficas Galiza-Costa a FaceBookEnvia Alegacións de ADEGA ao Plano Sectorial Hidroeléctrico das Concas Hidrográficas Galiza-Costa a Twitter
A presentación do Plano Hidroeléctrico Galiza-Costa supuxo a confirmación dunha visión mercantilista e destructiva do medio ambiente, sentando as bases para o que se converteu na máxima expresión de destrucción e expolio do noso patrimonio natural
  • O Plano Sectorial Hidroeléctrico despreza os custos ambientais e sociais causados polos aproveitamentos hidroeléctricos en xeral e, en particular, polas minicentrais. Afirmacións como “o seu respecto ó medio ambiente é óptimo, facendo posible que o seu impacto sexa nulo”, ou “é completamente segura para persoas, bens e animais”, en referéncia ás minicentrais, carecen de rigor científico e son desmentidas a cotio pola realidade das minicentrais existentes no noso país.

A Estratéxia Española para a Conservación e o Uso Sustentábel da Diversidade Biolóxica (Ministerio de Medio Ambiente, 1999) sinala que “actualmente as minicentrais en rios perfilan-se como unha séria ameaza para a diversidade biolóxica e o medio natural fluvial, xa que vai en aumento a demanda da sua instalación, con frecuéncia concatenando várias, nos tramos mellor conservados de muitos rios ibéricos” (páx. 126).

O documento “Síntese de argumentos desestimatorios do plan de explotación hidráulica da rede hidrográfica galega baseándose na degradación que supón dos nosos hábitats naturais e especies que a súa conservación é de interese comunitario”, asinado por 50 investigadores da Universidade de Santiago das áreas de Bioloxia Animal, Bioloxia Vexetal, Ecoloxia e Edafoloxia, afirma que a construción de minicentrais “está arruinando unha parte substancial do património natural de todos os galegos”.

  • O Plano non analisa, nen sequer superficialmente, o impacto ambiental negativo causado polos aproveitamentos hidroeléctricos existentes, análise que se deveria ter feito previamente á elaboración do Plano, coa finalidade de que éste contemplase medidas destinadas a minimizar e eliminar os prexuízos graves das minicentrais e encoros existentes e evitase a aparición de novos no futuro.

  • O Plano Sectorial Hidroeléctrico non foi obxecto dunha avaliación ambiental estratéxica, o que resulta esencial para previr e minimizar o seu impacto ambiental no conxunto das bacias afectadas. Os procedementos de avaliación de impacto ou de efectos ambientais particulares de cada proxecto son insuficientes, mesmo se se desenvolven de forma adecuada, pois non toman en consideración os efeitos da existéncia de várias minicentrais na mesma bacia.

 

  • Na definición dos tramos de interese hidroeléctrico non se teñen en conta as consideracións ambientais necesárias. Previamente á sua determinación, deverian ter-se realizado os estudos precisos para estabelecer os tramos de interese natural e de interese ambiental, definidos no Plano Hidrolóxico de Galiza-Costa, que considera estes tramos incompatíbeis cos aproveitamentos hidroeléctricos. Na actualidade, Águas de Galiza tan só considera de interese o rio Sor, mália o que, incomprensibelmente, no mapa da bacia do Sor do Plano Sectorial aparecen sinalados tramos de interese hidroeléctrico. Solicitamos que se determinen, de forma rigorosa e no prazo de tempo máis breve posíbel, en coordenación coa Conselleria de Meio Ambiente, os tramos de interese natural e de interese ambiental de todas as bacias. Mentres non sexan determinados estes tramos, deverian-se suspender todos os procedementos de autorización de novos aproveitamentos hidroeléctricos. Entre estes tramos fluviais deverian figurar todos aqueles que discorran por espazos naturais con algún grao de protección e outros, como, por exemplo, os rios Pedra e Barbanza.

  • O Plano, na referéncia que fai ao Libro Branco da Enerxia de Galiza (Conselleria de Indústria, 2000), oculta que éste prevé para o período 2000-2010 a instalación na nosa terra de, “como moito”, 100 MW de potencia minihidráulica, “fundamentalmente por razóns ambientais” (páx 162). O Libro Branco, referindo-se conxuntamente á enerxia hidráulica e á minihidráulica (páxina 75), afirma que “Malia a dispoñer (Galiza) dun potencial hidráulico significativo sen aproveitar, débese valorar o impacto que unha instalación destas características supón social e ambientalmente. En tal sentido, o crecemento esperado nos próximos anos en instalacións maiores de 10 MW é practicamente nulo, ó tempo que cabe esperar un crecemento moderado da minihidráulica, cifrado cara ó ano 2010 en 100 MW de potencia, cunha xeración de 30 ktep”. Adoptando, como fai o Plano Sectorial, unha média de 3 MW por minicentral, esta previsión significaria a construción de 33 minicentrais máis en todo o país durante a presente década.

É evidente que Águas de Galiza non acepta esa previsión de crecimento nen a asume como obxectivo desexábel, pois o Plano estima un aumento no período 2000-2010 da poténcia instalada de 197 MW só para as bacias de Galiza-Costa, nas que se construirian 60 minicentrais máis.

A vontade da Conselleria de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda de fomentar a enerxia minihidráulica é tamén muito maior cá do governo central. Segundo se recolle no próprio Plano Sectorial (páxina 42), “as previsións do Instituto para a Diversificación e o Aforro de Enerxia (IDAE) acordes cos recursos existentes e tendo ademais en conta as expectativas de crecemento ó longo do período 1999-2010, sitúanse no intervalo de 600-800 MW, dos que uns 50 MW corresponderían a Galiza”. O obxectivo do Plano Sectorial Hidroeléctrico para as bacias de Galiza-Costa é catro veces superior ao obxectivo para todas as bacias do país formulado polo Plano de Fomento das Enerxias Renovábeis aprovado polo governo central en decembro de 1999.

- A aportación das novas 60 minicentrais previstas polo Plano para Galiza-Costa ao total da produción enerxética galega prevista polo Libro Branco da Enerxia para o ano 2010 seria mínima, por non dicer desprezábel. En termos relativos, representaria só o 1,3 % (60 ktep de 4.500 ktep). Xa que logo, a contribución á produción enerxética da enerxia minihidráulica, en relación cos prexuízos que pode ocasionar, podémolo considerar como moi custoso, do ponto de vista social e ecolóxico.

  • O Plano Sectorial Hidroeléctrico non se adecua ao Real Decreto 1997/1995, polo que se estabelecen medidas para contribuir a garantir a conservación da biodiversidade mediante a conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres, que traspón a Directiva 92/43/CEE, Directiva “Hábitats”, pois non impide a deterioración das zonas propostas para a Rede Natura 2000 (Lugares de Interese Comunitário, LICs) en Galiza, ao permitir nelas a construción de minicentrais. Os tramos situados en espazos naturais susceitíbeis de formaren parte da Rede Natura 2000 deverian ser considerados automaticamente como tramos de interese ambiental ou natural e, polo tanto, non susceitíbeis de aproveitamento para a produción de electricidade.

Vários tramos de interese hidroeléctrico están situados en zonas propostas para a sua inclusión na Rede Natura 2000 e declaradas como espazos naturais en réxime de protección xeral (Orde do 7 de xuño de 2001 da Conselleria de Meio Ambiente). Ademais, chama poderosamente a atención que, nalgúns casos tramos fluviais propostos para a Rede Natura 2000 acaben onde comezan tramos de interese hidroeléctrico ou zonas de reserva para infraestructuras hidráulicas previstas no Plano Hidrolóxico de Galiza-Costa.

  • O Plano Sectorial ignora e contradi a recentemente aprovada Directiva europea pola que se estabelece un marco comunitário de actuación no ámbito da política da água. Entendemos que o Plano é contraditório co obxectivo da Directiva de estabelecer un marco que “preveña toda deterioración adicional e protexa e mellore o estado dos ecosistemas acuáticos”. O Plano Sectorial Hidroeléctrico, se non se modifica, vai provocar unha perda moi importante da calidade ecolóxica dos rios de Galiza-Costa.

  • Segundo o Plano, a lonxitude total dos tramos de interese hidroeléctrico é de 691 km, que representa “só” (sempre segundo o próprio Plano) o 9,8 % da lonxitude dos rios de Galiza-Costa. Alén de considerar que, entre ese 9,8 % figuran muitos tramos fluviais de especial interese, hai que ter en conta que a lonxitude afectada é maior, pois os efeitos ambientais negativos da/s minicentrais construídas ou a construir nos tramos de interese hidroeléctrico manifestan-se, en parte, águas abaixo, como consecuéncia da modificación do réxime natural de caudais, ao se produciren variacións drásticas das condicións de velocidade da auga, a profundidade e a disponibilidade de refuxios.

  • Constitui unha agresión inxustificábel á capacidade dos governos municipais de desenvolveren nos seus ámbitos territoriais políticas adecuadas de planificación do solo e de protección dos espazos naturais a imposición de adecuar os planeamentos urbanísticos municipais ós proxectos sectoriais que se aproven en desenvolvimento do Plano Sectorial Hidroeléctrico. Achamos que a obriga imposta polo Plano aos Concellos de concederen sempre licéncia de obras para a construción das instalacións das minicentrais é un abuso de poder por parte de Águas de Galiza, destinado a viabilizar proxectos de minicentrais mesmo contra a vontade democrática de governos municipais e poboacións locais.

A conclusión á que se recorre para xustificar esta limitación do poder municipal -“os efectos da implantación dun aproveitamento hidroeléctrico son totalmente compatibles cos usos tradicionais do solo rústico e/ou común” – carece de argumentación convincente e, desde logo, non parece “lóxica”, senón máis ben fruto do afán desmesurado por favorecer os intereses das empresas promotoras de aproveitamentos hidroeléctricos.

Constatamos que Águas de Galiza non deixou pasar a oportunidade de incluir no ámbito territorial do Plano Sectorial Hidroeléctrico “as obras de regulación previstas no Plan Hidrolóxico de Galicia-Costa, así como calquera infraestructura básica requirida polo citado Plano, cando afecte a máis dun Concello”. Deste xeito, o Governo galego impede tamén aos Concellos obstaculizar a execución dos 24 encoros de regulación propostos no Plano Hidrolóxico, alguns dos cais serian utilizados para a produción de electricidade. A Conselleria utiliza o Plano Sectorial Hidroeléctrico para facilitar a construción de encoros de alto impacto ambiental que serian, na sua imensa maioria, innecesários se se desenvolvese unha política de águas baseada no control da demanda e non no aumento da oferta para atender as necesidade de abastecimento, e na restauración hidrolóxico-forestal e na protección e utilización adecuada do domínio público hidráulico para combater as enchentes.

  • As medidas propostas no apartado 4.4 para o deseño da Obra Civil, co obxecto de minimizar as afeccións ambientais, deverian considerar-se como medidas de obrigado cumprimento para todos os proxectos de minicentrais, e non como simples propostas cuxa consideración dependeria da vontade das empresas promotoras en cada caso. Ademais das medidas contempladas, haveria que considerar tamén as seguintes:

  1. Accesos: Peche dos novos accesos construídos para evitar a circulación de veículos de motor non relacionados coa explotación dos aproveitamentos.

  1. Tendidos eléctricos: Soterramento dos tendidos para a evacuación da electricidade en todo o seu percorrido. Adopción de medidas correctoras para reducir os problemas de colisión e electrocución de aves.

Por todo o anteriormente exposto, consideramos que o Plano Sectorial ten por obxecto facilitar a tramitación dos expedientes de autorización de novas minicentrais en benefício dos intereses privados das empresas promotoras, e non ordenar a sua instalación de forma racional.


Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com